O sistema cinina-calicreína ou simplemente sistema da cinina é un sistema hormonal mal coñecido con pouca investigación dispoñible. Consta de proteínas sanguíneas que xogan un papel na inflamación, control da presión arterial, coagulación do sangue e dor. Os seus importantes mediadores bradicinina e calidina son vasodilatadores e actúan sobre moitos tipos celulares.
Historia O sistema foi descuberto en 1909 cando se atopou que unha inxección de urina (con alta concentración de cininas) orixinaba hipotensión. Os investigadores Emil Karl Frey, Heinrich Kraut e Eugen Werle descubriron o cininóxeno de alto peso molecular na urina no ano 1930.
Etimoloxía Cinina vén do grego kīn(eîn), 'moverse, poñer en movemento'. Calicreína vén do grego kalli '~doce' e krein, de kreos, 'carne', nomeada polos extractos pancreáticos onde se descubriu.
Compoñentes do sistema cinina-calicreína O sistema componse dunha serie de proteínas grandes, algúns pequenos polipéptidos e un grupo de encimas que activan e desactivan as substancias.
Polipéptidos (cininas) Son a bradicinina e a calidina.
A bradicinina (BK, bradykinin) actúa sobre o receptor B2 e tamén lixeiramente sobre o receptor B1, e orixínase cando a calicreína o libera do cininóxeno de alto peso molecular. É un nonapéptido cuxa secuencia de aminoácidos é Arg–Pro–Pro–Gly–Phe–Ser–Pro–Phe–Arg.
A calidina (KD, kallidin) é un decapéptido, e prodúcese cando a calicreína o libera do cininóxeno de baixo peso molecular. Ten a mesma secuencia de aminoácidos que a bradicinina coa adición dunha lisina no seu N-terminal, polo que ás veces se denomina Lys-bradicinina ou lisilbradicinina.
Proteínas (cininóxenos) Son o cininóxeno de alto peso molecular (HMWK) e o cininóxeno de baixo peso molecular (LMWK), que son precursores dos polipéptidos.
O cininóxeno de alto peso molecular fórmase no fígado xunto coa precalicreína, actúa principalmente como un cofactor para a coagulación e a inflamación e non ten actividade catalítica intrínseca.
O cininóxeno de baixo peso molecular fórmase localmente en numerosos tecidos e segrégase xunto coa calicreína dos tecidos.
O HMWK e o LMWK fórmanse por empalme alternativo do mesmo xene.Goodman & Gilman's Pharmacology; Chapter 24. Histamine, Bradykinin, and Their Antagonists
Encimas 204x204px|miniatura Os encimas que interveñen neste sistema actuando sobre as cininas son: Calicreínas plasmática e dos tecidos, que son serina proteases encargadas de liberar as cininas dos cininóxenos. As calicreínas (calicreina plasmática e tisular) son serina proteases que liberan cininas (bradicinina e calidina) a partir dos cininóxenos, que son proteínas plasmáticas que son convertidas en péptidos vasoactivos.Kumar, V., Abbas, A., Fausto, N. (Editors) Robbins and Cotran pathologic basis of disease. 7th ed. Philadelphia: Elsevier 2005;Page 65. A precalicreína é o precursor da calicreína plasmática. Só pode activar as cininas despois de ser ela activada polo factor XIIa ou outros estímulos. Carboxipeptidases, presentes en dúas formas: N, circulante e M, unida a membranas. Eliminan os residuos de arxinina do extremo carboxilo terminal da bradicinina e a calidina. Encima convertedor de anxiotensina (ACE), tamén chamado quinase II, que inactiva varios mediadores químicos, incluído a bradicinina, aínda que é mellor coñecida por activar a anxiotensina. Endopeptidase neutra, que tamén desactiva cininas e outros mediadores.
Farmacoloxía A inhibición do encima convertedor da anxiotensina (ACE) cos inibidores de ACE orixina un descenso na conversión da anxiotensina I a anxiotensina II (un vasoconstritor) pero ademais un incremento na bradicinina debido a unha diminución da súa degradación. Isto explica por que algúns pacientes que están tomando inhibidores de ACE desenvolven unha tose seca, e algúns reaccionan cun anxioedema, un perigoso inchamento da rexión do pescozo e cabeza.
Presentáronse hipóteses que sinalan que moitos dos efectos beneficiosos dos inhibidores de ACE débense á súa influencia sobre o sistema cinina-calicreina. Isto inclúe os seus efectos en hipertensión arterial, na remodelación ventricular (despois dun infarto de miocardio) e posiblemente nefropatía diabética.
Papel en enfermidades Os defectos do sistema cinina-calicreína en enfermidades non son xeralmente recoñecidos. O sistema está sendo moi investigado debido ás súas relacións cos sistemas da inflamación e presión arterial. Sábese que as cininas son mediadores inflamatorios que causan a dilatación dos vasos sanguíneos e un incremento da permeabilidade vascular. As cininas son pequenos péptidos producidos a partir do cininóxeno pola calicreina e son degradados por cininases. Actúan sobre fosfolipases e incrementan a liberación de ácido araquidónico e dese modo a produción de prostaglandinaa (PGE2).
Implicación de C1-INH O inhibidor de C1 (c1-INH) é unha proteína inhibidora da serina protease (serpina). O C1-INH é o inhibidor fisiolóxico máis importante da calicreína plasmática, fXIa e fXIIa. O C1-INH tamén inhibe proteinases das vías fibrinolítica, coagulante e da cinina. A deficiencia de C1-INH permite a activación da calicreína do plasma, que orixina a produción do péptido vasoactivo bradicinina.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Sistema cinina-calicreína Categoría:Fisioloxía