Santa María de Cereo é unha parroquia que se localiza no norte do concello coruñés de Coristanco na comarca de Bergantiños. Segundo o IGE, no 2018 a súa poboación descendera ata os 284 habitantes, sendo 125 homes e 159 mulleres. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 415 habitantes (214 mulleres e 201 homes) distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 468 habitantes.

Xeografía física Bañada polo río Anllóns e polo seu afluente o río Calvar.

Vexetación As dúas especies arbóreas máis abundantes son os piñeirais, sobre todo nos montes que rodean a Vilaverde ou polo leste do monte do Monelo. No resto de superficie arborada ou ben hai un equilibrio entre estes e os eucaliptos ou sobresae o eucalipto que, en moitos casos, avanza de xeito natural pero imparable. Na beira do río Anllóns son moi abondosas as plantas de ribeira: salgueiros, ameneiros, bidueiros e sanguiños. Hai tamén algún que outro bo exemplar solto de carballo.

Relevo A parte central, máis aplanada, foi aproveitada para establecérense nela os principais núcleos de poboación pola súa maior facilidade para traballala. Nela destaca a suave pero nidia inclinación cara ao norte desde os 180 m da aldea do Cotón ata os 50 do leito do río Anllóns. O máis destacado da parte oriental é un pequeno outeiro ao leste de Vilaverde con caídas suaves pola parte occidental pero con fortísimos desniveis pola parte que dá á paraxe do Refuxio de Verdes, produto da tectónica xa que está orixinada por unha falla que aproveitou o río para encaixarse e seguir un trazado máis ben recto ata chegar a outra falla perpendicular á anterior o que fai que o río describa un ángulo recto e colla decididamente a dirección da Pontedona.

Hidrografía A principal corrente fluvial da parroquia é o río Anllóns que non chega a entrar nela pero que lle serve de linde, xunto co pequeno Lodeiro durante case 4 km. Do interior só cabe mencionar o ínfimo regato de Portocelo de apenas 1 km de lonxitude.

Patrimonio A igrexa parroquial de Santa María de Cereo foi reconstruída en 1868, pero conserva un retablo barroco do século XVII.

Lugares e parroquias Lugares de Cereo

Parroquias de Coristanco

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Lugares de Coristanco Ligazóns externas Cereo na web do concello de Coristanco

Categoría:Parroquias de Coristanco Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María