Miguel II Comneno Ducas (en grego: Μιχαήλ Β΄ Κομνηνός Δούκας, Mikhaēl II Komnēnós Dúkas), a miúdo chamado Miguel Anxo en fontes narrativas, foi o gobernante de Epiro desde 1230 até a súa morte en 1266/1268.

Traxectoria Miguel era o fillo ilexítimo de Miguel I Comneno Ducas de Epiro e fora ao exilio despois do asasinato do seu pai en 1215. Logo da derrota e captura do seu tío Teodoro Comneno Ducas por Iván Asen II de Bulgaria na batalla de Klokotnitsa regresou a Epiro e converteuse no gobernante da rexión. Non está totalmente claro se recoñeceu a suprema autoridade do seu tío Manuel Comneno Ducas de Tesalónica ou de Iván Asen II de Bulgaria. Miguel II conseguiu o apoio dos notábeis locais ao casar con Teodora Petralifina, e estableceu unha estreita relación co Imperio de Nicea. En 1241 Miguel sucedeu ao seu tío Manuel como gobernante de Tesalia. En 1238, Miguel foi visitado polo patriarca niceno Xermano II e en 1249 recibiu o título de déspota polo emperador Xoán III Ducas Vatatzés.

As relacións de Miguel II con Nicea aseguraron a súa neutralidade durante o conflito no cal Xoán III Ducas Vatatzés conquistou Tesalónica e penetrou no norte de Grecia en 1244. Con todo, cando se viu obrigado a entregar Dirraquio e Serbia aos nicenos en 1256, Miguel decidiu expandir o seu estado a expensas de Nicea. Con todo, mentres avanzaba cara a Tesalónica, o rei Manfredo de Sicilia tomou Dirraquio e os seus arredores. Resolto a tomar Tesalónica, Miguel chegou a un acordo con Manfredo e envioulle á súa filla como esposa, cedendo as cidades perdidas e a illa de Corfú como dote. Tamén asinou unha alianza co príncipe Guillerme II de Villehardouin de Acaia.

As tropas dos tres aliados invadiron as posesións nicenas en Macedonia e en 1259 preparáronse para loitar contra o exército niceno liderado por Xoán Paleólogo, irmán do emperador Miguel VIII Paleólogo, na planicie de Pelagonia. Con todo, a operación aliada viuse afectada pola desconfianza mutua e o fillo ilexítimo de Miguel, Xoán Ducas, pasouse ao inimigo, mentres que o propio Miguel abandonou os seus aliados. Os nicenos causaron unha esmagadora derrota sobre o príncipe Guillerme de Acaia, que foi capturado na batalla. Mentres Miguel fuxiu ás Illas Xónicas, os nicenos ocuparon Epiro, pero se atoparon con tanta resistencia que se viron obrigados a retirarse. Miguel recuperou os seus dominios coa grande axuda de Manfredo. Logo doutra vitoria bizantina en 1264 viuse obrigado a aceptar a soberanía nominal de Miguel VIII Paleólogo e fortalecer os lazos de matrimonios dinásticos. Cando Miguel II morreu en 1268 ou pouco antes, os seus dominios foron divididos entre os seus fillos Nicéforo I Comneno Ducas de Epiro e Xoán I Ducas de Tesalia.

Matrimonio e descendencia Polo seu matrimonio con Teodora Petralifina (Santa Teodora de Arta), Miguel II tivo varios fillos, entre eles:

Nicéforo I Comneno Ducas, quen sucedeu ao seu pai como gobernante de Epiro. Xoán Comneno Ducas. Demetrio (renomeado Miguel) Comneno Ducas. Helena Anxelina Ducaina, quen casou co rei Manfredo de Sicilia. Ana Comnena Ducaina, que casou co príncipe Guillerme II de Villehardouin de Acaia, e despois con Nicolao II de Saint Omer, señor de Tebas.

Cunha amante, Miguel II tivo polo menos outros dous fillos:

Xoán I Ducas, quen sucedeu ao seu pai como gobernante de Tesalia. Teodoro Ducas.

Véxase tamén Bibliografía

The Oxford Dictionary of Byzantium, Oxford University Press, 1991. John V.A. Fine Jr., The Late Medieval Balkans, Ann Arbor, 1987. D.I. Polemis, The Doukai, Londres, 1968.

Categoría:Finados no século XIII Categoría:Déspotas de Epiro