Ronnie Brunswijk, nado en Moiwana, Suriname, o 7 de marzo de 1961, é un político, empresario, futbolista, narcotraficante e antigo líder rebelde surinamés, actual vicepresidente de Suriname dende 2020. A principios da década de 1980 foi gardacostas persoal de Dési Bouterse, quen derrocou o goberno en 1980 nun golpe de Estado militar. Despois de ser despedido formou o Exército de Liberación de Suriname, máis coñecido como o Comando da Selva, e iniciou unha guerra civil.

Buscaba obter recoñecemento e dereitos para os cimarróns do interior, descendentes de escravos africanos fuxidos que estableceran comunidades independentes nos séculos XVII e XVIII. Ademais, quería "liberar Suriname da ditadura militar". As súas forzas loitaron contra o exército nacional baixo o mando de Bouterse nunha guerra civil chamada Guerra Interior de Suriname. A guerra civil abrangueu de 1986 a 1992, resultando en centos de mortos e máis de 10.000 refuxiados na Güiana Francesa, e a interrupción de importantes industrias mineiras de bauxita. En 1992 asinouse un tratado de paz.

Brunswijk mantívose activo en política, exercendo como presidente do Partido do Desenvolvemento e Liberación Xeral (Algemene Bevrijdings- en Ontwikkelingspartij, ABOP) e como representante na Asemblea Nacional. Ademais, é propietario do club de fútbol Inter Moengotapoe, co que debutou tamén como futbolista aos 60 anos de idade. O 29 de xuño de 2020, converteuse en presidente da Asemblea Nacional de Suriname. O 13 de xullo do mesmo ano foi elixido vicepresidente. Tomou posesión do cargo o 16 de xullo.

Traxectoria Ronnie Brunswijk uniuse ao Exército Nacional de Suriname aos 18 anos. Foi considerado un bo soldado e foi enviado a Cuba para recibir instrución no campo dos comandos. Despois de rematar a súa formación, foi nomeado gardacostas persoal de Dési Bouterse. En 1984, Brunswijk pediu un aumento de salario, pero en vez de atender a súa demanda, foi despedido. Ademais, o maior Paul Bhagwandas rexeitou entregarlle os pagos atrasados.

O 22 de xullo de 1986 iniciouse en Stolkertsijver a Guerra Interior de Suriname, cando 12 soldados que vixiaban un posto de control foron capturados polo Comando da Selva dirixido por Brunswijk. Ese mesmo ano, Brunswijk foi condenado in absentia por un roubo a un banco en Moengo o 26 de abril. Dito roubo bancario, un delito non violento, valeulle a Ronnie Brunswijk o título de "Robin Hood de Suriname" debido á súa liberación de fondos roubados das institucións gobernamentais que foron devoltos ao pobo. Durante a guerra, o Comando da Selva recibiu armas e financiamento dos Países Baixos, e o coronel neerlandés Bas van Tussenbroek foi trasladado á Güiana Francesa para transferir fondos, e servir como asesor militar.

Masacre de Moiwana O 29 de novembro de 1986, o exército surinamés vingouse ao atacar a aldea natal de Brunswijk, Moiwana, onde asasinaron polo menos a 39 veciños, na súa maioría mulleres e nenos. Queimaron a casa de Brunswijk e destruíron a aldea. Máis de 100 refuxiados fuxiron a través da fronteira cara á Güiana Francesa, que se converteu nun destino para outros refuxiados a medida que avanzaba a guerra. A Corte Interamericana de Dereitos Humanos ordenou ao goberno pagar millóns de dólares en compensación aos 130 sobreviventes do ataque á aldea.

Actividades de posguerra miniatura| Brunswijk en 2011 O goberno e Brunswijk negociaron un alto o fogo o 21 de xullo de 1989 en Kourou, e acordaron a integración do Comando da Selva no exército regular surinamés, coa responsabilidade de patrullar o seu territorio interior tradicional. O goberno tamén prometeu traballos para os cimarróns na prospección de ouro e silvicultura, xa que estaban illados de moitas industrias en desenvolvemento. O 8 de agosto de 1992 asinouse un tratado de paz definitivo.

