José Manuel Albares Bueno, nado en Madrid en 1972, é un diplomático español que o 12 de xullo de 2021 foi nomeado ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España, do segundo goberno de Pedro Sánchez, na XIV lexislatura.
Traxectoria
Formación e carreira profesional Naceu no seo dunha familia humilde de Usera, en Madrid. Con catorce anos, conseguiu unha bolsa para facer o bacharelato nun centro de elite preto de Boston. Tras un ano no colexio americano de Tánxer, volveu a Boston onde se graduou como primeiro da súa promoción.
Ao volver a España, licenciouse en Dereito na Universidade de Deusto con diploma de especialidade xurídico-económica. Ten un diploma do XXXIII Curso de Defensa Nacional do CESEDEN e ten unha diplomatura en xestión cultural no exterior pola Universidade Carlos III en colaboración coa Escuela Diplomática.
É diplomático de carreira e foi Cónsul en Bogotá, e conselleiro da Representación Permanente de España perante a OCDE.
Carreira política Milita no PSOE dende 1999.
Asesor en materia de relacións internacionais de Pedro Sánchez durante a primeira etapa deste como líder do Partido Socialista Obreiro Español, Sánchez nomeouno conselleiro dentro Gabinete da Presidencia do Goberno, trala súa chegada á Presidencia do Goberno en xuño de 2018, no cargo de secretario xeral de Asuntos Internacionais, Unión Europea, G20 e Seguridade Global, con rango de subsecretario. Albares, que abandonou o seu posto como conselleiro cultural na embaixada española en París ao asumir o cargo, tomou posesión o 21 de xuño.
Posteriormente, foi nomeado embaixador do Reino de España ante República francesa en febreiro de 2020 e ante o Principado de Mónaco en maio de 2020.
Ministro de Asuntos Exteriores O 10 de xullo de 2021 foi proposto polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para substituír a Arancha González Laya como ministro de Asuntos Exteriores de España, tomando posesión do cargo ante o rei Filipe VI o 12 de xullo de 2021.
Durante os seus primeiros días á fronte do Departamento de Exteriores, conseguiu rebaixar as tensións con Marrocos e recompor as relacións despois de que España permitise, por razóns humanitarias, que o líder saharauí, Brahim Gali, fose tratado nun hospital de Logroño. Proba diso foron as declaracións do rei de Marrocos, Mohamed VI quen asegurou, en agosto de 2021, que quería «inaugurar unha etapa inédita» nas relacións entre os dous países.
Compareceu por primeira vez na Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados o 30 de agosto de 2021, para dar conta das súas primeiras decisións á fronte do Departamento, as liñas xerais que vai desenvolver e a crise de Afganistán. Na súa comparecencia, revelou que o 15 de xullo de 2021 o seu Departamento, a través da Embaixada en Afganistán, alertou e recomendou á colonia española en devandito país para que o abandonase, o que permitiu que, cando estalou a crise afgá, soamente quedasen, ademais do persoal diplomático e de seguridade, cinco nacionais. Tamén anunciou que o Goberno non tiña intención de recoñecer ao novo goberno talibán e que seguirían sacando xente de Afganistán por outros medios.
En canto a política xeral, reclamou á oposición que tratase á política exterior como unha «política de Estado» e respecto da reestruturación que levou a cabo no Ministerio nada máis tomar posesión do cargo, afirmou que un dos seus obxectivos era potenciar a política sobre o norte de África, o Sahel e Iberoamérica, destacando sobre esta última que considera «a todos os países de Iberoamérica igualmente importantes, independentemente do seu tamaño ou peso económico».
Vida persoal Está casado con Hélène Davó, quen entre 2012 e 2016 foi a xuíza de enlace en materia terrorista entre España e Francia, labor polo que foi condecorada polo ministro español do Partido Popular, Rafael Catalá. Teñen catro fillos.
Recoñecementos
Encomenda de número da Orde de Isabel a Católica e a Gran Cruz da Orde do Mérito por servizos distinguidos do Perú. Premio á "Personalidade española en Francia 2020" da Cámara Oficial de Comercio de España en Francia.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Ministros do Goberno de España da XIV Lexislatura Categoría:Embaixadores de España en Francia Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1972 Categoría:Diplomáticos de España Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Embaixadores de España en Mónaco Categoría:Ministros de Asuntos Exteriores de España