A igrexa de Linde (sueco: Linde kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Linde, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Historia e arquitectura A igrexa de Linde é un edificio románico homoxéneo. A construción da presente estrutura comezou a finais do século XII co coro e a ábsida, seguida pola nave levantada no primeiro cuarto do século XIII, e rematou coa torre a mediados dese século. No portal norte da nave existía unha inscrición (hoxe desaparecida) co ano 1251, que podería ser o ano de inauguración da igrexa. Unha única gran fiestra gótica foi inserida na parede oriental no século XIV, ao mesmo tempo que o arco triunfal foi ancheado e apuntado. Entre 1951 e 1952 a igrexa foi restaurada, e entre 1973 e 1975 pasou por outra restauración.

É probable que a presente igrexa estivese precedida por unha stavkirke. As dúas portas medievais da nave teñen anchas táboas de carballo que pode que se reutilizasen dun edificio anterior.

Os portais da nave e do coro están decorados con esculturas románicas. No interior, a igrexa está decorada con frescos. No muro norte hai un conxunto de pinturas que representan a Paixón de Cristo e que datan do século XV. No muro occidental hai outro conxunto, tamén do XV, que mostra mulleres acosadas por demos. Entre o mobiliario destaca o retablo de 1521. Nel represéntase a Deus Pai con Cristo, e con Santo Exídio e Santo Olavo aos lados. Ademais, as portas do retablo conteñen esculturas dos apóstolos, San Canuto, San Eric e Santa Bríxida. A igrexa tamén contén unha copia dunha cruz triunfal que se atopa no Museo de Historria Sueco. O orixinal data de finais do século XII. Tamén se conservan dúas pías bautismais no edificio. Son probablemente do século XII e unha delas talvez sexa un traballo do canteiro coñecido como Hegvald.

Ao suroeste da igrexa atópanse as ruínas dunha casa medieval, probablemente a antiga casa reitoral.

Galería de imaxes

Notas

Linde