Dag Hjalmar Agne Carl Hammarskjöld, nado en Jönköping o 29 de xullo de 1905 e finado en Ndola (Federación de Rodesia e Nyasalandia) o 18 de setembro de 1961, foi un diplomático e economista sueco, Secretaría Xeral da Organización das Nacións Unidas dende abril de 1953 ata o seu falecemento ao estrelarse o avión en que viaxaba para mediar na crise do Congo. Semanas despois recibiu a título póstumo o premio Nobel da Paz.

Hammarskjöld está considerado un dos dous mellores secretarios xerais das Nacións Unidas, Este artigo menciona a Kofi Annan como o outro. e o seu mandato considérase un dos maiores éxitos da ONU. O presidente dos Estados Unidos John F. Kennedy denominou a Hammarskjöld "o maior home de estado do noso século".

Traxectoria miniatura|esquerda|Casa natal de Hammarskjöld en Jönköping Dag Hammarskjöld naceu en Jönköping na nobre familia Hammarskjöld (tamén escrito Hammarskiöld ou Hammarsköld). Pasou a maior parte da súa infancia en Uppsala. O seu fogar alí era o castelo de Uppsala. Foi o cuarto e máis novo fillo de Hjalmar Hammarskjöld, primeiro ministro de Suecia entre 1914 e 1917, e Agnes Hammarskjöld (née Almquist).

Hammarskjöld estudou primeiro en Katedralskolan e despois na Universidade de Uppsala. En 1930, obtivera graos en filosofía e leis. Antes de rematar o seu grao en leis, xa lograra un traballo como secretario axudante do comité de desemprego.

Con 31 anos, pouco despois de obter o seu doutoramento en economía política, foi nomeado subsecretario permanente do Ministerio de Finanzas de Suecia, e en 1945 conselleiro no Gabinete Ministerial en Asuntos Económicos e Financeiros. Nese cargo organizou distintos proxectos gobernamentais para os problemas económicos que xurdían a consecuencia da segunda guerra mundial e o período de posguerra. Catro anos máis tarde foi designado secretario xeral na Oficina de Asuntos Exteriores, e en 1951 uniuse ao gabinete sueco como ministro sen carteira, levando os problemas económicos e de cooperación económica con países en vías de desenvolvemento.

Hammarskjöld foi elixido secretario xeral das Nacións Unidas pola Asemblea Xeral o 7 de abril de 1953. En setembro de 1957, saíu reelixido por unanimidade para desempeñar o cargo durante outros cinco anos. Á fronte das Nacións Unidas sempre destacou como un pacifista, aumentando os esforzos para evitar guerras, e así cumprir un dos obxectivos da Carta das Nacións Unidas.

Durante o seu mandato, intentou suavizar as relacións entre Israel e os estados árabes. Outros puntos fundamentais foron a visita á República Popular da China para negociar a liberación de once pilotos estadounidenses capturados durante a guerra de Corea, o establecemento en 1956 da Forza de Urxencia das Nacións Unidas e a súa intervención na crise de Suez (1956). Algúns historiadores recoñéceno por permitir a participación da Santa Sé nas Nacións Unidas ese mesmo ano.

Seguindo as medidas ditadas polo Consello de Seguridade, as Forzas de Paz da ONU foron despregadas no Congo a principios da década de 1960. Hammarskjöld viaxou a ese país en catro ocasións para coñecer in situ o traballo dos "Cascos Azuis". Na cuarta viaxe, o avión que o levaba á misión de traballo da ONU estrelouse, falecendo todos os pasaxeiros. En 2017, algunhas investigacións apuntaron a que o avión puido ser derribado por outro.

Poesía Trala morte de Hammarskjöld atopáronse varios cadernos con poemas escritos por el. Esta poesía existencial foi publicada máis adiante, consistindo a maior parte en haikus.Poema de Dag Hammarskjöld

Legado Dag Hammarskjöld recibiu o premio Nobel da Paz de forma póstuma en 1961.

A biblioteca Dag Hammarskjöld, que forma parte do edificio das Nacións Unidas, recibiu o seu nome o 16 de novembro de 1961. Próximo ao edificio está o parque público chamado Dag Hammarskjöld Plaza.

É conmemorado como pacifista no calendario dos santos da Igrexa evanxélica luterana nos Estados Unidos de América cada 18 de setembro.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Durel, Bernard, op, (2002), «Au jardin secret d'un diplomate suédois: Jalons de Dag Hammarskjöld, un itinéraire spirituel», La Vie Spirituelle (París). T. 82, pp. 901–922.

Lichello, Robert (1972) "Dag Hammarskjold: A Giant in Diplomacy." Samhar Press, Charlotteville, N.Y. .

Urquhart, Brian, (1972), Hammarskjold. Alfred A. Knopf, Nova York. Velocci, Giovanni, cssr, (1998), «Hammarskjold Dag», in Luigi Borriello, ocd – Edmondo Caruana, ocarm – Maria Rosaria Del Genio – N. Suffi (dirs.), Dizionario di mistica. Libreria Editrice Vaticana, Cidade do Vaticano, pp. 624–626. Ligazóns externas Kofi Annan, Dag Hammarskjöld and the 21th century, The Fourth Dag Hammarskjöld Conferencia na universidade de Uppsala o 6 de setembro de 2001 (pdf) Biography Dag Hammarskjöld (en) Dag Hammarskjöld The Nobel Prize 1961 Site ONU Dag Hammarskjöld Dag Hammarskjöld Library 18 de setembro de 1961 UN Secretary-General Dag Hammarskjöld is killed

Categoría:Secretarios Xerais da ONU Categoría:Políticos de Suecia Categoría:Nados no condado de Jönköping Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1961 Categoría:Diplomáticos Categoría:Premios Nobel de Suecia Categoría:Premio Nobel da Paz Categoría:Economistas de Suecia Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Chicago Categoría:Alumnos da Universidade de Uppsala Categoría:Alumnos da Universidade de Estocolmo