Godflesh é unha banda inglesa de metal industrial procedente de Birmingham. O grupo formouse no ano 1982 co nome Fall of Because pero non editou música ata 1988 cando Justin Broadrick (guitarra, voces e programación) e G. C. Green (baixo) cambiaronlle o nome ao grupo e decidiron usar unha caixa de ritmos para a percusión. Mesturando heavy metal con música industrial e posteriormente con música electrónica e dub, o innovador son de Godflesh é amplamente considerado como unha influencia fundacional para outros artistas do metal industrial e o post-metal e moi importante para o metal experimental e o metal extremo.

A banda fichou por Earache Records a finais dos 80 e publicou o seu influente álbum de estrea, Streetcleaner (1989), coa aclamación da crítica. Tras o lanzamento de Pure (1992) e de Selfless (1994), comezaron a experimentar con baterías ao vivo, e con sons do hip hop e do breakbeat. Os álbums resultantes, Songs of Love and Hate (1996) e Us and Them (1999), foron seguidos por Hymns (2001), que viu unha simplificación no son da banda. Pouco despois da marcha de Green en 2002, Broadrick puxo fin a Godflesh e dedicouse a outros proxectos, incluído Jesu. Broadrick e Green reformaron Godflesh en 2010, publicando A World Lit Only by Fire (2014) e Post Self (2017) con aclamación da crítica.

Como pioneiro do metal industrial, o son inicial de Godflesh definíase por ritmos ásperos, baixos enfatizados, guitarras distorsionadas e voces escasas cantadas de forma grave e gutural. A banda actuou durante a meirande parte da súa carreira como un dúo con Broadrick e Green tocando sobre percusión programada, normalmente nun contexto de escenas apocalípticas e iconografía cristiá. A música de Godflesh é considerada especialmente pesada e sombría, con Streetcleaner sendo nomeado por varias publicacións como un dos mellores e máis pesados álbums de metal.

Historia

Formación e primeiros anos Fall of Because, a banda que se convertería en Godflesh, formouse no ano 1982 cando G. C. Green e Paul Neville, dous músicos novos que vivían en vivendas económicas no leste de Birmingham, comezaron a experimentar musicalmente xunto cunha caixa de ritmos. Fall of Because, chamada así por unha canción de Killing Joke e un capítulo dun libro de Aleister Crowley, aopou un batería cando Justin Broadrick, que vivía no mesmo edificio que Green e Neville, uniuse ao grupo en 1984 tras organizar un concerto en The Mermaid, Birmingham. Nesa actuación, Fall of Because, Final (o primeiro grupo de Broadrick) e unha primeira encarnación de Napalm Death tocaron diante dunhas 25 persoas. Nos meses seguintes Broadrick uniuse a Napalm Death como guitarrista e a Fall of Because como batería e alterou o son destes últimos ao ensinarlles álbums de Swans, Sonic Youth e Discharge a Green e Neville. Con só 15 anos de idade, Broadrick dixo que "usurpara" a súa banda.

Fall of Because gravou unha demo titulada Extirpate en 1986, que contiña varios temas que despois pasarían a ser cancións de Godflesh. Debido a que esas gravacións non estarían amplamente a disposición do público ata 1999, retrospectivamente foron recoñecidas como "misteriosamente" adiantadas ao seu tempo por Exclaim!. Posteriormente en 1986, Broadrick foi invitado a tocar a batería con Head of David, levando á súa marcha de Napalm Death e pouco despois de Fall of Because en 1987. Entón, en marzo de 1988, deixou Head of David e contactou con Green en abril para reformar Fall of Because como dúo. Nesa reforma Broadrick fíxose cargo da guitarra e a banda volveu a empregar unha caixa de ritmos para a percusión. Nese momento foi cando o grupo pasou a chamarse Godflesh. Broadrick explicou o novo nome dicindo, "escoitei unha vez a alguén dicir que a música é a voz de Deus. A palabra 'God' (Deus) conxura algo inmenso e inconcebible. A parte 'flesh' (carne) é o que te afecta a nivel físico. A nosa música é forte e destructiva".

