O Rally de Terra do Carballiño de 1993 foi a sexta edición de dito rally. Celebrouse o 26 de setembro de 1993 e foi a segunda proba puntuable para a tempada 1993 do Campionato de Galicia de Rallys de Terra. O vencedor foi o piloto José Alonso conducindo un Citroën AX 4x4.
O rally estivo protagonizado polas protestas dun grupo de mulleres, veciñas de Gabián, no concello de Boborás, que impediron o paso dos vehículos por unha das pistas forestais, por desacordos coa organización.
Itinerario Estaban programados 244,575 km, dos cales 34 serían cronometrados, divididos en tres treitos con dúas pasadas a cada un deles. Os treitos cronometrados a percorrer eran Feás-A Fenteira, Alto do Paraño e Osmo-Cenlle. Por mor das protestas das "mulleres do Gabián" e dun pequeno incendio a proba reduciuse a só tres treitos e uns 15 km cronometrados.
Protestas das "mulleres do Gabián" Un grupo de mulleres veciñas de Gabián autodenominadas "as mulleres do Gabián" cobraron protagonismo no rally, cortando o tráfico e impedindo a competición en parte do percorrido. Días antes da celebración do rally xa mostraran a súa oposición ao paso da proba por unha das pistas forestais, entre Gabián e o alto do Paraño, alegando que dito camiño fora aberto co seu traballo e o seu diñeiro e que nos anos anteriores o paso do rally o deixara bastante estragado, tendo que amañalo elas sen a axuda de ninguén. Por este motivo pedíronlle 100.000 pesetas á organización para permitir o paso da proba, petición que foi aceptada nun principio pola organización. Con todo, tras o pago da metade da cantidade acordada, o ICONA obrigou ás mulleres a devolver o diñeiro.
Na tarde anterior á celebración da proba as mulleres abriron unha gabia de grandes dimensións na pista forestal, que foi pechada pola noite e reaberta de novo no amencer do día do rally. Atrincheiráronse nela "armadas" con apeiros de labranza e colocaron ademais bloques de cemento e grandes pedras obstaculizando o camiño. Finalmente conseguiron o seu obxectivo e suspendéronse as dúas pasadas por dito treito.
Desenvolvemento O Citroën AX 4x4 do vigués José Alonso dominou os dous primeiros treitos, seguido de preto polo Peugeot 205 GTI de Manuel Senra e Pepe Maceiras, e con Andrés González en terceiro lugar. No derradeiro treito, o coche de Senra envorcou a falta de poucos metros para a meta, deixando o camiño libre para a vitoria de Alonso.
Clasificación PosPilotoCopilotoVehículo1 José Alonso Agustín RodríguezCitroën AX 4x4Abandonos- Manuel Senra Pepe MaceirasPeugeot 205 GTI
Notas
Categoría:Rally de Terra do Carballiño Categoría:Tempada 1993 do Campionato de Galicia de Rallys de Terra