Estonia () (), oficialmente República de Estonia () (), é un dos tres países bálticos. O país atópase na Europa do norte e está constituído por unha porción continental e un grande arquipélago de illas no mar Báltico. Estonia limita polo norte co golfo de Finlandia que o separa da veciña Finlandia. Polo leste o país fai fronteira con Rusia, ao sur con Letonia e ao oeste co mar Báltico, que o separa de Suecia. Estonia ten unha poboación de pouco máis dun millón trescentos mil habitantes, distribuídos ao longo de 45 mil quilómetros cadrados. O país é membro da Unión Europea dende o 1 de maio do ano 2004, da OTAN dende o 29 de marzo do 2004 e da Eurozona dende o 1 de xaneiro de 2011.

Os estonianos son un pobo fínico etnicamente vencellado aos finlandeses e aos saamis. O país ten ademais vencellos culturais e históricos cos países nórdicos, particularmente con Finlandia, Suecia e Dinamarca.

A lingua estoniana fai parte das linguas ugrofinesas, grupo que comparte co finés e o húngaro, aínda que difire moito deste. Xunto co finés, o húngaro e o maltés, o estoniano forma o grupo de linguas oficiais da Unión Europea que non teñen orixe indoeuropea.

Durante séculos os estonianos viviron baixo o dominio doutros pobos que ocuparon a súa terra. A noción de país chegou bastante tarde para os estonianos, apenas na metade do século XIX, cun forte crecemento cultural unido ao crecemento da poboación urbana, e á industrialización do país, que favoreceu a unión dos estonianos e ao movemento nacionalista, resultando nun Estado independente, establecido en 1917.

Etimoloxía O nome actual de Estonia provén probablemente do historiador romano Tácito, que no seu libro Germania (ca. 98 AD) describiu o pobo que moraba na rexión da actual Estonia como os Aestii, un pobo bárbaro que era distinto dos outros pobos da rexión. Igualmente, atopáronse sagas escandinavasHarrison, D. & Svensson, K. (2007). Vikingaliv. Fälth & Hässler, Värnamo. en que se contaban relatos sobre a rexión de Estonia chamada Eistland. No latín arcaico e noutras fontes da Antigüidade, o nome que describía as terras estonianas era Estia ou Hestia. A primeira vez que os estonianos se chamaron así foi durante o período de fortalecemento da cultura estoniana durante o xurdimento do sentimento nacionalista durante o século XIX, dándose en chamar habitantes das terras do leste ou os Eesti.

Historia Artigo principal: Historia de Estonia

Antigüidade Os primeiros asentamentos humanos en Estonia foron posibles hai 11.000 ou 13.000 anos, cando comezaron os desxeos da derradeira glaciación. O asentamento humano máis antigo coñecido en Estonia, é o asentamento de Pulli, atopado nas beiras do río Pärnu, preto da vila de Sindi, no sur de Estonia. Segundo as probas de carbono, o asentamento foi fundado hai 11.000 anos, no comezo do 9 milenio a.C.

En Estonia atopáronse probas da existencia de comunidades cazadoras e pescadoras arredor do 6.500 a.C., preto da vila de Kunda, no norte. Aparellos feitos de ósos e pedras semellantes ós atopados en Kunda, foron atopados por toda Estonia, ademais de en Letonia, norte de Lituania e sur de Finlandia. A cultura atopada en Kunda pertence á Idade de Pedra, ou ó período Mesolítico.

A fin da Idade de Bronce e o comezo da Idade de Ferro caracterizáronse por grandes cambios culturais. O máis importante foi a transición para a agricultura. Dende o século I ó século V d.C., a agricultura expandiuse, a poboación medrou, e os asentamentos espalláronse por todo o país. Nesa época a influencia do Imperio Romano chegou ata Estonia, sendo este período coñecido como a Idade de ferro romana.

A segunda metade da Idade de Ferro caracterizouse polos enfrontamentos contra as tribos bálticas, as cales atacaban dende o sur do país, e dende o mar Báltico. Moitas sagas escandinavas fan referencia ás campañas contra Estonia. Os piratas estonianos levaron a cabo ataques semellantes na Idade Viquinga chegando a saquear e queimar a vila sueca de Sigtuna no ano 1187.

