Borys Gudziak, nado o 24 de novembro de 1960 en Syracuse (Estados Unidos de América), é un eclesiástico greco-católico ucraíno-estadounidense, dende 2019 metropolita de Filadelfia.
Traxectoria Naceu nunha familia de inmigrantes ucraínos en Syracuse. Graduouse pola Universidade de Syracuse en Filosofía e Bioloxía en 1980, e posteriormente continuou os seus estudos na Pontificia Universidade Urbaniana de Roma, graduándose en Teoloxía en 1983. No mesmo ano comezou os estudos de doutoramento nun programa interdepartamental de Historia cultural bizantina e eslava na Universidade Harvard, doutorándose en 1992 coa tese "Crisis and Reform: The Kyivan Metropolitanate, the Patriarchate of Constantinople, and the Genesis of the Union of Brest", publicada polo Harvard Ukrainian Research Institute en 1998.
En 1992 trasladouse a Lviv, onde fundou o Instituto de Historia Eclesiástica, do que foi o primeiro director até outubro de 2002. En 1993 foi nomeado presidente da Comisión para a Renovación da Academia Teolóxica de Lviv polo arcebispo maior Myroslav Ivan Liubachivskyi, e entre 1995 e 2000 foi reitor da devandita Academia, e posteriormente reitor até 2002. En 2002 pasou a ser reitor da Universidade Católica Ucraína, e posteriormente o seu presidente. Foi ordenado sacerdote o 26 de novembro de 1998 na catedral de San Xurxo de Lviv polo bispo Sofron Mudryi e incardinado na arquieparquía de Lviv. É autor de máis de 50 estudos sobre historia eclesiástica, formación teolóxica, e diferentes aspectos culturais.
O 21 de xullo de 2012 foi nomeado polo papa Bieito XVI exarca apostólico de Francia e bispo titular de Carcabia. Recibiu a consagración episcopal o 26 de agosto de mans do arcebispo maior Sviatoslav Shevchuk, e tivo como co-consagrantes principais ao arcebispo de Lviv Ihor Vozniak e ao exarca apostólico de Gran Bretaña Hlib Lonchyna. Tomou posesión da sé nunha divina liturxia o 2 de decembro do mesmo ano. Coa elevación da sé ao rango de eparquía, Gudziak pasou a ser o bispo de San Vladimiro Magno de París, con xurisdición sobre os fieis da Igrexa católica ucraína de Francia, Bélxica, os Países Baixos, Luxemburgo e Suíza.
O 18 de febreiro de 2019 foi nomeado arcebispo metropolita de Filadelfia. Como administrador apostólico da eparquía de San Vladimiro Magno de París foi nomeado no mesmo día Hlib Lonchyna.
Obra
Premios e distincións En 2006 recibiu o Premio Antonovych. En maio de 2018 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Syracuse. En agosto de 2018 recibiu o premio Vasyl Stus.
Notas
Categoría:Nados en 1960 Categoría:Nados en Nova York (estado) Categoría:Alumnos da Universidade de Syracuse Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade Urbaniana Categoría:Alumnos da Universidade Harvard Categoría:Profesores da Universidade Católica Ucraína Categoría:Arcebispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Bispos católicos de Francia Categoría:Bispos católicos de Bélxica Categoría:Bispos católicos dos Países Baixos Categoría:Bispos católicos de Luxemburgo Categoría:Bispos católicos de Suíza Categoría:Arcebispos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores en lingua ucraína Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Syracuse Categoría:Estadounidenses de ascendencia ucraína