Idles é unha banda inglesa de post-punk formada en Bristol en 2009. O grupo está composto por Joe Talbot (voces), Mark Bowen (guitarra), Lee Kiernan (guitarra), Adam Devonshire (baixo) e Jon Beavis (batería).

O seu álbum de estrea, Brutalism,foi publicado no ano 2017 con aclamación da crítica, ao igual que o segundo, Joy as an Act of Resistance, aparecido en 2018. O seu terceiro traballo, Ultra Mono, editouse en setembro de 2020, seguido por Crawler en 2021.

Historia Idles ten as súas raíces no club Batcave de Bristol, dirixido polo cantante Joe Talbot e o baixista Adam Devonshire, que se coñeceron mentres estaban na universidade en Exeter e que finalmente decidiron formar unha banda. A súa primeira edición foi o EP Welcome en 2012. En 2014 Idles estaba composto por Talbot, Devonshire, os guitarristas Mark Bowen e Lee Kiernan, e o batería Jon Beavis. A banda publicou un segundo EP, Meat, e un EP de remixes, Meta, no ano 2015 e comezaron a compoñer cancións para o seu álbum de estrea.

Despois dos sinxelos de 2016 "Well Done" e "Divide & Conquer", publicouse o primeiro disco do grupo, Brutalism, aparecido en marzo de 2017 con boa acollida por parte da crítica. A nai de Talbot morreu despois dunha longa enfermidade mentres a banda traballaba no álbum e aparece nunha fotografía da súa portada xunto cunha escultura feita por Talbot e o seu pai. A banda comezou unha xira para promover o disco e tocou abrindo para The Maccabees nos concertos en Londres da súa despedida. Tras eses concertos apareceron en varios festivais europeos e comezaron a traballar no seu segundo álbum.

Joy as an Act of Resistance foi publicado o 31 de agosto de 2018. Para acompañar o lanzamento do traballo o grupo creou unha exposición en colaboración coa HM Electric Gallery en Londres, tendo lugar os días 30 e 31 de agosto.

En 2019 a banda foi nomeada ao premio ao mellor artista revelación nos Brit Awards dese ano e posteriormente gañou o Kerrang! Award ao mellor artista revelación británico. Tamén en 2019 Joy as an Act of Resistance entrou na lista curta do Hyundai Mercury Prize. A banda interpretou "Never Fight A Man With A Perm" na cerimonia de entrega do premio o 19 de setembro. En decembro Idles realizou varios concertos polo Reino Unido, incluído unha actuación ante 10 000 persoas no Alexandra Palace de Londres.

O grupo lanzou un novo sinxelo, "Mr. Motivator", en maio de 2020, e posteriormente Joe Talbot anunciou o seu terceiro álbum, Ultra Mono, en xuño, no programa de Steve Lamacq en Radio 6. O álbum tivo a axuda doutros catro sinxelos: "Grounds", "A Hymn", "Model Village" e "War", editaos nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, respectivamente.

O disco foi publicado o 25 de setembro de 2020 a través do selo Partisan Records. Nel aparecen convidados os músicos Jehnny Beth (Savages), Warren Ellis (Dirty Three e Nick Cave and the Bad Seeds), David Yow (Scratch Acid e The Jesus Lizard) e Jamie Cullum.

Discografía Álbum Ano Selo Brutalism 2017 Balley Records Joy as an Act of Resistance 2018 Partisan Records Ultra Mono 2020 Partisan Records Crawler 2021 Partisan Records Tangk 2024 Partisan Records

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial

Notas

Categoría:Grupos musicais de Bristol Categoría:Grupos musicais de post-punk Categoría:Grupos musicais de punk rock Categoría:Grupos musicais formados en 2009