Gaio Vetio Aquilino Xuvenco (en latín Gaius Vettius Aquilinus Iuvencus), poeta hispanolatino do século IV, fundador xunto a Sedulio da épica cristiá. Traxectoria Viviu en tempo do emperador Constantino o Grande e foi de nobre ascendencia. De confesión católica, foi ademais presbítero e cara ao ano 330 publicou o primeiro poema épico latino cristián, Evangeliorum libri quattuor, unha versificación bastante literal dos evanxeos, sobre todo do de San Mateo, composta de 3219 hexámetros e repartida en catro libros. No prólogo da súa obra afirma a súa intención de cantar as fazañas salvadoras de Cristo, don de Deus aos homes. No primeiro libro narra a vinda de Xoán o Bautista, o nacemento de Xesús e a súa actividade até o comezo da súa vida pública; no segundo, os milagres e as parábolas; no terceiro, continúa coa narración de milagres e parábolas e no cuarto termina coa paixón e resurrección de Cristo.
O estilo deste texto debe bastante a Virxilio e hai resabios de Lucrecio, Horacio, Ovidio, Lucano e Estacio que demostran que Xuvenco posuía unha extensa cultura poética. Con todo, a característica máis acusada do poema é unha sinxeleza que contrasta coa ampulosidade pagá, quizais polo afán de cinguirse escrupulosamente ao texto sacro. Permítese con todo o poeta deliciosas descricións da Natureza; outras veces arríscase a comedidas interpretacións de carácter alegórico, e utiliza unha adxectivación profusa para amplificar o texto mediante procedementos parafrásticos e abusa da aliteración. Xuvenco foi moi celebrado na Idade Media, na que mereceu o cualificativo de "Virxilio cristián". Tras o Concilio de Nicea era necesario un poeta cristián que contrapor na educación cristiá ao poeta latino Virxilio e o poeta hispanolatino encheu ese oco satisfactoriamente, como demostran os numerosos códices da súa obra que chegaron até nós. Xerome de Estridon menciona outras obras súas, algunha sobre o tema dos sacramentos, que non chegaron até nósJerónimo, De Viris Illustribus, cap. 84; Chron., ad an. 2345; Epist. lxx, 5; In Matt., I, ii, 11.. As noticias que transmite son as seguintes:
No tempo de Constantino, o presbítero Xuvenco puxo en verso a historia do noso Señor e Salvador e non a minguou nin sequera ao versificar as maxestosas frases do evanxeo. (Xerome, Epístola a Magnum)
Xuvenco, hispano de nobre ascendencia, presbítero, compuxo catro libros, traspoñendo os catro evanxeos case á letra, en versos hexámetros, e algunhas outras cousas no mesmo metro, relativas á orde dos sacramentos. Viviu en tempos do emperador Constantino. (Xerome, De viris ilustribus)
O humanista e xesuíta estremeño Faustino Arévalo, expulsado de España cos demais da súa orde ao empezar o último terzo do século XVIII, fixo unha edición crítica do texto en Boloña e en Roma.
Obra Historiae Evangelicae Libri IV, publicada no 332, unha vida de Cristo en versos hexámetros. Liber in Genesim, en 1.541 hexámetros Uns hexámetros sobre os sacramentos que se perderon.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Edición do texto latino
Edición en castelán
Bibliografía analítica
Ligazóns externas Sobre Xuvenco e a exéxese evanxélica Obras de Xuvenco en Open Library
Categoría:Escritores en lingua latina Categoría:Nados no século IV Categoría:Finados no século IV