Jorge Alberto Francisco Valdano Castellanos, nado en Las Parejas, Santa Fe, o 4 de outubro de 1955, é un exfutbolista e ex adestrador arxentino. Campión do mundo coa selección arxentina no Mundial de México 1986, xogaba como dianteiro e o seu primeiro equipo foi o Newell's Old Boys, club no que xogou antes da súa chegada ao fútbol español, para xogar no Alavés, Zaragoza, e finalmente no Real Madrid. Como adestrador desenvolveu toda a súa carreira en España, dirixindo ao Tenerife, ao Valencia e ao Real Madrid.
Desde 2000 até 2004 foi o director deportivo do Real Madrid, baixo a primeira etapa de Florentino Pérez como presidente. Entre 2009 e 2011 foi director xeral e adxunto á presidencia, durante o segundo mandato de Pérez. Actualmente traballa como comentarista e analista para diversos medios de comunicación, como a televisión e a radio.
Traxectoria
Como futbolista Comezou a súa carreira en Rosario, nas categorías inferiores de Newell's Old Boys. Con 17 anos, o 5 de agosto de 1973, debutou co primeiro equipo. Marcou 11 goles co club na Primeira División e formou parte do equipo de Newell's que se procalmou campión da Liga Arxentina por primeira vez súa historia, no Metropolitano de 1974.
En 1975 chegou á liga española, concretamente á Segunda división, fichando polo Deportivo Alavés. Xogou catro tempadas no club vasco, marcando 22 goles en 121 partidos.
En 1979 fichou polo Real Zaragoza, co que debutou na Primeira División o 9 de setembro de 1979 nun empate a dous goles contra o FC Barcelona na Romareda, partido no que Valdano anotou o segundo gol do seu equipo. Co equipo aragonés xogou 172 partidos e anotou 71 goles. Na tempada 1982/83 marcou 17 goles na liga, cifra só superada esa campaña por Poli Rincón, Amarilla e Dani.
En 1984 chegou ao Real Madrid. Na súa primeira tempada no club branco repetiu os 17 goles de dous anos antes, quedando a só dous do Trofeo Pichichi dese ano, que foi para Hugo Sánchez, do Atlético de Madrid. O dianteiro mexicano fichou ao ano seguinte polo Real Madrid, e alí formou xunto con Valdano e Emilio Butrageño unha destacada dianteira. Co equipo madrileño Valdano gañou 2 ligas de Primeira División, unha Copa da Lga e dúas Copas da UEFA. En total xogou 120 partidos, nos que marcou 56 goles.
O 4 de marzo de 1987 xogou o seu último partido como futbolista, contra o Estrela Vermella de Belgrado nos cuartos de final da Copa de Europa. Levaba varias semanas cunha forte medicación para tratar a hepatite B que padecía, e tras ese partido, disputado con -17 °C na capital iugoslava, a súa saúde empeorou, precipitando a súa retirada.
Xogou un total de 228 partidos na Primeira División española, anotando 86 goles.
Selección nacional Coa selección arxentina sub-21 foi campión do Torneo Esperanzas de Toulon de 1975, dirixido por César Luis Menotti. miniatura|270x270px| Valdano facendo a volta olímpica cos seus compañeiros no Mundial de México de 1986. Foi despois internacional absoluto coa selección arxentina en 20 ocasións, marcando un total de 7 goles. Participou no Mundial de 1982 en España e proclamouse campión do mundo en México 1986, marcando 4 goles: dous contra Corea do Sur, un contra Bulgaria e o seu cuarto gol -e o máis importante da súa carreira- foi o 2-0 parcial da Arxentina na final contra Alemaña.
En 1989, máis de dous anos despois da súa retirada, o seleccionador arxentino Carlos Bilardo propúxolle que volvese a adestrar para disputar coa albiceleste o Mundial de 1990 en Italia. Valdano aceptou, pero tras meses de adestramento, unha lesión muscular pouco antes do Mundial fixo que fose finalmente descartado por Bilardo.
Adestrador En 1992 volveu ao fútbol como adestrador, fichando polo Tenerife. Chegou ao banco canario para as xornadas finais da campaña 1991/92, como substituto do seu compatriota Solari, cesado ao estar o equipo ao bordo dos postos de descenso a Segunda. Conseguiu rematar a tempada na 13ª posición e impediu que o Real Madrid lograse o título de liga, gañándolle na última xornada no Heliodoro Rodríguez López. Ao ano seguinte clasificou ao equipo canario para a Copa da UEFA por primeira vez na súa historia, ao acabar na sexta posición. Na súa última tempada en Tenerife, a 1993/94 acadou os oitavos de final da Copa da UEFA, onde foi eliminado pola Juventus de Trappatoni, e as semifinais da Copa do Rei, onde caeu contra o Celta de Vigo.
En 1994 converteuse no novo adestrador do Real Madrid. Durante a pretemporada afirmou que non contaría cos servizos dos xogadores Iván Zamorano e José Emilio Amavisca. Porén, ambos acabaron sendo titulares indiscutibles do equipo, sendo o primeiro incluso o Pichichi da Liga. Fixo debutar a Raúl e gañou a liga esa tempada, con catro puntos de vantaxe sobre o segundo, o Deportivo da Coruña de Arsenio. Con todo, foi destituído a principios de 1996, tras perder o primeiro partido da segunda volta contra o Rayo Vallecano no Bernabéu, e ocupando o club o oitavo posto da liga. Foi substituído polo propio Arsenio.
En novembro de 1996, unha vez iniciada a tempada 1996/97, fichou como novo adestrador do Valencia CF, en substitución do cesado Luis Aragonés. Rematou a liga no décimo posto. Foi despedido pouco despois do comezo da seguinte tempada, despois de apañar tres derrotas nos tres primeiros partidos. En total adestrou 175 partidos na Primeira División.
Outras actividades Trala súa retirada dos bancos traballou como comentarista e analista en numerosos medios de comunicación, a maioría deles españois como El País, Marca, Cadena SER, Telemadrid ou LaSexta, e tamén doutros países como a Televisión Azteca de México. Ademais escribiu cinco libros: Sueños de fútbol, Cuentos de Fútbol, Cuentos de fútbol II, Los cuadernos de Valdano e El miedo escénico y otras hierbas.
En setembro do ano 2000 regresou ao Real Madrid como director deportivo, coa chegada á presidencia de Florentino Pérez. Foi un dos principais artífices da chamada era dos "galácticos", e ocupou o cargo durante case catro anos, ata mediados de 2004. Volveu ao club o 1 de xuño de 2009, trala volta de Florentino Pérez á presidencia do Real Madrid, sendo nomeado director xeral e adxunto á presidencia. Ocupou este cargo ata maio de 2011, cando foi destituído polo presidente, sendo substituído por Rafael Martín Vázquez.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do xogador en national-football-teams.com . Datos do xogador no sitio web da FIFA . Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2015.
Categoría:Nados en 1955 Categoría:Nados na provincia de Santa Fe Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CA Newell's Old Boys Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Real Madrid CF Categoría:Adestradores do Valencia CF Categoría:Directores deportivos de fútbol