O rego do Menal ou rego do Monal é un afluente do rego do Amenal, que pertence á bacía do río Brandelos, que discorre polo concello do Pino, na comarca de Arzúa e ten unha lonxitude total de 2.930 metros.
Características Nace na Pena Vieiro, preto da N-634 e do lugar de Vilabuíl, a uns 370 metros de altitude, e desemboca no rego Amenal á altura do lugar do Ameneiral, na parroquia de San Miguel de Pereira, a uns 249 metros de altitude, seguindo unha dirección norte-sur sen apenas describir grandes revoltas.
O seu curso pasa preto do casarío de Villabuíl, que queda na súa marxe dereita, mentres na esquerda queda encaixado polas elevacións do Coto de Pazos (de 376 m de altitude). Pouco despois, tras pasar baixo da autovía de Santiago a Lugo), segue polo espazo que deixan á esquerda o Monte do Grilo (de 339 m) e á dereita os montes da Revolta e Telleiro. Neste tramo localízase a poucos metros do rego a chamada Fonte Millara. Por fin, as elevacións do Castro de Amenal (de 332 m) desvían o seu curso para confluír con rego do Amenal, no que desemboca na altura do Ameneiral.
Etimoloxía Menal ou Monal semella unha variante dos topónimos Amenal e Ameneiral (presentes todos eles nesta parte norte da parroquia piñeira) que tería perdida o a- inicial por aférese. A orixe última sería: do fitónimo ameneiro (alnus glutinosa), do latín vulgar *AMINARIU, derivado da forma celta ameia, que significa "a carón do río", porque é aquí onde abundan. É posible que a palabra amenal poida ser un topónimo abundancial que se referira a un conxunto de amieiros, igual que a súa variante ameneiral do hidrónimo ame-nale, que significa "meseta ou regato tranquilo", ou da raíz céltica am- que derivaría nun amena- e pode significar "leito de río, gabia"
Galería de imaxes
Notas
Categoría:Ríos da provincia da Coruña Categoría:O Pino Categoría:Topónimos de ríos galegos con etimoloxía