José Ignacio Bugarín Pereira, nado en Tui o 10 de marzo de 1968, é un ex remeiro galego. Foi varias veces campión de España, unha vez subcampión do mundo e competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 en Barcelona.
Traxectoria Foi remeiro do Club Remo do Miño e comezou a destacar nos anos 80, proclamándose subcampión de España cadete en 1984 e dúas veces campión de España xuvenil en 1986, nas modalidades de dous con temoneiro e dous sen temoneiro.
En 1990 proclamouse subcampión do mundo de dous con temoneiro, no campionato celebrado no Lago Barrington de Tasmania, onde participou xunto ao vasco Ibon Urbieta e co cántabro Gabriel de Marco como patrón, quedando por detrás da embarcación italiana e por diante da iugoslava. En 1992 participou nos Xogos Olímpicos de Barcelona, na mesma modalidade e de novo con Urbieta como compañeiro, mais esta vez co donostiarra Javier Cano como temoneiro. O equipo logrou meterse nas semifinais, pero non na final, quedando co 12º posto.
En 1993 proclamouse campión de España absoluto por primeira vez, en dous con temoneiro, xunto a Jacobo Moroño e con Ardal como patrón. Ao ano seguinte foi campión no dobre scull, xunto a Miguel Ángel Álvarez. En 2001, en Banyoles, logrou o seu terceiro título nacional, esta vez no catro scull.
Recoñecementos En 2012 o concello de Tui deulle a unha das súas rúas o nome de Rúa Olímpicos Tudenses, en recoñecemento aos deportistas da vila que participaron nos Xogos Olímpicos, como Bugarín, Enrique Míguez, Pedro Areal ou Frank Casañas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do remeiro no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do remeiroen sports-reference.com. Arquivado dende o orixinal . Datos do remeiro no sitio web oficial da Federación Internacional de Sociedades de Remo .
Categoría:Nados en 1968 Categoría:Nados en Tui Categoría:Remeiros olímpicos de Galicia Categoría:Remeiros nos Xogos Olímpicos de 1992