O transhumanismo (abreviado como H+ ou h+) é un movemento cultural e intelectual internacional que ten como obxectivo final transformar a condición humana mediante o desenvolvemento e fabricación de tecnoloxías amplamente dispoñibles, que melloren as capacidades humanas, tanto a nivel físico como psicolóxico ou intelectual. Os pensadores transhumanistas estudan os posibles beneficios e perigos das novas tecnoloxías que poderían superar as limitacións humanas fundamentais, como tamén a tecnoética axeitada á hora de desenvolver e empregar esas tecnoloxías. Estes especulan sostendo que os seres humanos poden chegar a ser capaces de transformarse en seres con extensas capacidades, merecedores da etiqueta "posthumano".

O significado contemporáneo do termo transhumanismo foi forxado por un dos primeiros profesores de futuroloxía, Fereidoun M. Esfandiary, coñecido como FM-2030, que pensou en "os novos conceptos do humano" na Nova Escola arredor de 1960, cando comezou a identificar ás persoas que adoptan tecnoloxías, estilos de vida e visións do mundo transicionais a "posthumanas" como "transhumanos". Esta hipótese sosteríase nos traballos do filósofo norteamericano Max More, quen empezaría a articular os principios do transhumanismo como unha filosofía futurista en 1990, e a organizar en California un grupo intelectual que dende entón creceu no que hoxe se chama o movemento internacional transhumanista.

Influenciado por traballos e obras primarias de ciencia ficción, a visión transhumanista dunha futura humanidade diferente atraeu a moitos partidarios e detractores dunha ampla gama de perspectivas. O transhumanismo foi descrito por Francis Fukuyama como «a idea máis perigosa do mundo», mentres que Ronald Bailey considera que é un «movemento que personifica as máis audaces, valentes, imaxinativas e idealistas aspiracións da humanidade». URL consultada o 20 de febreiro de 2006 Algúns autores consideran que a humanidade xa sería transhumana, porque os progresos médicos nos últimos séculos alteraron de maneira significativa a nosa especie. Porén, non o sería dunha forma consciente e, polo tanto, transhumanista.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía