África González Fernández, nada en 1962 en Madrid, é unha médica española, especialista en inmunoloxía e traballa en nanotecnoloxía. É catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo, cofundadora da empresa Nanoinmunotech e Académica da Real Academia de Farmacia de Galicia. Desenvolveu un biosensor para identificar células tumorais.
Traxectoria Desde pequena gustábanlle as ciencias, foi animada polo seu pai a escoller estes estudos ao ter a súa irmá unha enfermidade rara chamada síndrome de Marfan.
Viviu até os 24 anos en Alcalá de Henares, onde comezou a carreira de Medicina na Universidade de Alcalá de Henares (1980-1986) e foi Premio Extraordinario. Posteriormente, viviu en Madrid, en Cambridge e en San Pedro da Ramallosa (Nigrán) onde reside dende que conseguiu a praza.
É catedrática en Medicina, especializada en inmunoloxía. Realizou a especialidade MIR de Inmunoloxía durante os anos 1987-1991 no Servizo de Inmunoloxía da Clínica Puerta de Hierro de Madrid. En 1991, publicou a súa tese de doutoramento en Medicina e Cirurxía na Universidade de Alcalá de Henares, titulada "Mecanismo de proliferación y muerte celular en el timo humano", supervisada polos doutores Francisco Gambón Deza e Fernando Díaz Espada. Posteriormente, marchou a Inglaterra, onde traballou no Laboratorio de Bioloxía Molecular do Medical Research Council de Cambridge, baixo a dirección do premio Nobel de Medicina (pola técnica de xeración de anticorpos monoclonais), César Milstein. Despois de 4 anos en Inglaterra, conseguiu unha bolsa de retorno europeo e, en 1996, incorpórase á Universidade de Vigo, onde crea o primeiro grupo de investigación, das tres universidades galegas, na área de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e no desenvolvemento de vacinas (para E. coli, tuberculose e hepatite), en nanomedicina (no estudo da toxicidade e inmunoxenicidade dos nanomateriais) e no desenvolvemento dun biosensor para detectar células tumorais e na xeración de anticorpos monoclonais con distintas aplicacións. É catedrática da Universidade de Vigo desde 2009.
Entre 2009 e 2019, dirixiu o Centro de Investigacións Biomédicas CINBIO da Universidade de Vigo onde segue a traballar e foi cofundadora da spin-off NanoImnunoTech S.L., creada en 2009 por un grupo de estudantes das universidades de Vigo e Universidade de Zaragoza, centrada na nanotecnoloxía.
En 2014, formou parte do Consello Galego de Saúde, en representación da Universidade de Vigo. En 2019, foi finalista do Premio da UE ás Mulleres Innovadoras. Foi presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía entre 2016 e 2020, e integrante das plataformas europeas e españolas de nanomedicina, colaborando con varios grupos europeos e estadounidenses. Realizou conferencias en foros, escribe libros e publicou nas revistas Nature, Cell, PNAS e ACS Nano.
Premios e recoñecementos
2016-2020. Presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía. 2018. Premio Mujer Científica do IES Val Miñor. 2018. Avatar de Cómic: Inmuno Power. Personaxe creado polos alumnos do CEIP de Laredo, en Redondela. 2019. Finalista Premios europeos en "Women Innovators". 2019. Premio Traxectoria Profesional, outorgado pola Asociación de Empresarias Galicia. 2019. Académica da Real Academia de Farmacia de Galicia. 2022. Premio de Igualdade Ernestina Otero, promovido polo Consello Municipal da Muller e Concellería de Igualdade do Concello de Vigo. 2025. Premio María Josefa Wonenburger da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia en recoñecemento o seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Discurso de ingreso na Real Academia de Farmacia de Galicia
Exposición virtual Universidade de Alacant Con Nombres de Mujer. Científicas en el campo de la inmunología y las vacunas
Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nanotecnoloxía Categoría:Médicos de España Categoría:Vigueses distinguidos Categoría:Alumnos da Universidade de Alcalá