Godflesh, Streetcleaner e Pure Inspirados pola sombría paisaxe urbana de Birmingham é pola música extrema que Broadrick lle ensinara a Green, Godflesh adquiríu un ton claramente máis pesado que o de Fall of Because, inspirado principalmente por The Cure. En 1988 a banda estableceu a súa presenza na escena da música underground co lanzamento do EP Godflesh a través do selo Swordfish. Ese EP, considerado a fonte do metal industrial xunto co álbum de Ministry de 1988 The Land of Rape and Honey, combinaba ritmos industriais programados, voces distorsionadas, guitarras graves e riffs de baixo para crear o son polo que Godflesh sería coñecido. miniatura|250x250px|Godflesh no Camden Underworld en outubro de 1991 Pouco despois do lanzamento de Godflesh a banda gravou utro EP titulado Tiny Tears formado por catro cancións curtas e ásperas. Antes do lanzamento deste EP a banda fichou pola discográfica Earache Records, e o fundador do selo, Digby Pearson, convenceu a Broadrick e a Green para que almacenasen Tiny Tears e usasen os seus temas como cancións extra do seu primeiro álbum. A banda accedeu e en 1989 publicouse Streetcleaner, que sería aclamado pola crítica e foi recoñecido como un fito da música heavy metal. En Streetcleaner Neville regresou á banda, desa vez como segundo guitarrista. O álbum definiu aínda máis o son de Godflesh, destacando sobre outros discos de metal con produción pouco común que enfatizaba os ritmos mecánicos e un baixo percusivo sobre a guitarra. Streetcleaner considérase particularmente pesado e sombrío.

Entre febreiro de marzo de 1991 Godflesh regresou ao estudio para gravar o EP Slavestate, no cal a banda experimentou co dance e máis elementos electrónicos. En abril dese ano o grupo comezou a súa primeira xira por Norteamérica, a xira Grindcrusher de Earache,ao lado dos seus compañeiros de selo Nocturnus e Napalm Death. Segundo Mike Browning de Nocturnus, á meirande parte dos concertos das 45 datas asistiron entre 200 e 300 persoas. Godflesh perdeuse o primeiro concerto debido a problemas cos seus permisos, pero conseguiu chegar á segunda data no L'Amour de Brooklyn. O local estaba cheo, e cando Godflesh saíu ao escenario a súa caixa de ritmos fallou e a banda non continuou. Tras conseguir unha caixa de ritmos nova, Broadrick e Green programárona apresuradamente para ter listas catro cancións para o seu terceiro concerto no Channel en Boston. A pesar desa dificultades inciciais, o rest da xira marchou ben e Godflesh tivo unha recepción sorprendentemente positiva. Slavestate publicouse en xullo, despois de rematar a xira. En agosto e outubro de 1991 tanto Broadrick como Green foron convidados a gravar Buried Secrets (1992), en EP de Painkiller.

Cos éxitos de Streetcleaner, Slavestate, unha actuación como abreconcertos para Nirvana e a xira Grindcrusher, Godflesh comezou a traballar no seu segundo álbum, desta vez sen Neville, que preferiu centrarse no seu outro proxecto, Cable Regime, no que Broadrick traballaba habitualmente como produtor. Para enche o oco Robert Hampson, de Loop, foi invitado a tocar na metade dos temas do novo traballo e de Cold World (1991), un EP gravado nas mesmas sesións. O álbum Pure editouse en 1992 a través de Earache e dende entón ten sido recoñecido como un importante lanzamento do xénero post-metal. Musicalmente Pure era incluso máis mecánico que Streetcleaner, enfatizando aínda máis a caixa de ritmos e cunha produción que aumentou a percusión cunha atmosfera escura e sombría. A pesar de que os experimentos de Godflesh máis abertos co hip hop e os breakbeats ocorreron posteriormente na súa carreira, Pure conta con elementos dos dous enterrados baixo os quexidos de guitarra, os berros e a batería agresiva e repetitiva. O álbum continúa a súa experimentación con estruturas de cancións atípicas na súa conclusión, "Pure II", unha peza de ambiente drone de 20 minutos cun ritmo somerxido que, como dixo Ned Raggett de Allmusic, "golpea como un canón distante".

