Ezequiel Uricoechea y Rodríguez, nado en Bogotá o 10 de abril de 1834 e finado en Beirut o 28 de xullo de 1880, foi un lingüista, filólogo, profesor, médico, químico, xeólogo, orientalista e científico colombiano. Foi un dos pioneiros da lingüística hispánica e está considerado como un dos primeiros científicos colombianos.
Traxectoria Ezequiel Uricoechea era fillo de José María Uricoechea (1795-1840), coronel e heroe da guerra de independencia, e de Mariana Rodríguez e Moreno, neta do reformador do sistema educativo e progresista Fiscal da Real Audiencia do Novo Reino de Granada: Francisco Antonio Moreno e Escandón. O seu pai proviña dunha familia de orixe vasca, fundada no Século XVIII en Bogotá polo bilbaíno don Juan Antonio de Uricoechea e Hormaechea, quen contraeu matrimonio con dona María Concepción Sornoza e Peñalver. Ezequiel e os seus irmáns quedaron orfos a temperá idade. Cando el tiña catro anos faleceu a súa nai e o seu pai morre dous anos despois, o 25 de febreiro de 1840.
Pasou a súa infancia na facenda de Canoas, propiedade de orixe materna. A educación temperá de Ezequiel estivo a cargo de Dámaso Conca e Eusebio Suescún. Posteriormente ingresou no colexio de don Ulpiano González. De alí pasou ó colexio dos pais xesuítas. Á idade de 13 anos substituíu por dous meses na clase de trigonometría ó seu profesor, o Pai Gomila. Formou parte do Colexio de San Bartolomeu para logo cursar estudos de literatura e filosofía na Escola Xeral da Universidade do Primeiro Distrito e rematar os seus estudos superiores con mestres particulares en casa.
En 1849 partiu cara ós Estados Unidos e cursou os seus estudos de medicina na Universidade Yale onde ós 18 anos obtivo o seu título de médico. A súa tese foi un estudo médico-químico sobre a cinchona. En 1852 na Universidade de Gotinga iniciou estudos en filosofía e en artes liberais con especialidade en química e mineraloxía, aconsellado por Humboldt. Á idade de 22 anos obtivo o seu título nesta universidade co estudo sobre o iridio.
Dende 1852 empezou a publicación dos seus artigos no New York Herald, en Annalen der Chemie und Pharmacie e en The Pharmaceutical Journal. En 1854 publicou o seu primeiro libro: Memoria sobre las antigüedades neogranadinas.
Durante dous anos viaxou por diversas universidades europeas para ampliar e mellorar os seus coñecementos en filoloxía, lingüística, humanismo e outras ciencias. Viviu en Bruxelas onde cursou estudos de astronomía e meteroloxía no Observatorio real de Bélxica guiado por Adolphe Quetelet
En 1857 Uricoechea regresou a Colombia e ingresou como profesor de química e mineraloxía no Colexio do Rosario de Bogotá, e fundou a Sociedade de Naturalistas Neogranadinos. Ese mesmo ano publicou Mapoteca colombiana: colección de los títulos de todos los mapas, planos, vists, etc., relativos a la América española, Brasil e islas adyacentes. Colaborou no xornal El Mosaico: miscelánea de literatura, ciencias i música.
En 1867 foi nomeado por Tomás Cipriano de Mosquera Director Nacional de Instrución Pública pero non puido cumprir os seus labores debido á caída do xeneral polo golpe de estado do 23 de maio a cargo de Daniel Delgado París. Realizou expedicións á Serra Nevada de Santa Marta, á Guajira e ós chairos orientais. Produto desta última travesía foi Viaje al Meta documento até o día de hoxe extraviado pero citado por Casanare de Jorge Brisson. Un ano máis tarde emprende a súa segunda viaxe a Europa.
En 1871 publicou o seu terceiro libro Gramática, vocabulario, catecismo y confesionario de la lengua chibcha, según antiguos manuscritos anónimos e inéditos para o cal consultou a maior parte dos cronistas da conquista, as leccións de Gonzalo Bermúdez, cura de Santa Bárbara en Santafé, as do xesuíta José Dadey, do pai Francisco Varaix, de José Domingo Duquesne e a Gramática de Frei Bernardo de Lugo.
Foi o primeiro catedrático da lingua árabe da Universidade Libre de Bruxelas, disciplina inaugurada o 24 de outubro de 1878. Traduciu ó francés a Gramática árabe de C.P. Caspari, redactada en alemán.
Entre os correspondentes de Uricoechea atópanse os filólogos Rufino José Cuervo, Miguel Antonio Caro Juan María Gutiérrez e August Friedrich Pott.
En xullo de 1880 iniciou a súa viaxe por Asia coa intención de afondar no estudo dalgúns dialectos árabes, pero enfermou gravemente en Damasco polo que se trasladou a Beirut para restabelecer a súa saúde. Porén morreu cando tiña 46 anos de idade.Biografía del autor
Unha mostra da súa biblioteca atópase na Biblioteca Nacional de Colombia, que se compón de 115 volumes.
Notas
Categoría:Nados en 1834 Categoría:Nados en Bogotá Categoría:Finados en 1880 Categoría:Orientalistas Categoría:Colombianos de ascendencia vasca