Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.

Traxectoria

Primeiros anos Foi o último dos sete fillos (seis homes e unha muller) do galego Eladio Dieste Muriel e a uruguaia Olegaria Gonçalves Silveira, descendente de portugueses establecidos no Brasil. Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Santiago de Compostela mais, en 1917, interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba un irmán seu pero non se afacía e regresou ó ano seguinte.Pallarés & Tato 1995, p. 4

Etapa en galego De regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco.

Entre 1921 e 1923, ao rematar os estudos, debeu facer o servizo militar na Guerra de Marrocos, e onde estivo dous anos. Publicou algúns relatos na revista Cuentos Nuevos de Santiago de Compostela. De regreso a Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia. Diario de Vigo e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados nestes dous últimos no libro Dos arquivos do trasno e, ano ano seguinte, publicou A fiestra valdeira. Ese mesmo ano, 1927, ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Mentres, segue a publicar diversos artigos en El Pueblo Gallego, e todos eses textos serán incorporados á 2ª edición Dos arquivos do trasno de 1962, e na que se considera a definitiva de 1973.Pallarés & Tato 1995, pp. 4-5

Etapa en español Nos momentos finais da Ditadura de Primo de Rivera e comezos da República, Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Tras unha estancia en Londres, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor e incorpórase aos movementos literarios españois e abandona a escrita en galego, á cal só retornará de xeito circunstancial.Pallarés & Tato 1995, p. 6

Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Na provincia de Cáceres coñeceu a inspectora de educación Carmen Muñoz Manzano, con quen casou en Santander en 1934. Cunha bolsa de estudos da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas viaxou en 1935 por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo.Axeitos, Xosé Luís: «Dos arquivos de Rafael Dieste : epistolario de Eduardo Dieste, cartas a Rafael Dieste e ó pintor Colmeiro» , Boletín Galego de Literatura, ISSN 0214-9117, N. 8, (1992), 129-135.

O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, traballando nas Misións Pedagóxicas. Durante a Guerra civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza, e El buque rojo. Foi nomeado director do Teatro Español, formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936, onde participou na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a finais de 1937 e recibiu o encargo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de dirixir Nova Galiza. En 1939 ingresou no Exército do Leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este. Finalmente exiliouse coa caída de Cataluña. miniatura|esquerda|Rafael Dieste con Luís Seoane, Buenos Aires, 1946. Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e no Uruguai, estableceuse en Buenos Aires, onde traballou como director literario na Editorial Atlántida. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrei, México. En 1954 regresou a Buenos Aires e á Editorial Atlántida, na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958). miniatura|Dos arquivos do trasno. En 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou na Editorial Galaxia unha reedición de Dos arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e o 18 de abril de 1971 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso A vontade de estilo na fala popular, respondido por Domingo García-Sabell. Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza.

Poucos meses antes da súa morte, apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego. Foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en 1981.

Ocasionalmente utilizaba o pseudónimo Félix Muriel. Este dá nome ao instituto de educación secundaria de Rianxo, o IES Félix Muriel.

Obra en galego miniatura|A fiestra valdeira nunha edición de 1958. Narrativa Dos arquivos do trasno (1926). Foi traducida ao castelán e ao éuscaro. Traducido ao castelán como Los arquivos de trasgo. Cuentos del monte y del mar (2025), Cuatro Lunas, tradución e prólogo de Luís Rei.

Teatro A fiestra valdeira (1927, El Eco de Santiago). Viaxe e fin de don Frontán (publicado postumamente en 1982).Incluído, tamén, na Biblioteca 114 (El Correo Gallego).

Ensaio

A vontade de estilo na fala popular (1971, Ediciós do Castro). Antre a terra e o ceo (1981, Ediciós do Castro). Encontros e vieiros (1990, Ediciós do Castro). Fragua íntima (1991, Sociedade de Cultura Valle-Inclán). Textos e crítica de arte (1995, A Nosa Terra).

Obra en castelán miniatura|Monumento ao escritor na súa vila natal.

Narrativa Juan de Luz (1929) "De cómo vino al mundo Félix Muriel" (revista De mar a mar, 1942) Historias e invenciones de Félix Muriel (relatos; Ed. Nova, 1943). Ilustrado por Luís Seoane.En 2004 foi incluído na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia

Teatro

Quebranto de doña Luparia y otras farsas (1934) Viaje, duelo y perdición (Atlántida, 1945)

Viaje, duelo y perdición: tragedia, humorada y comedia (1979)

Poesía

Rojo farol amante (Ed. Teseo, 1933)

Ensaio

La vieja piel del mundo (Ed. Signo, 1936) Luchas con el desconfiado (Sudamericana, 1948) Nuevo tratado del paralelismo (Atlántida, 1955) Pequeña clave ortográfica (1956) Diálogo de Manuel y David (Galaxia, 1965) ¿Qué es un axioma? (Galaxia, 1967). Testamento geométrico (Ediciós do Castro, 1975) El alma y el espejo (Alianza, 1981)

Guión

Promesa del viejo y la doncella (1938, con Eduardo Dieste)

Traducións De cuatro a cuatro, 1940 (De catro a catro de Manuel Antonio). Colección Dorna, Emecé, Buenos Aires.Portal de datos bibliográficos da Biblioteca Nacional de España.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos

Retablo de fantoches Xeración de 1925 II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura

Ligazóns externas

20px