O Riós é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Verín. Segundo o IGE en 2014 tiña 1684 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é .
Xeografía O termo municipal ten 114,4 km², e está situado nun espazo de transición entre as terras altas situadas ao oeste e as do val do río Támega. Entre estas alturas, sobresaen polo sur os cumios da Serra de Penas Libres (Vilardevós) e polo norte os da Serra Seca (A Gudiña). O terreo é ondulado. Mestúranse unha sucesión de vales fluviais e lombeiros, cunha altitude media duns 600–800 m. Lousas e pelitas, con algunha banda de cuarcítica, son os materiais que compoñen o substrato litolóxico. Nos seus lindeiros destacan as maiores alturas que están localizadas na Urdiñeira (1 148 m) cara ao norte, Castelo da Pena (941 m) e Alto das Ferrerías (924 m) no suroeste. Marxeando con Vilardevós, completan o territorio varias aliñacións de lombas de oeste a leste con alturas que non pasan dos mil metros: As Touzas (943 m), Porto dos Bois (868 m), Xermil (930 m) e As Canelas (731 m).
miniatura|esquerda|Río Mente. No Riós son innumerables os ríos. Polo seu volume de auga destacan o río Mente, o Arzoá e o Marcelín. Os tres forman parte da conca fluvial do río Douro, despois de traspasar a raia con Portugal. Un contexto singular, orográfico e hidrográfico, outrora ben definido por Ramón Otero Pedrayo: "O río Mente sinala unhas mainas encostas e un comén de chaira de soutos e bos labramios que a estrada xeral cruza polas Vendas da Barreira, no imperio de formas descidas da Pena Cofre e aínda valentes na indefrenza e vaguedá da montaña que se fai serra. O lombos de Santa Baia e Progos determinan ao Riós pola banda de Verín. Fumaces, xa na encosta desde Verín, enxerga os releves do Riós que polo rumbo das augas devalan n'a terra portuguesa de Vilariño, e teñen relación cas terras de Vilardevós e a serra de Penas Libres, ista xa unha “leboreirida” ben crara. Os pobos principais do Riós –Castrelo da Cima, Castrelo de Baixo, Flor do Rei Novo, acaroado da parroquia centrosa do val, Maialde, Berrande, Soutochán– envólvense en soutelos e algunhas viñas e disfroitan de larganza pastoral. Son illós ou costelaciós xeórxicas no mundo do pastor…"
O seu clima é oceánico de montaña, aínda que con algún matiz mediterráneo. As temperaturas medias que se rexistran aquí sitúanse ao redor dos 10 °C. Os invernos adoitan a ser fríos, con mínimas por baixo de cero en moitas ocasións, e os veráns quentes, con temperaturas máximas superiores aos 35 °C. Na estación invernal son frecuentes as xeadas e as precipitacións roldan os 1 200 mm, con nevaradas nas zonas de maior altura. Na zona do Riós e das Vendas da Barreira son habituais os bancos de brétema. Xunto coa neve, estas brétemas adoitan causar cortes no tránsito pola autovía A-52 que atravesa o concello.
Entre a súa flora destaca o castiñeiro. É doado atopar exemplares centenarios. A toponimia constata a presenza desta árbore en lugares como A Pena do Souto, O Souto na Chaira, O Souto en Marcelín; ou paraxes como O Souto Tameirón no Riós, Os Soutos da Arzá con castiñeiros centenarios, O Souto Grande onde se facía antigamente a festa do Riós, O Souto en Castrelos de Cima, O Souto Barato na Pena do Souto, O Souto no Navallo, O Souto e O Souto de Miñambres en Progo, O Souto do Concello en Vilariño das Touzas, O Souto das Chairas en Florderrei, o Souto do Civil en Romariz. No escudo heráldico municipal loce un frondoso castiñeiro.
As touzas e devesas de carballos proliferan e tamén medran aquí outras especies de matogueira como a uz, a xesta, o piorno, a carqueixa e outras variedades propias de ribeira.
