A comarca da Terra Chá é unha comarca galega situada na zona norte e interior da provincia de Lugo. É a comarca máis extensa de Galicia con 1823,02 km². No ano 2020 tiña 39.702 habitantes. A paisaxe desta chaira combina frecuentes outeiros coroados na súa maioría por castros —cómpre citar o castro de Viladonga— con agros e pasteiros chans, importantes lagoas como a de Cospeito ou Caque e máis dun cento de ríos e regatos que percorren a comarca.
Pertencen a ela os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Pastoriza, Vilalba e Xermade, sendo a súa capital Vilalba.
A Terra Chá pódese definir como unha comarca rural cunha economía de clara vocación agrícola e gandeira. A climatoloxía e os solos permiten que haxa unha importante extensión de parcelas dedicadas a pastos onde se alimentan un gran número de vacas destinadas especialmente á produción láctea contando para iso con modernas explotacións que son, na súa maioría, de carácter familiar pero altamente competitivas. Naqueles lugares da comarca onde a topografía é máis montañosa cobra auxe a gandaría extensiva, dedicada á produción cárnica e predominando a raza autóctona rubia galega. A flora da comarca da Terra Cha é moi variada incluíndo importantes áreas de carballeiras, soutos e fragas; domina o carballo acompañado por bidueiros, salgueiros, ameneiros, castiñeiros e piñeiros do país.
Demografía
Padrón municipal 2020 39 702 habitantes Menores de 15 anos 3 542 (8,92 %) Entre 16 e 64 anos 23 170 (58,36 %) Maiores de 65 anos 12 990 (32,72 %)
Cultura O poeta Manuel María adicoulle á comarca o poemario Terra Chá, onde fala das súas terras e as súas xentes:
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Outros artigos Instituto de Estudos Chairegos
Terra Cha