A comarca de Valdeorras é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é O Barco de Valdeorras. Pertencen á comarca os concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. En total abrangue 968,90 km², e caracterízase pola súa elevación pois nela está o maior cumio de Galicia, a Pena Trevinca (2127 m). O seu xentilicio é valdeorrés/valdeorresa.

Xeografía O río Sil conforma a comarca en tres áreas, o propio val e as serras que se sitúan ao seu norte e sur. O val do Sil contén numerosos sedimentos terciarios, nas serras do sur, Serra do Eixe, Serra Calva e Serra Segundeira atópanse as maiores altitudes de Galicia, dominando os relevos abruptos con abondosas formas periglaciais. O relevo montañoso do norte fórmano a Serra de Cereixedo, Serra dos Cabalos e Serra da Enciña da Lastra. O sistema fluvial da comarca céntrase no Sil, que é o principal curso de auga e todos os outros ríos son afluentes del. Os tributarios da dereita son ríos curtos, xa que os cumios están próximos ao val, destacando o río Éntoma, e o Leira, os tributarios da esquerda son máis longos, destaca entre eles o Casaio. O clima da comarca é oceánico de montaña nas áreas máis elevadas e oceánico de matiz mediterráneo no Val do Sil. Valdeorras ten espazos protexidos, o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o Macizo Central e o Pena Trevinca.

Demografía + Poboación da comarcaConcellohabitantesano 2020 O Barco de Valdeorras 13.431 O Bolo 850 Carballeda de Valdeorras 1.499 Larouco 417 Petín 849 A Rúa 4.283 Rubiá 1.383 A Veiga 857 Vilamartín de Valdeorras 1.812Total25.381 Fonte: IGE

Padrón municipal 2020 25.381 habitantes Menores de 15 anos 2.630 (10,36 %) Entre 16 e 64 anos 15.423 (60,77 %) Maiores de 65 anos 7.328 (28,87 %)

Historia

A chegada dos romanos cambiou substancialmente o val. O principal elemento romanizador foi a construción da Vía XVIII da que quedan como mostra varias pontes na actualidade. Tras os romanos, que buscaban o ouro que había no río Sil, chegaron os suevos e os visigodos e posteriormente, a repoboación, o cristianismo e a influencia das ordes monásticas.

En 1624 púxose en marcha o mosteiro das Ermidas, que se converteu no máis importante lugar de culto da comarca. Durante a Guerra da Independencia, o val de Valdeorras asistiu a diversas escaramuzas entre as tropas francesas por unha banda e o exército inglés xunto coas tropas españolas e os guerrilleiros locais.

En 1822, esta comarca, xunto coa veciña de Trives, pertenceu á provincia do Bierzo (a provincia do Vierzo), coa que aínda pertencendo hoxe día a provincias diferentes, León e Ourense, manteñen importantes lazos económicos e de servizos. En 1833 separouse a provincia berciana en dúas; segundo o deputado leonés, Benito Lobato, “era partidario de deixar para Ourense unha parte do Bierzo con tal de manter a maior porción con León (…)”.

A finais do século XIX tivo lugar un feito decisivo para a economía e a historia humana de Valdeorras: o 1 de setembro de 1883 abriuse ao tráfico a liña férrea Palencia-A Coruña, quedando o val comunicado por ferrocarril á modernidade. Finalmente, durante boa parte do século XX o acontecemento máis notable foi a constante emigración primeiro a Cuba e América do Sur (a Arxentina, o Uruguai...) e posteriormente a Alemaña, Francia e Suíza principalmente.

Galería de imaxes Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca de Valdeorras

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Sector da lousa en Valdeorras.

Valdeorras, Comarca de