Ceiba de Luz é unha novela de aventuras de Manuel Lourenzo González galardoada co Premio Jules Verne e publicada en 2017 na Colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia.

Título O título alude á ceiba, árbore “considerada sagrada en moitas culturas daquela rexión de América do Sur” , tamén chamada “árbore da lupuna” no Perú.

Trama A facultade de Xeografía da Universidade de Salamanca en colaboración coa Universidade pública de Lima organiza unha expedición á Amazonía peruana despois de estudar unha pequena figura humana en crequenas que estaba á venda nunha tenda de antigüidades salmantina. Resultou ser de ouro macizo con elementos comúns a varias culturas precolombianas e con inscricións en alfabeto xeroglífico nas que se describía de xeito metafórico unha localización xeográfica que axiña identificaron como Eldorado.

Logo de dous anos de estudos e preparativos, comeza a expedición, formada por dezaoito membros de procedencia e estudos moi dispares comandados por Sandra Olivares, doutora en Arqueoloxía e profesora axudante de Historia Antiga na Universidade de Salamanca.

Unha vez que os helicópteros militares peruanos os deixan en Taliuca, comeza a verdadeira aventura: .

Durante dous meses sufrirán todo tipo de dificultades para abrirse paso a través desa selva tropical. O clima quente e húmido, o cansazo físico e a convivencia dun grupo tan numeroso e con expectativas moi diferentes dará pé a relacións persoais conflitivas: amizades, odios, desconfianzas, amores, que se unirán aos atrancos propios dunha viaxe tan extrema: aparatos electrónicos que non funcionan e os deixan incomunicados, ataque dun puma, descubrimento dunha tribo que ten un comportamento tan pasivo que a denominarán “os pasmóns”… ata que conseguen chegar ao seu destino.

Narración A obra desenvólvese de xeito linear da man dun narrador extradiexético omnisciente e dos diálogos entre os personaxes. Apenas no capítulo segundo hai unha analepse para relatar os dous anos de preparativos da expedición.

Tempo A acción iníciase na terceira semana do mes de maio de 2007 e abrangue un período de dous meses.

Personaxes Os protagonistas son dezaoito, trece españois e cinco peruanos de formación e ambicións moi diversas e que ao longo da obra irán descubrindo intereses moi diferentes aos que declararan cando foron seleccionados para a expedición. Sandra Olivares é a xefa, profesora de Historia Antiga, casada cun eminente científico, séntese empequenecida ao seu carón, o que a impulsa a dirixir esta viaxe. Héctor Alcalde, alcumado “More” pola marca de cigarros que fuma, é de Madrid, enxeñeiro técnico topógrafo, e o máis vello do grupo, Sandra irao convertendo no seu segundo. Elías Vilagut é biólogo, procede da Universidade Autónoma de Barcelona e axiña mostrará o seu interese pola peruana Yolanda Ormaza. Mariluz Bravo, Rosa Villaleón (as dúas estudantes de Historia), Pablo José Rivas (estudante de Historia da Arte que será o encargado da cociña) e Ramón Hacendado (etnógrafo) son andaluces e xa coincidiran nunha escavación en Mérida. Aurora Teixeiro (médica) e Estefanía Torres (axudante técnica sanitaria) son galegas e parella, circunstancia que ocultaron no seu currículo e que dará lugar a algúns problemas. Estefanía, ademais, mostra unha xenreira extrema polos peruanos, cuxa causa explicará nun determinado momento. María Teresa Senín é de Cuenca, graduada en Historia, con estudos de Epigrafía e Paleografía, é ademais fotógrafa e boa debuxante; será a encargada de facer a crónica da expedición. O historiador rioxano Rubén Sancho, a quen lle poñen o alcume de “lascivo Adonis da selva virxe” anda sempre provocando a María Teresa, que sabe responderlle con enxeño. Bernardo Morena, cántabro, será o encargado de cazar. Fermín Núñez, de Cáceres, é o encargado da informática e o máis novo do grupo. Os peruanos son Sebastián Conde, xeógrafo; Hilario Arroyo, antropólogo; Arístides Huanca, botánico; Gloria Toledo e Yolanda Ormaza, historiadoras e etnógrafas. Entre Arístides e Yolanda hai un vínculo especial que o resto non consegue romper, ao contrario, irase estreitando ao longo da expedición, o que dará pé a algúns enfrontamentos.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha da editorial

Categoría:Obras literarias de 2017 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de Manuel Lourenzo González Categoría:Novelas de aventuras Categoría:Premio Jules Verne