A pesar da insatisfacción de Broadrick coa mestura de Pure por non ser "o suficientemente pesado", moitos críticos consideran ao álbum como implacable; nunha recensión positiva, Mike Gitter de Spin escribiu que "Hiroshima fora probablemente máis divertido [ca Pure]". Para promover o álbum Goddflesh planeou ser abreconcertos de Ministry noutra xira por América do Norte, pero no seu lugar acabaron por abrir os concertos da banda de electro-industrial Skinny Puppy na súa xira do Last Rights (1992). Novamente debido a problemas cos permisos de entrada aos Estados Unidos, Godflesh viuse forzada a cancelar varias datas; posteriormente regresarían como cabezas de cartel para realizar os concertos cancelados. Broadrick diría posteriormente que esa época da banda enténdese como "a representación máis honesta do que Godflesh propuxo alcanzar".

Selfless, Songs of Love and Hate e Us and Them Despois dun anos de moi pouca actividade en 1993, varios selos contactaron con Godflesh. Segundo Broadrick, Danny Goldberg de Atlantic Records invitounos a Londres e expresoulles o seu desexo de facerse coa banda. Sobre ese período Broadrick dixo, "Realmente pensaban que Godflesh podería ser o seguinte Nine Inch Nails e que íamos encher putos estadios. Os rumores na época eran ridículos. Obviamente superaban as vendas. Era todo un hype". Finalmente a banda acabou fichando con Columbia para o lanzamento do EP Merciless en 1994, o título do que fora unha canción de Fall of Because. Outro EP, Messiah, gravouse durante esas sesións, pero non foi distribuído a grande escala ata o seu lanzamento en 2003 por parte de Relapse Records. Posteriormente en 1994 a banda publicou o seu terceiro álbum, Selfless, que representou un cambio no son do grupo cunha produción máis puída e un maior enfoque cara aos riffs tradicionais do heavy metal. A pesar de ser o disco máis vendido da banda cunhas 1800 000 copias despachadas, Selfless considerouse unha decepción comercial. Isto unido á prohibición do primeiro vídeo musical importante de Godflesh levou ao final da súa colaboración con Columbia.

Sentíndose abandonada tras ser expulsados abruptamente de Columbia, Godflesh atopouse perdida brevemente en 1995. No ano seguinte a banda regresou a Earache e creou o seu cuarto álbum de estudio, Songs of Love and Hate, cos primeiros temas de Godflesh feitos cun batería humano dende os seus tempos de Fall of Because; Bryan Mantia de Praxis sería o encargado de proporcionar a agresividade dunha batería non mecánica. Broadrick cre que Songs of Love and Hate marcou o punto onde Godflesh perdeu de vista o seu obxectivo orixinal e comezou a facer música "autoconsciente". Cando chegou o momento da xira de promoción do álbum en 1996 Mantia uniuse a Primus, e Godflesh recrutou a Ted Parsons de Prong e Swans para encargarse da xira no seu lugar. Xunto coa continuación do disco, o lanzamento de remesturas Love and Hate in Dub (1997), Songs of Love and Hate afastouse das raíces industriais de Godflesh cara a experimentación co formato convencional de verso-retrouso, o hip hop, o dub e o drum and bass. O álbum de mesturas foi promovido cun único concerto o 4 de outubro de 1997 en The Garage, Londres, onde Broadrick operou unha mesa de mesturas, Steve Hough tocou a guitarra, Green o baixo e Diarmuid Dalton apoiou á banda cun sintetizador Moog.