O centro histórico de Pontevedra é a parte máis antiga da cidade correspondente ao primitivo asentamento urbano. É o segundo casco antigo máis importante de Galicia despois do de Santiago de CompostelaPombo, Antón, 2012, Un corto viaje a Galicia, Madrid, Anaya Touring, p. 61 e foi declarado Conxunto Histórico-Artístico o 23 de febreiro de 1951.Saavedra, Segundo, 2011, Un corto viaje a Rías Bajas, Madrid, Anaya Touring, p. 37
O centro histórico da cidade posúe unha gran riqueza arquitectónica e conserva numerosos restos das épocas medieval, moderna e contemporánea.
Localización O centro histórico de Pontevedra está delimitado principalmente polas rúas que coinciden co trazado da antiga muralla, situándose a súa parte norte na marxe esquerda do río Lérez que atravesa a cidade. O casco antigo está delimitado pola rúa Serra ao norte, a rúa Arcebispo Malvar ao leste, a rúa Michelena ao sur e as rúas Cobián Roffignac e Padre Amoedo Carballo ao leste. A Alameda e a Gran Vía de Montero Ríos coas Ruínas do Convento de San Domingo e os edificios institucionais oficiais de finais do século XIX considéranse como unha prolongación do centro histórico cara ao oeste.
Historia Foi probablemente no século IX cando a poboación de Pontevedra comezou a reunirse en torno á antiga ponte e enclave romanos. En 1169, o rei Fernando II de León e Galicia concedeulle a categoría de cidade. Iniciouse a construción da nova ponte medieval (actual ponte do Burgo) e a poboación foise asentando no que hoxe é o centro histórico.Aganzo, Carlos, 2010, Ciudades con encanto. Pontevedra, Madrid, El País-Aguilar, p. 18
Pontevedra dotouse dunha muralla fortificada que se desenvolveu en tres fases sucesivas a partir do núcleo orixinal situado nas inmediacións da Basílica de Santa María a Maior, a zona máis alta e facilmente defendible. A planta da primeira muralla é a dunha bastida preplanificada, organizada en tres rúas paralelas (Pratería Vella, Amargura-San Martiño e rúa Alta-Sor Lucía) e unha transversal central correspondente á parte alta da rúa Isabel II.
No século XIII, o recinto amurallado ampliouse como consecuencia do paulatino crecemento económico e demográfico xerado polos privilexios reais concedidos á cidade (en 1229, Afonso VIII de León e Galicia outorgoulle un privilexio exclusivo para a elaboración e distribución de peixe en todo o reino, e en 1238, Fernando III de Castela concedeulle a fabricación de graxa de saín). Nos últimos anos do século XIII chegaron as ordes mendicantes dos dominicos, as clarisas e os franciscanos; estes últimos construíron o seu convento no outro punto alto do casco antigo, ao leste. right|thumb|330x330px|Centro Histórico de Pontevedra en 1669 segundo un debuxo de Pier Maria Baldi.
No século XIV produciuse unha segunda fase de ampliación da muralla, que discorre pola rúa Pasantería e a praza da Ferrería ata a súa confluencia coa rúa Michelena. Neste século o francés Jean Froissart alcumou a cidade a Boa Vila (La Bonne Ville) nas súas crónicas pola súa magnífica situación xeográfica e o seu esplendor económico. No século XV, o crecemento da cidade fixo necesaria unha última ampliación da muralla. En 1452, Xoán II de Castela concedeu a Pontevedra o título de porto de carga e descarga de Galicia e, en 1467, Henrique IV de Castela premiouna coa autorización para establecer unha feira franca anual de 30 días. Era necesario dispoñer dun espazo suficientemente amplo e controlado para celebrar a feira (correspondente á actual praza da Ferrería). A nova muralla completouse en 1480.Durán Villa, Francisco, 2000, Provincia de Pontevedra, Madrid, Editorial Mediterráneo, p. 78 right|thumb|260x260px|Plano de Pontevedra e o seu centro histórico en 1856
No século XVI, o poder económico do Gremio de Mareantes levou á construción da Basílica de Santa María a Maior. Ao longo do século XVI, o armazón de rúas, prazas e edificios cubriu parte dos espazos baleiros do interior das murallas de Pontevedra. En 1719, a invasión inglesa causou grandes danos á cidade. Durante este século leváronse a cabo reformas urbanas con novas prazas e rúas e construíronse novos edificios relixiosos, como a Igrexa de San Bartolomeu e o Colexio da Compañía de Xesús, así como novos pazos urbanos como o de Mugartegui e a remodelación do dos Condes de Maceda. Preto do recinto amurallado, construíuse en 1792 a Igrexa da Virxe Peregrina.
