Santo Estevo de Cesullas é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Cabana de Bergantiños na comarca de Bergantiños. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 1 325 habitantes (687 mulleres e 638 homes), distribuídos en 31 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.566 habitantes.
Xeografía A parroquia está bañada na cara norte polo río Anllóns que a separa do concello de Ponteceso. Os cumios máis destacables son o monte Cundíns (206 metros) e o monte Vilariño (155 metros).
Patrimonio A igrexa parroquial data do século XVII, época da cal se conserva a capela lateral sur, sendo a capela maior, nave, fachada e a espadana do século XVIII. A nave e a capela maior son rectangulares, e a fachada pentagonal. Enriba da porta principal hai unha imaxe en pedra de Santo Estevo, enmarcado lateralmente por volutas.
A ermida de San Fins destaca por estar orientada cara ó leste. Ten ábsida e nave rectangulares. No lado sur da ábsida ten un pórtico lateral acaroado para a celebración das misas o día da romaría. Na fachada pentagonal hai unha celosía de pedra, quizais prerrománica. Nesta capela celébrase a romaría de San Fins do Castro. En 2026 un árbola rompeu boa parte do tellado.
A Ermida de Nosa Señora das Neves ten un adro triangular, cunha fachada pentagonal. A espadana está sen campás.
O cruceiro do Sacramento é de granito. A plataforma é cuadrangular con tres graos. O pedestal é cuadrangular e remata en chafráns. Ten mesa acaroada na que aparece unha lápida de granito con dous anxos nos laterais do relevo e unha custodia no centro. O varal é octogonal con chafráns. O capitel é cuadrangular moldurado. A cruz é cuadrangular con brazos achafranados, remates en punta de diamante e imaxes polas súas catro caras. No anverso está Xesucristo, cos pés pousados sobre unha caveira e tibias, aparece crucificado con tres cravos, inclina a cabeza cara á dereita, ten as mans abertas, carece de coroa, ten pelo trenzado, o paso da pureza aparece anoado á dereita e arriba está a cartela de INRI. No reverso, a Virxe enriba dunha peaña aparece en actitude de orar cos dedos entrelazados. Nos laterais, obsérvase unha imaxe feminina orando con rosario e un San Francisco.
Festas As festas máis importantes desta parroquia son: Romaría de San Fins do Castro, 1 e 2 de agosto, adicada á Virxe das Milagres. O Carme de Neaño, celebrada a primeira fin de semana de xullo. O Carme de Cesullas, celebrada o 10 de agosto.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Cesullas
Parroquias de Cabana de Bergantiños
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Lugares de Cabana de Bergantiños Camiño dos Faros
Categoría:Parroquias de Cabana de Bergantiños Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santo Estevo Categoría:Camiño dos Faros