Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.
Traxectoria Primeiros anos Foi fillo de Camilo Crisanto Cela Fernández e Camila Emanuela Trulock Bertorini, de ascendencia inglesa (filla de John Trulock) e italiana. Recibiu o bautismo cos nomes de Camilo José Manuel Juan Ramón Francisco de Jerónimo na Colexiata de Santa María a Maior de Adina. Entre 1921 e 1925 a familia viviu en Vigo, e despois instaláronse en Madrid, onde fora destinado seu pai. Camilo José asiste ao colexio dos Escolapios da rúa Xeneral Díaz Porlier. En 1928 naceu a súa irmá Ana Cela Trulock, profesora e tradutora. Tivo sete irmáns máis. miniatura|Placa na casa en que viviu en Vigo. Entre 1931 e 1932 ingresou varias veces no hospital das Navas (Guadarrama) a causa dunha tuberculose pulmonar, empregou eses períodos de repouso na lectura da obra completa de José Ortega y Gasset e as colección completas dos clásicos españois de Rivadeneira, Cervantes e Quevedo. En 1933 Cela concluíu os seus estudos secundarios. En 1934 inicia a carreira de Medicina na Universidade Complutense, pero moi pronto descoida estes estudos para asistir, na nova Facultade de Filosofía e Letras, ás clases de Literatura española contemporánea de Pedro Salinas, a quen confía os seus primeiros poemas. Alí faise amigo do escritor e filólogo Alonso Zamora Vicente. Tamén establece amizade con Max Aub, Maruja Mallo, Enrique Azcoaga e outros escritores e intelectuais.
1936-1950 En 1936 anunciara no xornal arxentino La Plata a súa poesía Pisando la dudosa luz del día, que non foi publicada até 1945.
Nos anos da guerra civil española, e durante o asedio de Madrid, o escritor, integrado no exército nacional, foi ferido no fronte e hospitalizado.
En 1940 inicia os estudos de Dereito en Madrid. Empeza a publicar en España, entre elas unha hoxe desaparecida Biografía de San Juan de la Cruz (1948) que firma co pseudónimo de "Matilde Verdú", e o artigo "Fotografías de la Pardo Bazán", que aparece no número 25 da revista Y no febreiro dese ano.
En xaneiro de 1942 conclúe La familia de Pascual Duarte, unha dura historia ambientada nunha aldea estremeña que reflicte o mundo popular e campesiño e uns seres primitivos, de instintos primarios e grandes paixóns, onde destacan o odio e a violencia. Escrita cunha prosa desgarrada e crúa, foi todo un acontecemento e deu lugar mesmo a unha corrente, coñecida como tremendismo. Custoulle encontrar un editor, tarefa na que conta co alento e a axuda do seu amigo José María de Cossío, ó que Cela lle fará regalo do manuscrito. A finais de ano a obra é editada por Aldecoa en Burgos. Pío Baroja, que xa non quixo meter o seu prólogo, asustado por mor de como se podería poñer-lo asunto, declara no xornal El español de 2 de xaneiro de 1943 que é unha novela moi boa.
En 1943, tralo éxito de La familia de Pascual Duarte, as revistas literarias do momento, entre elas El español e La Estafeta Literaria, aplauden a obra. Non obstante, é obxecto de efectivos ataques por parte de Ecclesia, voceiro da Xerarquía católica. Isto provoca que a segunda edición, sexa prohibida en novembro. Cela deixa os seus estudos de Dereito e o seu emprego para dedicarse por completo á literatura. A novela Pabellón de reposo, publicada no folletín El Español, fala sobre a vida solitaria dos tuberculosos internados nos lazaretos.
O 12 de marzo de 1944 Camilo José Cela casa con María del Rosario Conde Picavea (Charo), falecida o 8 de febreiro do ano 2003. Publica a novela Nuevas andanzas y desventuras de Lazarillo de Tormes no semanario La Juventud, nun intento de actualizar o xénero picaresco que non tivo moito éxito.
