Alice in Chains (ás veces abreviado como AiC) é unha banda estadounidense de rock formada na cidade de Seattle en 1987. Desde o ano 2006, a formación da banda está composta polos vocalistas e guitarristas Jerry Cantrell e William DuVall, o baixista Mike Inez e o batería Sean Kinney. O vocalista Layne Staley e o baixista Mike Starr son antigos membros da banda. A miúdo asociado coa música grunge, o son e o estilo de Alice in Chains teñen as súas raíces no heavy metal. A banda é coñecida polo seu estilo vocal distintivo, que a miúdo incluía as voces harmonizadas entre Staley e Cantrell (e máis tarde Cantrell e DuVall). Son unha das bandas de rock máis populares da década de 1990.
A formación orixinal de Alice in Chains estaba formada por Cantrell, Kinney, Staley e Starr. Tomaron o nome da banda anterior de Staley, Alice N' Chains. O grupo acadou a fama internacional como parte do movemento grunge de principios dos anos 90, xunto con outros conxuntos de Seattle como Nirvana, Pearl Jam e Soundgarden. Destacaron na MTV e na radio de rock convencional co sinxelo "Man in the Box" (do seu álbum debut de 1990, Facelift). Despois de lanzar o EP Sap a principios de 1992, a banda acadou un grande éxito comercial co seu seguinte álbum, Dirt, ese mesmo ano. Dirt contiña os populares sinxelos "Rooster" e "Would?", entre outros. Starr foi substituído no baixo por Inez a principios de 1993. Os dous discos seguintes, Jar of Flies de 1994 (que incluía os populares sinxelos "I Stay Away" e "No Excuses") e Alice in Chains de 1995 (que tamén contiña éxitos da radio como "Heaven Beside You" e "Grind") alcanzaron o primeiro posto da lista Billboard 200 dos Estados Unidos e conseguíronlle á banda varias candidaturas aos premios Grammy.
Alice in Chains sufriu unha longa etapa de inactividade a partir de 1996, debida en gran medida aos problemas de adicción de Staley, que levaron á súa morte en 2002 e provocaron que a banda entrase en hiato. Alice in Chains reuniuse de novo en 2005, con DuVall incorporándose en 2006 como guitarrista rítmico e compartindo as tarefas de voz principal; dende entón, a banda publicou tres álbums máis: Black Gives Way to Blue (2009), The Devil Put Dinosaurs Here (2013) e Rainier Fog (2018).
Nos Estados Unidos, Alice in Chains vendeu máis de 30 millóns de discos certificados pola RIAA. Tiveron 18 cancións entre as 10 mellores da lista Mainstream Rock Tracks da Billboard e cinco éxitos número 1, e recibiron 11 nomeamentos aos premios Grammy. A banda foi incluída en numerosas listas dos mellores de todos os tempos, incluíndo o posto número 34 no especial "os 100 mellores artistas do hard rock" de VH1 e o número 15 na lista "as mellores bandas en directo" de Hit Parader.
Historia Formación Alice in Chains sobresaíu como unha das principais bandas da primeira metade da década dos 90 en Seattle. A banda foi formada en 1987, cando Layne Staley (vocalista) coñeceu Jerry Cantrell (guitarrista) no Music Bank, en Seattle. Antes diso, Staley xa tocaba con algúns amigos nunha banda chamada Alice N’ Chains, pero a partir do seu encontro con Cantrell a banda pasou a chamarse Alice in Chains e empezou a traballar en serio. Jerry trouxo para grupo ao baixista Mike Starr e ao batería Sean Kinney, e a banda comezou a tocar nos clubs e bares de Seattle.
En 1989, a banda asinou un contrato coa Columbia Records. En xuño do ano seguinte, lanzaron o EP We Die Young (que hoxe é moi difícil de atopar). O son da banda logo se caracterizou como un "hard-metal" de primeira, con sons que lembraban a Black Sabbath e a Metallica. Layne amosábase un letrista melancólico e sentimental. Xa en 1990, no verán, a banda lanzou o álbum Facelift e comezou a facer xiras ao lado de nomes como Megadeth, Iggy Pop e Van Halen. O disco comezou a ter éxito (gañaría o disco de ouro máis tarde) e a banda comezou a gañar prestixio. En maio de 1991, Alice in Chains participou do Clash of Titans, con Slayer, Megadeth e Anthrax.
