Aage Berntsen, nado en Særslev o 16 de maio de 1885 e finado en Copenhague o 16 de abril de 1952, foi un médico, pintor, poeta e tirador de esgrima danés.

Traxectoria Aage Berntsen era o fillo do político Klaus Berntsen, que anos despois sería primeiro ministro. Aage realizou o bacharalato na Borgerdydskolen en Copenhague, e tras graduarse en 1903 pasou á Universidade de Copenhaguen para estudar medicina ata a súa licenciatura en 1911. Foi o xefe do servizo de ambulancias danesas en París entre 1918 e 1919, foi axudante de cirurxía no Rigshopitalet de Copenhague (1921-1923) e foi Korps-læge (equivalente a tenente) do corpo médico do exército en 1922. En 1925 leu a súa tese de doutoramento sobre as varices nas pernas, titulada en danés Om Varicer paa Underextremiteterne. A partir de 1927 especializouse en cirurxía, ortopedia e flebectasia. Publicou tamén os manuais médicos Lærebog i Orto­pædi e Ortopædisk Operationslære en 1934 e 1948 respectivamente.

Vida artística e deportiva Como escritor publicou a súa primeira colección de poemas en 1908 co título de Digte, seguido en 1910 por Fiol og Sækkepibe e Klinten og Hveden en 1914. Pero o seu poema máis coñecido é Fynsk Foraar que forma parte de Den milde Dag er lys og lang obra coa que Aage gañou unha competición en 1917 organizada pola Dansk Korforening (Sociedade Coral Danesa) para unha obra relacionada coa historia ou a cultura danesa que había ser musicada polo compositor Carl Nielsen e que tivo a súa estrea en 1922. En 1923 publicou Ungkarlens Visebog e en 1929 Den kostelige Gave i 1929. Entre os premios que recibiu están o Holger Drachmann-legatet en 1941 e a Aarestrup-medaljen en 1950.

Como pintor expuxo na Exhibición de Arte de Autono de Copenhaguen en 1941.

Destacado tirador de esgrima, Bernsten pertencía ao Akademisk Fægteklub e participou nos Xogos Olímpicos de 1920 nas tres armas individuais, e tamén en sabre e espada na competición por equipos, mais non obtivo medalla.

Notas

Categoría:Nados en 1885 Categoría:Finados en 1952 Categoría:Esgrimistas olímpicos de Dinamarca Categoría:Médicos de Dinamarca Categoría:Poetas de Dinamarca Categoría:Escritores en lingua dinamarquesa Categoría:Pintores do século XX Categoría:Esgrimistas de sabre Categoría:Esgrimistas de espada Categoría:Esgrimistas de florete Categoría:Nados na rexión de Syddanmark Categoría:Esgrimistas nos Xogos Olímpicos de 1920