Diego Aguirre Parra, nado en Toledo o 17 de outubro de 1990, é un futbolista español que xoga como lateral esquerdo e centrocampista no CD Manchego, da Segunda División RFEF.

Traxectoria Criouse na canteira do Toledo, e entre 2009 e 2011 xogou no seu filial, o Toledo B. En decembro de 2010 debutou co primeiro equipo na Terceira División, nun encontro fronte ao Manzanares, e na tempada seguinte subiu definitivamente ao primeiro equipo, no que militou ata 2014, vivindo dous ascensos a Segunda B e un descenso.

En xuño de 2014 anunciouse oficialmente a súa fichaxe polo Rayo Vallecano, da Primeira División, para a tempada seguinte e dúas máis, e foi presentado publicamente o día 15, xunto a Derek Boateng. Con todo, un mes despois foi cedido ao Leganés, da Segunda División, categoría na que debutou na segunda xornada fronte ao Llagostera. Marcou o seu primeiro gol na xornada 8 contra o Sporting de Gijón no Molinón e disputou case todos os encontros da tempada, 24 deles como titular. Na seguinte campaña xogou cedido no Real Oviedo, onde só puido disputar 10 encontros como titular. Na tempada 2016/17 regresou de Oviedo para xogar cun descendido Rayo. Vestiu a camiseta do club madrileño dúas campañas, xogando 39 partidos e marcando cinco goles, e proclamándose na segunda delas campión de Segunda, con Míchel no banco.

En 2018 deixou o equipo madrileño para fichar polo Real Zaragoza, onde disputou 22 encontros, 7 deles como titular. Despois dunha tempada no club aragonés, en xuño de 2019 marchou a Chipre, ingresando no Apollon Limassol, da Primeira división chipriota. En xaneiro de 2021 regresou a España e fichou polo Numancia, de Segunda B, sendo titular en case todos os restantes encontros da tempada.

Ao remate desta foi anunciado como novo xogador do Deportivo da Coruña para a nova Primeira División RFEF. No club galego tivo que competir polo posto de lateral esquerdo con Héctor Hernández e xogou tamén algún partido como lateral dereito e como extremo. Completou a campaña cun total de 20 encontros, 11 deles como titular. Ao remate da competición o club comunicoulle que non renovaría o seu contrato.

A continuación fichou polo Fuenlabrada, da mesma categoría, co que disputou 36 partidos, 17 deles como titular. Para a tempada 2023/24 baixou unha categoría para xogar co CD Manchego na Segunda División RFEF.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en Transfermarkt .

Categoría:Nados en Toledo Categoría:Nados en 1990 Categoría:Futbolistas de Castela-A Mancha Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Toledo Categoría:Xogadores do Apollon Limassol Categoría:Xogadores do CD Numancia Categoría:Xogadores do CF Fuenlabrada