Cristianización

Arredor do século XIII, Estonia atopábase dividida en 8 condados — Saaremaa, Läänemaa, Rävala, Harju, Viru, Järva, Sakala, e Ugandi. Despois de levarse a cabo unha serie de consultas entre os diferentes representantes e compoñentes de varios dos condados, tomaron a decisión de establecer un estado. Ata ese intre, Estonia conservara unha relixión pagá centrada arredor dunha deidade chamada Tharapita.

Estonia foi cristianizada cando os "Irmáns Livonianos da Espada" alemáns invadiron o sur do país como parte das cruzadas setentrionais en principios do século XIII. Ó mesmo tempo, Dinamarca tentaba facerse co norte do país. No ano 1227 Estonia atopábase dividida entre os dous países. A parte norte de Estonia estivo baixo Dinamarca ata 1346. Talín (coñecida como Reval naquel tempo) recibiu os dereitos de Lübeck en 1248 e uniuse á Liga Hanseática no final do século XIII. No ano 1343, a xente do norte de Estonia e mais Saaremaa rebeláronse contra o dominio xermano na revolta da noite de San Xurxo, rematada en 1344. Entre os anos 1481 e 1558 Estonia foi invadida sen éxito polos rusos. Despois de 1524, durante a reforma protestante, Estonia converteuse ó Luteranismo. miniatura|250px|Cidade antiga de Talín (Reval), mirando cara ao porto

Suecia e Rusia Durante a guerra livoniana en 1561, o norte de Estonia pasou ó control sueco, mentres que o sur de Estonia pasou ó control polaco durante a década de 1580. En 1625, Estonia pasou a estar por completo baixou o dominio sueco. Daquela, Estonia quedou dividida entre as provincias de Estonia no norte, e Livonia situada entre o sur de Estonia e o norte de Letonia, división que durou ata comezos do século XX.

En 1631, o rei sueco Gustavo Adolfo forzou a nobreza a respectar o campesiñado, aínda que a servidume seguiu existindo. No ano 1632 establecéronse unha imprenta e unha universidade na cidade de Tartu (coñecida como Dorpat naquel tempo). Este período é coñecido na historia estoniana como "o bo vello tempo sueco."

Trala Gran guerra do norte, o imperio sueco perdeu Estonia, a cal pasou a mans rusas (en 1710 de facto, en 1721 de iure, polo Tratado de Nystad). Aínda que as clases altas e medias permaneceron formadas por Alemáns bálticos. A guerra devastou á poboación estoniana, quen se recuperou axiña. Aínda que os dereitos do campesiñado foran debilitados, a servidume foi abolida en 1816 na provincia de Estonia e en 1818 en Livonia.

Independencia

Como resultado da abolición da servidume e a posibilidade da educación dos estoniano-falantes, no século XIX naceu un forte movemento nacionalista. O nacionalismo naceu como un movemento cultural, o cal estableceu unha literatura, teatro e música de seu e a formación dunha identidade nacional estoniana. Entre os líderes do movemento estaban Johann Voldemar Jannsen, Jakob Hurt e Carl Robert Jakobson. Algúns logros significantes foron a publicación do épico nacional, Kalevipoeg, en 1862, e a organización do primeiro festival da canción en 1869.

En resposta ó período de Rusificación iniciado polo Imperio ruso na década de 1890, o nacionalismo estoniano asumiu tons máis políticos, con intelectuais que piden primeiro unha maior autonomía, e máis tarde, a independencia do Imperio ruso. A finais de 1917 e comezos de 1918 estivo ocupada polo Imperio Alemán. Trala Revolución de outubro, Estonia declarouse así mesma república independente o 24 de febreiro de 1918. Despois de gañar a Guerra de liberación estoniana contra a Rusia soviética (o Tratado de Tartu asinouse o 2 de febreiro de 1920), Estonia mantivo a súa independencia por vinte e dous anos. Inicialmente unha democracia parlamentaria, o parlamento (Riigikogu) disolveuse en 1934, seguido por unha inquietude política causada pola crise económica global. Como consecuencia, o país foi gobernado por decreto por Konstantin Päts quen se fixo presidente en 1938.