Os Países Baixos procesaron tanto a Brunswijk como a Bouterse in absentia por tráfico de drogas, e ambos foron condenados. Brunswijk foi condenado a oito anos de prisión por contrabando de cocaína por un tribunal neerlandés de Haarlem. Despois de recorrer a sentenza, no ano 2000 a súa pena foi rebaixada a seis anos. Dende xullo de 2020 existe unha orde de arresto da Interpol contra el.

En 1990 fundou o Partido do Desenvolvemento e Liberación Xeral (Algemene Bevrijdings- en Ontwikkelingspartij, ABOP), partido que preside dende entón.

En decembro de 2007, no parlamento surinamés, Brunswijk e Paul Somohardjo protagonizaron unha pelexa contra Rashied Doekhi, membro do partido de Dési Bouterse. O evento foi retransmitido en directo por televisión.

Brunswijk foi propietario de Robruns NV, unha empresa mineira dedicada á extracción de ouro. En xullo de 2020 transferiu a propiedade das concesións de ouro a unha fundación para poder optar á vicepresidencia do país.

Nas eleccións de 2020 obtivo un escano na Asemblea Nacional. O 29 de xuño do mesmo ano foi elixido presidente da Asemblea Nacional. Posteriormente, presentouse a vicepresidente do goberno, e o 8 de xullo anunciou que sería sucedido por Marinus Bee como presidente da Asemblea Nacional. Deixou o cargo o 18 de xullo, sendo o presidente da Asemblea que menos tempo estivo no cargo.

O 7 de xullo a coalición nomeou a Chan Santokhi como candidato á presidencia de Suriname e a Ronnie Brunswijk para a vicepresidencia. Non se presentou ningunha outra candidatura, polo que o 13 de xullo de 2020 Brunswijk foi elixido vicepresidente. Tomou posesión do cargo o 16 de xullo na Onafhankelijkheidsplein de Paramaribo, nunha cerimonia sen público debido á pandemia de COVID-19.

No mundo do fútbol

Como dirixente Á parte da súa actividade política, involucrouse no mundo do fútbol, como propietario do Inter Moengotapoe, club de fútbol con base en Moengo, no distrito de Marowijne. Con este club conquistou numerosos títulos a nivel nacional ata converterse nun dos clubs máis laureados do país. No ano 2002 construíu un novo estadio para o club en Moengo, ao que chamou Ronnie Brunswijkstadion. En 2005 a comisión disciplinaria da Asociación Surinamesa de Fútbol suspendeuno durante cinco anos por ameazar aos xogadores cunha pistola durante un partido. Posteriormente a suspensión foi retractada por falta de probas. En xuño de 2012 foi suspendido por un ano polo seu comportamento violento cara ao árbitro e a un xogador nun partido de fútbol.

Como futbolista O 21 de setembro de 2021 acaparou titulares en xornais deportivos de todo o mundo ao aliñarse a si mesmo como titular nas filas do club do que é propietario, o Inter Moengotapoe, nos oitavos de final da Liga CONCACAF contra o Olimpia hondureño no Franklin Essed Stadion de Paramaribo. Converteuse así, aos seus 60 anos e 198 días, no futbolista de máis idade en disputar unha competición internacional de clubs. Xogou durante 54 minutos, portando o brazalete de capitán, antes de ser substituído na segunda metade polo seu fillo Damian Brunswijk, nun partido que acabou en derrota por 0-6.

Despois do partido, saíu á luz un vídeo que mostraba a Brunswijk pagando aos xogadores do Olimpia, o que levantou sospeitas de que o partido estaba amañado. Ao día seguinte a CONCACAF iniciou unha investigación formal e tres días despois, a federación anunciou que a investigación atopara "incumprimentos graves das regras de integridade", polo que ambos os clubs foron descualificados do torneo. Tamén se lle prohibiu a Brunswijk "participar de calquera xeito nas competicións da CONCACAF" durante tres anos.

Vida persoal Un sobriño de Brunswijk, Clyde Brunswijk, é un loitador profesional de kick boxing. Outro dos seus sobriños, Steven Brunswijk, é un famoso cómico e personalidade televisiva neerlandesa.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Páxina oficial de Facebook .

Categoría:Nados en Suriname Categoría:Nados en 1961 Categoría:Guerrilleiros de Suriname Categoría:Narcotraficantes de Suriname Categoría:Políticos de Suriname Categoría:Futbolistas de Suriname Categoría:Centrocampistas de fútbol