Pedro Vázquez Viñas, nado en Vigo o 19 de febreiro de 1989, é un futbolista galego, que xoga como extremo no Afturelding de Islandia.

Traxectoria Formado na canteira do Celta de Vigo, aos 19 debutou co Celta B na Segunda División B, nun partido ante o Santa Brígida no que saltou ao campo de Barreiro na segunda parte como substituto de Mateo Míguez. Xogou as seguintes tres tempadas co filial na categoría de bronce, antes de fichar en 2011 polo Villarreal B, de Segunda División. Foi titular en boa parte dos partidos da parte inicial da tempada, con Molina como adestrador, pero perdeu protagonismo no equipo coa chegada ao banco de Julio Velázquez. Xogou un total de 16 encontros, perdendo a categoría ao remate da tempada, por mor do arrastre provocado polo descenso do primeiro equipo.

En setembro de 2012 fichou polo Orihuela, de Segunda B, no que xogou ata o mercado invernal, cando se converteu en xogador do Coruxo, da mesma categoría. Militou no club vigués durante as seguintes catro tempadas e media, acumulando 130 partidos e 17 goles. Durante a campaña 2017/18 xogou no Melilla, para regresar na seguinte a Galicia, fichando polo Pontevedra, club no que militou durante dous anos. No primeiro deles disputou un total de 35 partidos de liga, mentres que a súa participación baixou ao ano seguinte, debido a algúns problemas físicos. No verán de 2020 volveu ao Coruxo, adestrado por Míchel Alonso, onde xogou unha campaña, acadando os 343 partidos na Segunda B.

En maio de 2021 puxo rumbo a Islandia para xogar co Afturelding, na segunda división do país, a 1. deild karla.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en Futbolme.com .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1989 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Orihuela CF Categoría:Xogadores do Coruxo FC Categoría:Xogadores da UD Melilla Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Afturelding