No século XIX derrubouse a muralla medieval, comezando en 1852 coa porta de Trabancas e terminando co tramo da rúa do Rouco e da rúa Cobián Roffignac en 1875. Tamén se derrubaron as torres arcebispais e a fortaleza dos Churruchaos, e construíuse o palacete das Mendoza.
En 1880 construíuse a nova Casa do concello, urbanizouse a praza de España e ampliouse a Alameda (antiga horta dos dominicos), fronte á cal se construíron os edificios administrativos oficiais, sede das institucións da capital da provincia, outorgada en 1833. En 1951, o centro histórico de Pontevedra foi declarado conxunto histórico-artístico. En 1999, o centro histórico peonalizouse e levouse a cabo unha profunda renovación urbana.
Estrutura urbana A basílica de Santa Maria A Maior e o convento de San Francisco marcan os puntos estratéxicos de oeste a leste do casco antigo sobre dous outeiros. Entre eles, configurouse a cidade medieval co seu labirinto de rúas e prazas medievais. As rúas estruturáronse ao redor dun eixo principal que corresponde ás actuais rúas Sarmiento e Isabel II, e a partir de aí dividíronse o resto das rúas, formando un exemplo clásico de cidade medieval con planta en espiña de peixe, onde as rúas estrutúranse a partir dun único eixo central sobre o que se enxertan as rúas secundarias.Saavedra, Segundo, 2011, Un corto viaje a Rías Bajas, Madrid, Anaya Touring, p. 37 A rúa Real atravesa parte do casco antigo de norte a sur. Entre as rúas, o centro histórico está salpicado de prazas de proporcións regulares, cadradas ou rectangulares, con moitas casas nobres con escudos de pedra, que airean o tecido urbano e danlle elegancia.
O principal espazo verde do casco antigo son os xardíns de Casto Sampedro, anexos á igrexa e ao antigo convento de San Francisco, no centro dos cales está a fonte renacentista da Ferrería. Ao oeste atópase o Campiño de Santa María cos restos da antiga muralla, e ao suroeste do casco antigo está a Alameda de Pontevedra, antiga horta dos dominicos.
Lugares de interese e monumentos Prazas de orixe medieval O centro histórico organízase ao redor de distintas prazas. Estas prazas medievais do casco antigo de Pontevedra destacan como pequenas estancias de proporcións regulares e xeométricas.Aganzo, Carlos, 2010, Ciudades con encanto. Pontevedra, Madrid, El País-Aguilar, p. 10 Moitas delas evocan cos seus nomes comerciais as actividades que alí se desenvolvían hai séculos: a praza da Leña, a da Verdura, a da Pedreira, a da Ferrería... Pombo, Antón, 2012, Un corto viaje a Galicia, Madrid, Anaya Touring, p. 62 As prazas máis importantes son: a da Verdura, a da Ferrería, a da Leña, a do Teucro, a da Pedreira, a de Méndez Núñez e a de Curros Enríquez. Outras prazas importantes do casco antigo son: Cinco Rúas, Peirao ou Alonso de Fonseca e na beira do centro histórico a praza da Peregrina e a praza de España.
Edificios relixiosos Os edificios relixiosos máis representativos do casco antigo foron construídos por ordes mendicantes (dominicos, franciscanos),Riveiro Tobío, Elvira, 2008, Descubrir Pontevedra, Pontevedra, Edicións do Cumio, p. 8 polo poderoso gremio dos mareantes, polos xesuítas e pola confraría da nosa Señora do Refuxio e Divina Peregrina. Estes edificios son: as ruínas do convento gótico de Santo Domingo, a igrexa gótica de San Francisco, a basílica gótico-renacentista de Santa María a Maior, a igrexa barroca de San Bartolomeu, o colexio barroco da Compañía de Xesús e a igrexa barroca da Virxe Peregrina. No casco antigo tamén hai varias capelas, como a do Nazareno e a das Ánimas e o Santuario das Aparicións, e fóra do casco antigo, a poucos metros ao leste das antigas murallas, atópase o convento gótico de Santa Clara.