Hai variedades de fauna que teñen aquí un hábitat propicio para o seu desenvolvemento. Mamíferos, aves, réptiles e outros animais de menor tamaño teñen quedado, como exemplo da súa presenza aquí, estereotipados na toponimia local; así, entre outros, hai A Aguieira, O Val de Quiebros, O Pozo do Lobo, A Cigoña, A Pala de Osa ou Val de Corzas en Castrelos de Abaixo; A Fraga da Raposa, O Val da Culebra, As Raposeiras, O Foxo (trampa para cazar lobos), O Val da Abelleira ou O Raposo en Castrelos de Cima; Os Miotos en San Pedro de Trasverea, O Palomar e A Fraga Bicheira en San Paio; o Val da Culebra e As Raposeiras en Covelas; A Lavandeira no Mourisco; Val de Porquerías e O Niño do Gaio na Trepa; Penacorveira e A Azureira no Navallo; O Foxo Vello en Pedroso; O Val das Lebres en Progo, Os Campos da Zorra en Vilariño das Touzas, Os Ichós e A Viña da Bicha en Marcelín, As Corvaceiras no Riós, A Abelleira e O Palomar nas Vendas da Barreira, o Val do Cuco e Os Bubales na Chaira…
Existe un couto de caza que tamén se estende ao monte de Sanguñedo e á Veiga de Nostre. Nel hai presenza de pezas de caza maior e menor: corzo, xabaril, coello, lebre ou perdiz, entre outros. O número de socios rolda os douscentos. A Asociación de Pescadores Río Mente reúne os afeccionados á pesca no concello.
Á parte das especies propias da zona meridional de Galicia no concello existen varias especies de flora, como a aciñeira (Quercus ilex ssp. rotundifolia), o terebinto (Pistacia terebinthus) e o pradairo de Montpellier (Acer monspessulanum). Na fauna destacan o abellaruco europeo (Merops apiaster), a andoriña dáurica (Hirundo daurica), o gaio azul (Coracias garrulus) e a osga (Tarentola mauritanica-), particularmente escasas. Porén, o máis interesante da zona é o seu inmenso bosque de frondosas, carballos, castiñeiros e piñeiros que ocupa a meirande parte da superficie do concello, así como os seus vales e paisaxes naturais que na zona lindante de Portugal teñen a categoría de parque natural.
Distancias Distancia á cidade de Ourense: dende As Vendas da Barreira: 80 quilómetros dende O Riós: 82 quilómetros
Organización territorial Malia ser lugar de paso obrigado dende tempos históricos, o interior do Concello está mal comunicado a través de pistas, unhas veces asfaltadas, outras simplemente abertas no monte. Dise que preto da aldea de Trasestrada pasaba unha calzada romana. Seguramente o facía pola próxima aldea das Vendas da Barreira, lugar polo que transcorren actualmente a N-525 e a autovía A-52, vías de entrada á Galicia sur. O nome das Vendas alude probablemente á parada de postas que existiría cando polo lugar pasaba o camiño real.
Económica e administrativamente, O Riós sempre dependeu do Concello de Verín (dista apenas uns 20 quilómetros) e, en menor medida, da Gudiña (tamén a uns 20 quilómetros), onde para o tren. Xa dende a Idade Media, O Riós formaba parte da xurisdición de Souto Bermudo no señorío de Monterrei (Verín).
Malia limitar con Portugal, apenas existe constancia de intercambio cos territorios portugueses próximos, seguramente debido a que a fronteira nestes lugares é bastante abrupta e chea de cavorcos. Deberon existir tales intercambios e mesmo trasegos de poboación, mais o único que pervive na memoria dos paisanos é o abondoso contrabando que se facía polos carrouchos raianos de a cabalo de burros e asnos. Tradicionalmente consistía, segundo os relatos orais, en alixos de café, azucre, teas e gando (vacún, ovino e cabalar). Logo da Guerra civil española ampliouse a materias tan escasas daquela como o pan, a fariña, o cemento ou o plástico en obleas.
