Iziaslaŭ Brucki (en ), nado como Ivan Danilavič Brucki (en ) o 22 de xaneiro de 1926 en Bielavuša (entón na Segunda República de Polonia) e finado o 26 de novembro de 2007, foi un eclesiástico belaruso, primado da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa entre 1984 e 2007.

Traxectoria Naceu nunha familia de granxeiros en Bielavuša, hoxe parte do distrito de Stolin (rexión de Brest), o 22 de xaneiro de 1926. Logo da anexión de Belarús Occidental pola URSS en 1939, o seu pai foi deportado a Kazakhstán en 1940. En 1943 foi enviado polos nazis a Alemaña en calidade de Ostarbeiter, a traballar en Flensburgo; ao finalizar a guerra ocultouse para non ser repatriado á Unión Soviética, e posteriormente rematou a súa educación en Hannover en 1947.

Emigrou en ao Canadá, establecéndose en Winnipeg e integrándose alí na vida social da diáspora belarusa e participando na vida parroquial da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa. En 1954 graduouse en Enxeñaría pola Universidade de Manitoba, e trasladouse a Toronto. En 1962 trasladouse aos Estados Unidos, participando activamente en diferentes organizacións políticas e relixiosas en Cleveland, Detroit e Os Ánxeles (como no Partido Republicano). En 1979 foi ordenado diácono e no mesmo ano, o 26 de agosto, foi ordenado sacerdote polo arcebispo Mikalaj Macukievič. En 1981 graduouse polo Seminario Teolóxico Ortodoxo Ucraíno de Santa Sofía, dirixido pola Igrexa ortodoxa ucraína nos Estados Unidos de América, e foi consagrado bispo o 22 de febreiro de 1981 polo metropolita da Igrexa ortodoxa ucraína nos Estados Unidos Mstyslav Skrypnyk, polo metropolita ortodoxo belaruso Andrej Kryt, e polo arcebispo ucraíno Orest Ivaniuk. Pouco despois, en maio de 1983, foi elevado polo concilio da súa Igrexa ao rango de metropolita e elixido primado da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa.

Durante as dúas décadas seguintes, dirixiu a actividade da Igrexa por todo o mundo, celebrando a liturxia de forma habitual na catedral de San Cirilo de Turaŭ de Nova York. Ademais, logo do concilio de unificación da Igrexa belarusa de 2003 continuou a dirixir a Igrexa unificada. Finou no cargo, logo dunha longa doenza, o 26 de novembro de 2007, e foi enterrado no cemiterio belaruso de East Brunswick, Nova Jersey.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1922 Categoría:Nados na rexión de Brest Categoría:Finados en 2007 Categoría:Bispos da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa Categoría:Bispos ortodoxos de Belarús Categoría:Bispos ortodoxos dos Estados Unidos de América Categoría:Alumnos da Universidade de Manitoba