En novembro de 1991, Alice in Chains gravou un EP chamado Sap, que é case todo acústico e posúe as participacións de Chris Cornell (Soundgarden) e Mark Arm (Mudhoney). Reza a lenda que o título do disco ven dun soño do batería Sean Kinney. Nese período, o grunge comeza a facerse notar, con bandas coma Soundgarden, Nirvana e Pearl Jam soando nas radios de todo o mundo.
Dirt miniatura|200px|Jerry Cantrell En abril de 1992, a banda comezou a gravar o seu novo disco, con Dave Jerden na produción, e o 29 de setembro dese ano Dirt foi lanzado. A banda saíu de xira con Ozzy Osbourne durante tres meses e despois diso Mike Starr decidiu deixar a banda xa que non aguantaba facer máis xiras e que quería pasar máis tempo coa súa familia, sendo substituído por Mike Inez, que era baixista de Ozzy. Xa en 1993, a banda toca con Screaming Trees en Europa e participa no Lollapalooza, que tiña a Primus como atracción principal. No disco Dirt, as letras de Staley son bastante depresivas, con temas como morte e drogas. Ese disco gañaría tres discos de platino.
En setembro de 1993, a banda grava un mini-disco, chamado Jar of Flies, producido por Toby Wright e lanzado a comezos de 1994. É o primeiro EP da historia en chegar á cima da lista da revista Billboard.
Despois dalgún tempo fóra da escena, Staley aparece nun proxecto paralelo con Mike McCready (Pearl Jam), Barret Martin (Screaming Trees) e Baker Saunders (Lamont Cranston). Baixo o nome de Mad Season gravan un disco chamado Above, lanzado en marzo de 1995.
En abril de 1995, Alice in Chains entra no estudio Bad Animals, en Seattle, para a gravación dun novo disco, novamente coa produción de Toby Wright. O resultado é lanzado en novembro de 1995, e o álbum posúe como título o nome da banda (a pesar de que algúns o chamaron Tripod). Eles deciden non facer xira para divulgar o disco o que fai aparecer rumores de que a banda estaríase separando.
Pero en maio de 1996 Alice in Chains reúnese novamente para a gravación dun acústico especial para a MTV (que sería lanzado en vídeo e álbum no verán dese mesmo ano, novamente baixo a produción de Toby Wright), e despois volverían aos escenarios para ser os abreconcertos do inicio da xira do regreso de Kiss, a Kiss Alive 96/97 World Tour. Despois diso os membros de Alice in Chains mergullaríanse noutros proxectos, principalmente Jerry Cantrell.
O 29 de xuño de 1999 é lanzado un recompilatorio da banda, chamado Nothing Safe: The Best of the Box, cos principais éxitos da carreira de Alice in Chains e unha canción inédita. Ese lanzamento serviu de aperitivo para o que viría a continuación: a caixa Music Bank, lanzada en 1999, contendo rarezas, gravacións en vivo e demos que a banda gardou ao longo dos seus máis de dez anos de carreira.
2000 foi un ano con poucas novidades na carreira de Alice in Chains. A seu remate foi lanzado un novo recompilatorio, desta vez composto por gravacións en directo de tres das xiras da banda, chamado sinxelamente Live.
No ano seguinte un novo recompilatorio, desta vez chamado Best Of Alice In Chains. Ese novo disco é unha especie de reedición de Nothing Safe, lanzado dous anos antes, e non traía nada novo. O futuro seguía incerto e a banda permanece co status de "inactiva", a pesar de que oficialmente aínda existía. Os problemas de Layne Staley coas drogas continuaban, e moitos temían o peor.