En 1945 publícase en Buenos Aires a terceira edición de La familia de Pascual Duarte, ante a imposibilidade de reeditala en España. Tamén publica, como prometera no ano 1936, a poesía Pisando la dudosa luz del día na que se denota a influencia de Rafael Alberti e Pablo Neruda e na cal manifesta unha tendencia surrealista de fondo que mantivo o longo da súa obra. A esta séguelle o seguinte libro de poesías, El monasterio y las palabras. Tamén neste ano publica o conto Esas nubes que pasan e a recompilación de artigos "Mesa revuelta". Cela, visto o resultado das súas publicacións, comenza a escribir en Madrid La colmena, na que ó longo de case tres días fala de máis de 300 personaxes imaxinarios e 50 reais, enfocando un a un dende varios ángulos nunha época da posguerra no café de dona Rosa.
O 17 de xaneiro de 1946 nace Camilo José Cela Conde, único fillo do matrimonio. Entre o 6 e o 15 de xuño o escritor viaxa a La Alcarria co fotógrafo Karl Wlasak e Conchita Stichaner. Cela escribe neste ano un guión para o cine: Consultaré a míster Brown.
En 1947 publica El bonito crimen del carabinero y otras invenciones, engaños y ofuscaciones. Admirador e, en parte debedor, de Pío Baroja, no ano anterior decidira facer a aventura paisaxística da Xeración do 98 e empezou a percorrer a pé paisaxes de Castela, experiencia que materializaría en varios libros de viaxes. Cela expón a súa pintura na galería Clan de Madrid e logo na sala coruñesa de Lino Pérez.
En 1948 publícase en Madrid o libros de viaxes Viaje a La Alcarria. Cela é o viaxeiro que vai contando pequenas anécdotas e describindo as paisaxes e as xentes das poboacións de La Alcarria por onde pasa. Co peto ás costas e a cantimplora suxeita ao cinto, o viaxeiro vai realizando o percorrido. Cando a viaxe remata o escritor deixa atrás a Alcarria coas súas notas a costas e un pouco de morriña. En San Sebastián saca á parte o Cancionero de la Alcarria, que a partir da edición de 1954, únense nunha mesma obra; tamén escribe e publica "El cuento de la buena pipa".
En 1949 publica o conto fabulista El gallego y su cuadrilla e Otros apuntes carpetovetónicos, onde se acentúa a súa tendencia á esquematización psicolóxica e ó xogo formal. Nese ano é nomeado cronista oficial da vila de Padrón.
En xaneiro de 1950 estréase no cine Coliseum de Madrid, a película de Jaime de Mayora, El sotano, con guión e actuación como actor do propio Cela, do que lle queda un bo recordo. Escribe outro guión: Facultad de Letras.
1951-1975 En 1951, logo dalgúns problemas coa censura do goberno de Perón, publícase en Buenos Aires La colmena, unha novela coral que reflicte a sociedade e a cultura española, na que se narra a vida malpocada duns seres no Madrid da posguerra. Foi prohibida en España ata o ano 1963. Anos despois foi levada ao cine por Mario Camus, cunha actuación do propio autor (1982).
En 1952 publica dúas novelas de viaxes (Ávila e Del Miño al Bidasoa), dúas novelas curtas (Timoteo el incomprendido e Santa Balbina 37, gas en cada piso) e o guión El cerco del demonio. En 1953 publica Mrs. Caldwell habla con su hijo, un alucinado monólogo dunha muller co seu fillo morto. Tamén publica as novelas curtas Café de artistas e Baralla de invencións, ademais do guión Manicomio.
En 1954 múdase de Madrid a Palma, e coñece a Ernest Hemingway. Ao ano seguinte publica La catira, unha novela ambientada nos círculos venezolanos. En abril de 1956 funda a revista mensual Papeles de Son Armadans, da que será director durante os 23 anos de vida da publicación. Nela apareceron publicacións de moitos escritores españois do exilio durante a ditadura franquista. Ademais, publica Judíos, moros y cristianos (novela de viaxes) e El molino de viento (novela curta). Visita El Escorial con Hemingway, co que coincide de novo en outubro no enterro de Pío Baroja, sendo Cela unha das persoas que baixan o sarcófago.
