César Alejandro Rodríguez Cotos, coñecido como Ces Cotos, nado en Barquisimeto o 7 de marzo de 2000, é un futbolista galego-venezolano que xoga como centrocampista no Polvorín, da Segunda División RFEF.

Traxectoria De ascendencia ourensá, naceu na cidade venezolana de Barquisimeto e aos cinco meses trasladouse coa súa familia a Galicia, instalándose na Coruña. Comezou xogando ao fútbol no Calasanz, e en 2010, con 10 anos, ingresou na canteira do Deportivo da Coruña. Entrou en categoría alevín, e subiu polas diferentes categorías ata chegar ao equipo xuvenil da División de Honra. Rematada a súa etapa como xuvenil, rexeitou saír cedido a algún equipo, e abandonou o Deportivo despois de 9 anos no club.

Para a tempada 2019/20 fichou pola UD Paiosaco, co que xogou na Terceira División. A campaña seguinte fichou polo Ourense CF, no mesmo grupo da Terceira División española, onde militou tempada e media. No equipo ourensán disputou un total de 50 partidos, un deles na Copa do Rei ante o Leganés, da Segunda División.

O 22 de xaneiro de 2022 asinou polo Olympiakos Volos da Segunda Superliga de Grecia. Debutou unha semana despois, marcando un gol no empate 1-1 ante o Apollon Larissa FC. Con todo, trala chegada dun novo adestrador, Timos Kavakas, foi relegado ao banco de suplentes. Recuperou a titularidade no treito final da competición e marcou tres goles nos cinco últimos encontros, pero foron insuficientes para evitar o descenso do club á Gamma Ethniki.

A continuación regresou a Galicia, fichando como novo xogador do Polvorín, da Segunda División RFEF. Fíxose rapidamente coa titularidade no filial do Lugo, adestrado por Trashorras, e o 22 de outubro de 2022, debutou co primeiro equipo na Segunda División. Foi na xornada 12, nunha vitoria por 2-0 sobre o Burgos no Anxo Carro, onde o técnico Hernán Pérez lle deu entrada na media hora final como substituto de Cuéllar. Xogou tamén nas tres seguintes xornadas da categoría de prata e foi titular no partido de Copa do Rei ante o Arenas de Getxo en Gobela.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente .

Categoría:Nados no estado de Lara Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 2000 Categoría:Venezolanos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Venezuela Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da UD Paiosaco Categoría:Xogadores do Ourense CF Categoría:Xogadores do Olympiacos Volos FC Categoría:Xogadores do CD Lugo B Categoría:Xogadores do CD Lugo