Edificios civís Pontevedra foi un lugar privilexiado de residencia da nobreza e de poderosas familias galegas.Saavedra, Segundo, 2011, Un corto viaje a Rías Bajas, Madrid, Anaya Touring, p. 36 et 44 Ningunha outra cidade galega posúe tal riqueza de escudos nas fachadas de moitas casas nobres e pazos. No centro histórico hai máis de 200 escudos tallados en pedra.
Edificios civís importantes son: a Casa das Campás, o Pazo dos Condes de Maceda, o Pazo de Gago e Montenegro, o Pazo de Mugartegui, o Pazo de García Flórez, o Pazo de Castro Monteagudo, a Casa das Caras, a Casa dos Vaamonde, o Teatro Principal de Pontevedra e o Liceo Casino, o Pazo do Marqués de Aranda, a casa do Correo Vello, a Casa Consistorial de Pontevedra, o palacete das Mendoza, o edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra, o Pazo da Deputación de Pontevedra, o IES Valle Inclán, o Mercado de Abastos de Pontevedra e o Edificio Castelao.
Estatuas As estatuas do centro histórico renden homenaxe a personaxes importantes da historia da cidade: O Fiel contraste, o Monumento aos heroes de Ponte Sampaio ou a Estatua de Valle-Inclán, así como a figuras populares como o Papagaio Ravachol ou ás Mulleres Galegas (Muller con galiñas).
Pontes A ponte do Burgo é a ponte medieval en arco que permite acceder ao centro histórico desde o norte e que deu nome á cidade (Pontis Veteris). Por ela pasa o camiño portugués.
Museos Os seguintes museos atópanse no centro histórico da cidade: Museo de Pontevedra: foi inaugurado en 1929 e conta con 6 edificios. Está clasificado entre os tres mellores museos provinciais de España.Aganzo, Carlos, 2010, Ciudades con encanto. Pontevedra, Madrid, El País-Aguilar, p. 50 Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA): foi inaugurado en 2010 e mostra a que foi unha das estruturas defensivas máis importantes da cidade.
Bens de Interese Cultural O conxunto de monumentos do centro histórico que desde 1951 foi protexido patrimonialmente, ao abeiro de distintas figuras legais que en 1985 quedaron unificadas baixo a categoría de Ben de Interese Cultural, froito da entrada en vigor da Lei 16/1985, de Patrimonio Histórico Español son: Ruínas do Convento de San Domingos declaradas Monumento Nacional o 14 de agosto de 1895, sendo o primeiro monumento da provincia de Pontevedra en acadar esta declaración. Convento-Igrexa de San Francisco declarados Monumento Nacional o 26 de agosto de 1896. Basílica de Santa María a Maior declarada Monumento Histórico-Artístico o 3 de xuño de 1931. Cidade Antiga, declarada Conxunto Histórico-Artístico o 23 de febreiro de 1951. Museo de Pontevedra declarado Monumento Histórico-Artístico o 1º de marzo de 1962. Igrexa da Peregrina declarada Monumento o 13 de outubro de 2011. Fóra da cidade vella atópase tamén o Mosteiro de Lérez e arredores declarado Monumento Histórico-Artístico e Paraxe Pintoresca o 21 de xuño de 1946.
Eventos culturais e festividades No centro histórico da cidade celébrase a Feira Franca de Pontevedra, o enterro do papagaio Ravachol, os Maios e diversos eventos das festas patronais da Virxe Peregrina.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Muralla de Pontevedra Fonte da Ferrería Museo de Pontevedra A Moureira
Ligazóns externas Centro histórico de Pontevedra na web Visit-Pontevedra Centro histórico de Pontevedra na web Turismo Rías Baixas
Categoría:Centros históricos de Galicia
Categoría:Barrios de Pontevedra Categoría:Historia de Pontevedra