Tras unha década loitando contra a súa adición, Layne Staley foi atopado morto no seu condominio en Seattle o 19 de abril de 2002. A autopsia e o informe de toxicoloxía do corpo de Staley revelaron que morrera por unha mestura de heroína e cocaína, coñecida como "speedball". A autopsia concluíu que Staley morrera o 5 de abril, dúas semanas antes de atoparse o seu corpo. Cantrell dedicou o seu álbum en solitario de 2002, Degradation Trip, publicado dous meses despois da morte de Staley, á súa memoria. Mike Starr despois afirmou en Celebrity Rehab que foi a última persoa en ver a Staley vivo, e admitiu sentirse culpable por non chamar ao 911 despois de que Staley o advertise contra iso. "Gustaríame non ter estado colocado de benzodiacepinas [esa noite], non tería saído sinxelamente pola porta", dixo Starr.
Tras a morte de Staley, Mike Inez uniuse a Heart e xirou e gravou coa banda dende 2002 ata 2006. Jerry Cantrell colaborou con varios artistas como Heart, Ozzy Osbourne, e Damageplan. En 2004 Cantrell formou a banda Cardboard Vampyres xunto co guitarrista de The Cult Billy Duffy, o vocalista de Mötley Crüe e Ratt John Corabi, o baixista de The Cult Chris Wyse e o batería Josh Howser.
O 22 de outubro de 2004, Sony BMG rematou o seu contrato con Alice in Chains, 15 anos despois de que a banda fichase polo selo.de Sola, David (August 4, 2015). Alice in Chains: The Untold Story. Thomas Dunne Books. pp. 323-324. ISBN 978-1250048073
Reforma miniatura|dereita|165px|William DuVall, actual vocalista actuando coa banda. DuVall substituíu a Layne Staley despois da súa morte. No ano 2005, a Sean Kinney ocorréuselle a idea de facer un concerto benéfico para as vítimas do tsunami que golpeou o sur de Asia de 2004. Kinney chamou aos seus antigos compañeiros de banda, así como a amigos do mundo da música como a antiga representante de Alice in Chains Susan Silver. Kinney viuse sorprendido pola resposta entusiasta á súa idea. O 18 de febreiro do ano 2005, os membros de Alice in Chains reuníronse de novo nun escenario. Kinney, Inez e Cantrell uníronse a vocalistas coma Maynard James Keenan (Tool), Patrick Lachman (Damageplan), Wes Scantli (Puddle of Mudd) e Ann Wilson (Heart), para realizar o que se chamou K-Rock Tsunami Continued Care Relief Concert en Seattle. Este concerto deixou a porta aberta a unha posible reunión futura da banda.
Dita reunión concretouse o 20 de marzo de 2006 no programa "Decades Rock Live!" da VH1, dedicado á banda Heart. Nese programa tocaron os temas Would? con Phil Anselmo (cantante de Pantera e Down) e Rooster con William DuVall, cantante e guitarrista de Comes with the Fall, e Ann Wilson, vocalista de Heart. Despois disto, a banda fixo unha pequena xira por Europa e polos Estados Unidos, e un breve tour polo Xapón. Coincidindo coa xira, Sony publicou o recompilatorio The Essential Alice in Chains, un dobre disco con 28 temas. Para dita xira recrutouse ao vocalista William DuVall e ao baixista de Velvet Revolver, Duff McKagan, quen tocou a guitarra rítmica nalgunhas cancións.
A banda comezou a compoñer e gravar demos de temas novos para un álbum con DuVall en abril de 2007. Pero o grupo non amosou grandes avances ata outubro de 2008, cando anunciaron que comezaran a gravar no estudio co produtor Nick Raskulinecz.
Black Gives Way to Blue e morte de Mike Starr Blabbermouth.net informou o 5 de setembro de 2008 que Alice in Chains entraría no estudio ese mes de outubro para comezar a gravar o seu novo álbum, que agardaban editalo o seguinte verán. O 14 de setembro a banda actuou no descanso do partido entre os Seattle Seahawks e os San Francisco 49ers no CenturyLink Field en Seattle. A actuación de 12 minutos para unha audiencia de 67 000 contou coa interpretación dunha versión do tema de Led Zeppelin "Kashmir" co acompañamento da Northwest Symphony Orchestra.