O 21 de febreiro de 1957 é elixido para ocupar a cadeira "Q" da Real Academia Española, vacante tralo falecemento do Almirante Estrada. O día 26 de maio le o seu discurso de ingreso sobre a obra literaria do pintor Solana, sendo contestado por Gregorio Marañón. Ese mesmo ano publica Tres poemas gallegos (libro de poesías), Nuevo retablo de don Cristobita (conto e fábulas), Cajón de sastre e La rueda de los ocios (escolma de artigos). Comeza a adaptar e traducir o cantar I do Poema del Mio Cid, que remata dous anos máis tarde.
En 1958 viaxa por dúas veces a Francia e visita a Pablo Picasso na Californie. Durante o verán recibe en Mallorca a Américo Castro e Jorge Guillén. Nese ano publica tres libros: Historias de España, Los ciegos Los tontos e Don Pío Baroja.
En 1959 publica La rosa (se ben algúns fragmentos xa foran publicados en 1953 no Correo Literario). La verdadera historia de Gumersinda Cosculluela, chica que prefirió la muerte a la deshonra e Encarnación Toledano o la perdición de los hombres inauguran os chamados romances do cego. La rosa é un libro de memorias (existe unha tradución ao galego a cargo de Isabel Soto e Alexandra Cabaleiro)Ficha da obra na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia., e Primer viaje andaluz é unha novela de viaxes. Nela conta as notas dun vagabundo polas terras de Xaén, Córdoba, Sevilla e Huelva. En maio organiza e convoca dende Papeles de Son Armadans, as Conversaciones poéticas de Formentor, ás que acoden destacados poetas españois e estranxeiros.
En 1960 publica o conto fabulado Los viejos amigos, e en 1961 o artigo "Cuatro figuras del 98". En 1962 publica a novela Tobogán de hambrientos e o conto Gavilla de fábulas sin amor (contos e fábulas), na cal aparecen debuxos de Picasso. Aparecen publicados El solitario y los sueños de Quesada, Toreo de salón e Once contos de fútbol (contos e fábulas); Garito de hospicianos e Las compañías convenientes y otros fingimientos y cegueras (artigos).
O 7 de xuño de 1964 é investido Doutor Honoris Causa pola Syracuse University de Nova York. Trasládase á súa nova casa da Bonanova, sendo veciño de Joan Miró e Robert Graves. Ese mesmo ano publica Izas, rabizas e colipoterras (conto e fábula).
En 1965 publica Viaje a U.S.A., derradeiro libro de romances de cego publicado coas experiencias dos seus discursos en devandita Universidade. Tamén publica as novelas curtas La familia del héroe e El ciudadano Iscariote Reclús e os libros de viaxes Páginas de geografía errabunda e Viaje al Pirineo de Lérida (publicada no ABC).
O conto Nuevas escenas matritenses aparece escrito en 7 series, as tres primeiras publicadas en 1965 e o resto o ano seguinte. Tamén en 1966 publica o libro de viaxe Madrid. En 1967 fai o seu debut no teatro con María Sabina, e en 1968 publica o primeiro tomo do Diccionario secreto, catalogado coma traballo de erudición.
En 1969 publica Vísperas, festividad y octava de San Camilo del año 1936 en Madrid, novela ambientada no Madrid do xullo do ano do Alzamento Nacional. Tamén publica os artigos "El servicio de algo" e "Homenaje a El Bosco I. El carro del heno o El inventor de la guillotina", falando do seu cadro O xardín das delicias, exposto no Museo do Prado e transformado en apuntamento de teatro. Libro de guisados, manjares y potajes, de maese Ruperto de Nola (tradución e adaptación). No transcurso dun novo viaxe a Hispanoamérica, visita a Pablo Neruda na súa casa da Illa Negra.
En 1970 publica o libro de viaxes Barcelona, e en 1971 sae o 2º tomo do Diccionario secreto. En 1972 edita o artigo "La bola del mundo". En 1973 aparece a novela Oficio de tinieblas 5, na que toca unha linguaxe intelectual e técnica, sen pautas, signos de puntuación e sen capitais. Tamén nese ano publica a novela El tacatá oxidado.