Leif Selim Segerstam, nado o 2 de marzo de 1944 en Vaasa e finado o 9 de outubro de 2024 en Helsinqui, foi un compositor e director de orquestra finlandés.

Traxectoria Segerstam estudou violín, piano e dirección orquestral na Sibelius-Akatemia de Helsinqui e dirección na Juilliard School de Nova York con Jean Morel entre 1963 e 1965.

Deuse a coñecer como director operístico a finais dos anos '60 (Helsinqui, Estocolmo e Berlín Oeste). Ten dirixido na Metropolitan Opera, no Covent Garden, no Teatro alla Scala, no Treatro Colón, na Wiener Staatsoper e no Festival de Salzburgo. Acompañou a personaxes como Montserrat Caballé, Birgit Nilsson, Henryk Szeryng, David Oïstrakh, Emil Gilels e Arthur Rubinstein. A partir de 1975 comezou a destacar como director sinfónico, sendo director principal da Radio-Symphonieorchester Wien dende ese ano ata 1982, a Radion sinfoniaorkesteri entre 1977 e 1987, ou da Helsingin kaupunginorkesteri entre 1995 e 2007, orquestra da que lle foi concedido o título de Direcotr Emérito. Ten sido o director musical de diversas orquestras, entre as cales figuran a Deutsche Staatsphilharmonie Rheinland-Pfalz (1983-1990) ou a DR SymfoniOrkestret (1988-1995), sendo nomeado director honorífico das dúas formacións. Foi tamén director principal e musical da Kungliga Operan (Estocolmo) entre 1995 e 2000. Ten sido invitado a dirixir numerosas orquestras en todo o mundo, entre as que destacan Chicago Symphony Orchestra, Los Angeles Philharmonic, London Symphony Orchestra, Toronto Symphony ou a Orquestra Sinfônica do Estado de São Paulo.

Foi frecuentemente invitado a dirixir os festivais de Helsinqui e Savonlinna. A súa gravación de Luonnotar e outras cancións orquestrais de Sibelius xunto a Soile Isokoski, foi nomeada disco do ano en 2007 polo "BBC music magazine".

En xaneiro de 2012 foi nomeado director titular da Turun Filharmoninen Orkesteri (TFO), posto que desempeñou ata o 17 de maio de 2019. Posteriormente foi nomeado director honorario da TFO.

Segerstam compaxinou o seu traballo como director co de profesor de dirección na Sibelius-Akatemia de Helsinqui. Entre os seus alumnos salientan Susanna Mälkki, Mikk Murdvee, Sasha Mäkilä e Markku Laakso.

Vida persoal O pai de Leif Segerstam era o defunto Selim Segerstam, que elaborou numerosos cancioneiros.

Estivo casado coa violinista Hannele Segerstam (concertino da Radion sinfoniaorkesteri), coa que tivo dous fillos, Jan e Pia; Pia é concertista de violonchelo.

Logo do divorcio de Leif Segerstam e Hannele Segerstam, casou coa arpista da Helsingin kaupunginorkesteri Minnaleena Segerstam, coa que tivo tres fillos.

Obra Segerstam é un compositor extremádamente prolífico, sendo especialmente coñecido polas súas numerosas sinfonías (261 en 2012), das cales en torno a un centenar teñen sido interpretadas.

É igualmente coñecido polas súas series de "Orchestral Diary Sheets", moitas delas concibidas para ser interpretadas sen director. Segerstam desenvolveu un enfoque persoal da composición aleatoria a través dun estilo que denominou "pulsación libre", na que os motivos musicais interactúan con flexibilidade no tempo.

261 sinfonías (en 2012) 30 cuartetos de corda 13 concertos para violín 8 concertos para violonchelo 4 concertos para viola 4 concertos para piano

Premios En 1999 foi condecorado co Nordic Council Music Prize polo seu traballo como "incansable defensor da música escandinava". Premio do Estado de Finlandia en 2004. Medalla Sibelius en 2005.

Gravacións Leif Segerstam é tamén ámplamente coñecido polas súas gravacións discográficas, que inclúen as integrais das sinfonías de Jean Sibelius, Carl Nielsen e Gustav Mahler, así como moitas outras obras de compositores contemporáneos coma o compositor finlandés Einojuhani Rautavaara e os compositores americanos John Corigliano e Christopher Rouse.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Finnish Music Information Centre Perfil de Leif Segerstam en Ondine Records Leif Segerstam coa Orquesta Sinfónica RTVE interpretando obras de Sibelius, Rautavaara e outros escandinavos, así como a súa sinfonía nº 176 Entrevista a Leif Segerstam por Bruce Duffie o 5 de decembro de 1997 20px

Categoría:Compositores de Finlandia Categoría:Directores de orquestra de Finlandia Categoría:Directores da Orquestra Filharmónica da Helsinqui Categoría:Nados en 1944 Cateogoía:Finados en 2024 Categoría:Nados en Vaasa