Demografía Aínda que o seu territorio é bastante extenso (uns 112 km²), conta cunha poboación moi baixa: apenas 1 684 persoas segundo o censo do ano 2014 (2 132 en 2002). Porén, esta poboación está moi avellentada por mor dunha intensa emigración cara a Alemaña, Francia, Suíza, o Brasil e a Arxentina e cara a Madrid, Bilbao, Barcelona e Vigo en España. A densidade da poboación é moi baixa (de feito, linda cos territorios máis despoboados de Galicia) e o número de habitantes está en retroceso. A poboación atópase espallada ao longo do seu vasto territorio en pequenas aldeas e lugares, que oscilan entre os trinta e os cinco veciños. Só a aldea do Riós é un pouco máis grande.
Censo Total (Habitantes) 1 684 (2014) Menores de 15 anos 84 (4,99%) Entre 15 e 64 anos 879 (52,2%) Maiores de 65 anos 721 (42,81%)
Xeografía humana miniatura|250px|esquerda|Vista da aldea da Veiga do Seixo.
Son trinta e cinco os núcleos habitados repartidos nas oito parroquias que ten o concello do Riós, entre aldeas, casaríos ou pequenos barrios vinculados a lugares de máis relevancia. A maioría son aldeas de estrutura compacta, dominando terras de cultivo e pradarías, de rúas estreitas e con construcións tradicionais, con adegas e cortes para os animais na parte baixa e as estancias da vivenda no andar superior. Pola contra, non faltan tamén os núcleos que naceron e medraron a carón de vías de comunicación e que de primeiras comezaron sendo simples mesóns, pousadas ou vendas. Lugares como As Vendas da Barreira, San Pedro de Trasverea, Trasestrada, San Pedro de Pousada etc, e topónimos como O Mesón dos Caracos na Trepa, A Venda da Mar e A Parada en Fumaces son reveladores en canto á súa vinculación cos camiños.
Neste contexto de núcleos situados en zonas máis ou menos illadas e montañosas e a carón das modernas estradas, viven o conxunto dos habitantes cos que conta o concello, que actualmente (2006) apenas supera os 2 000 habitantes. Cómpre dicir que o padrón municipal vén decrecendo nos últimos anos. No ano 1900, O Riós tiña 4 664 habitantes; 4 979 en 1920; 5 504 en 1940; 5 169 en 1950; 5 143 en 1960; 4 669 en 1970; 4 056 en 1981; 2 520 en 1991 e 2 132 en 2001. A tendencia xeral experimenta un crecemento progresivo a comezos do século XX ata a década de 1940, momento en que comeza un período de perda ininterrompida de poboación, debido ás consecuencias da emigración cara ao resto de España e outros países.
Historia Os primeiros poboadores do territorio do actual concello do Riós (tamén coñecido nas fontes como Orriós ou País do Riós), foron os interamnios, que pertencían ao conxunto dos pobos interamnenses, termo que alude á presenza de ríos que "intermedian". Este pobo é un dos que figuran na inscrición da ponte romana de Chaves, coñecido como Padrón dos pobos, xunto cos tamaganos, bibalos e límicos, todos eles estendidos pola zona meridional de Galicia.
Dende o medievo a vila foi lugar de paso dunha vía de peregrinación xacobea importante, a Ruta da Prata. Penetraba vindo do reino de Castela ata Santiago de Compostela.
Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello do Riós integráronse na xurisdición de Souto Bermudo, señorío do conde de Monterrei. Ao ser un territorio fronteirizo entre España e Portugal sufriu os avatares das relacións entre ámbolos dous países. En 1569, os exércitos portugueses atravesaron o territorio seguindo a Ruta da Prata e chegaron ata A Gudiña antes de seren expulsados.
A proclamación da Constitución española de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos do Riós e Castrelos. En 1823 Fernando VII derogou a Constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación da municipalidade produciuse en 1835 cando xurdiu o concello do Riós, que abarca os antigos do Riós e Castrelos.
Economía Tradicionalmente foi un territorio agrícola e gandeiro, dependente do Val de Verín (ao que os lugareños se refiren aínda hoxe coma o "Valle").
As súas principais producións eran a pataca, o millo, a castaña (son abondosos os castiñeiros e a castaña da zona é merecidamente famosa), a forraxe para pastos e, en menor medida, o trigo e a cebada. Nas beiras dos ríos Lamas e Mente, cultivábase o liño, cuxa produción decaeu ata desaparecer na década dos anos 1950. Modernamente, introduciuse a recolleita de cogomelos.