Estonia baixo a Unión Soviética

miniatura|dereita|250px|Bandeira da República Socialista Soviética de Estonia.

Estonia foi ocupada polas tropas soviéticas en xuño de 1940, como consecuencia do Pacto Molotov-Ribbentrop feito en agosto de 1939 entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética. Estonia foi anexionada formalmente pola Unión Soviética en 1940 como a República Socialista Soviética de Estonia. Durante a anexión moitos dos líderes intelectuais e políticos foron executados ou deportados a lugares afastados da Unión Soviética. As represións tamén foron levadas a cabo contra a poboación estoniana. Cando comezou a operación alemá Barbarossa contra a Unión, miles de mozos estonianos foron alistados nas tropas do Exército Vermello. Entre 1941 e 1944 o país foi ocupado polo Terceiro Reich. Cando as tropas soviéticas reconquistaron o país polo nordeste, decenas de miles de persoas decidiron fuxir para Finlandia e Suecia ou poñerse do lado dos alemáns. En 1949, como resposta ó paseniño proceso de formación das granxas colectivas, como estaba prescrito pola ideoloxía soviética, miles de persoas foron deportadas a Siberia, onde a metade pereceu na construción de campamentos; a outra metade dos sobreviventes non puido volver ata 1960 (varios anos despois da morte de Stalin). Iso e mais as represións de 1940 e 1941 deron lugar á formación de guerrillas contra o goberno soviético na década de 1950, formadas principalmente por veteranos estonianos e algúns paisanos.

Ademais das perdas humanas e materiais provocadas pola guerra, miles de estonianos foron asasinados e decenas de miles deportados polas autoridades soviéticas ata a morte de Iosif Stalin en 1953. A dominación soviética repercutiu negativamente no crecemento estoniano, sendo case nulo en comparación ó das economías sueca e finesa.

Outro efecto debido á Unión Soviética foi a rusificación de Estonia. Centos de miles de ruso-falantes (a maioría da República Socialista Soviética de Ucraína) foron aloxados no país para a súa militarización e desenvolvemento industrial. O nivel de rusificación do país acadou o seu máximo nivel na década de 1980, cando os Xogos Olímpicos de 1980 de Moscova (a olimpíada da Regata) tiveron lugar na cidade de Talín, onde se produciron protestas contra as políticas migratorias da Unión.

Volta á independencia miniatura|esquerda|150px|Bandeira da Estonia independente.

Debido ás dificultades económicas provocadas pola Guerra fría, a Unión Soviética comezou a debilitarse. Esta situación foi aproveitada en Estonia creándose un movemento para conseguir un autogoberno. No período 1987-1989, o movemento centrábase máis na independencia económica da Unión, pero co debilitamento desta o movemento volveuse máis e máis independentista.

En 1989, produciuse unha nova mostra a prol da independencia co chamado Camiño báltico, no cal se formou unha cadea humana de máis de dous millóns de persoas a través de Lituania, Letonia e Estonia (tendo Letonia e Lituania semellantes oportunidades de aspiraren á independencia como Estonia).

Estonia volveu a conseguir a súa independencia o 20 de agosto de 1991, coa Revolución do canto seguido do colapso da Unión Soviética. O primeiro país en recoñecer a nova independencia de Estonia foi Islandia, seguido de Dinamarca.

As derradeiras tropas rusas marcharon o 31 de agosto de 1994. Dende aquela, Estonia uniuse á OTAN o 29 de marzo do 2004 e á Unión Europea o 1 de maio do 2004.

Política miniatura|esquerda|Riigikogu, parlamento estoniano Estonia é unha democracia constitucional, cun presidente electo polo parlamento (eleccións de cinco en cinco anos), que só ten unha cámara. O goberno ou poder executivo, está composto polo primeiro ministro, nomeado polo presidente, e por un total de 14 ministros. O goberno noméao o presidente despois de ser aprobado polo parlamento.

O poder lexislativo pertence ao parlamento, denominado Riigikogu ou Asemblea do Estado, que ten 101 escanos. Casa Stenbock, sede do goberno estoniano|miniatura|dereita