Fávila, tamén chamado Fáfila, foi un duque (dux) e pai de Don Paio.
Orixes
A orixe goda do seu fillo Paio menciónaa o cronista árabe Ibn Khaldun citando a Ibn Hayyan. Xa contra o século VIII a fusión entre os galaicorromanos e xermanos (suevos e visigodos) era unha realidade e «a raza deixara de ser un dato relevante», por tanto, é de supor que «o máis probábel é que polas súas veas [as de Paio] correse sangue de ámbolos pobos». Esta posibilidade refórzase polas orixes dos nomes, sendo Fávila ou Fáfila de orixe xermánica mentres Paio era un nome de «vello raizame romano» e así é mencionado polo autor árabe do Aljab machmu'a, quen o describe como «romano».
Christian Settipani conxectura —baseándose na onomástica, na cronoloxía, en elementos biográficos e no testemuño das crónicas—, que Fávila descendía (por varonía) de Leovixildo e Recaredo I (ex semine Leuvigildi et Reccaredi progenitus) e era fillo do conde visigodo Axila e da súa muller Divigra e, por tanto, tío paterno e curmán-tío materno de Pedro de Cantabria. As crónicas declaran que os reis ástures son descendentes de Leovixildo e Recaredo e tratan de crear unha falsa continuidade institucional entrámbalas realidades políticas. A moderna historiografía coincide en que a causa final deste fenómeno radica no que se denomina «neogoticismo», que respondía a unha rede de intereses políticos e ó reforzamento do prestixio persoal de Afonso III.
Fontes históricas
Segundo a copia da Crónica albeldense (ano 883) realizada no século IX no mosteiro de San Millán de la Cogolla que conserva a Real Academia da Historia (Códice emilianense nº 39), Fávila foi un dux visigodo e o pai de Don Paio:
Que Fávila fose duque e pai de Paio é un dato que recolle tamén a Crónica sebastianense:
Este dato resulta, así mesmo, coincidente co ofrecido por unha fonte musulmá anónima do século IX, Fath al-Andalus:
Historiografía sobre Fávila
A antiga historiografía atribuíu a Fávila o ducado de Cantabria baseándose unicamente en cronicóns casteláns, máis de medio milenio posteriores a aquela época e contraditorios en moitos aspectos coas crónicas asturianas do século IX. Esta falla de xustificación metodolóxica é salientada por Barrau-Dihigo malia non ser quen de achegar ningunha outra.
Claudio Sánchez-Albornoz admite que Paio era fillo dun duque, mais sinala, perante a falla de información da Crónica albeldense: «ignoramos de onde era duque Fávila». Gonzalo Martínez Díez concorda coa opinión de Sánchez-Albornoz xa que en fonte ningunha se menciona o ducado que gobernou e, de feito, non consta que chegase a estar á fronte de ducado ningún. Opina que «o máis probábel é que se tratase dun dos varios duques integrados na Curia rexia ou Palatium, que acompañaban e asesoraban o rei visigodo».
Notas
Referencias
Bibliografía
Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Século VIII en Galicia Categoría:Duques Categoría:Visigodos