José Millán González, nado en Granada o 19 de febreiro de 1920 e finado en Almuñécar o 10 de xuño de 2008, foi un futbolista e adestrador español que xogaba de defensa. Xogador histórico do Granada, é o segundo futbolista con máis partidos na historia do club (360), só por detrás de Lina.

Traxectoria

Granada (1ª etapa) Comezou a xogar ao fútbol durante a Guerra civil, nos Flechas e Pelayos, equipos da Falange e os requetés respectivamente. Debutou como futbolista profesional en 1939, aos 19 anos, nas filas do Granada CF, chamado naquel entón Recreativo Granada. Iniciou a súa andaina co Granada no Campionato Rexional Sur e o 3 de decembro de 1939 xogou o seu primeiro partido na Segunda División, contra o Malacitano. Titular indiscutible durante as seguintes dúas tempadas, conseguiu o ascenso á Primeira División ao remate da 1940/41.

Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 1941/42, nun empate 1-1 ante o Celta de Vigo. Militou na elite do fútbol español durante os seguintes catro anos, e a continuación xogou cinco anos en Segunda, tras descender na tempada 1944/45, na que unha lesión o deixou sen xogar nas derradeiras xornadas. Xogou once tempadas na súa primeira etapa no Granada, sendo un habitual no once titular durante todo ese tempo, no que formou unha célebre parella de defensas xunto a González. A pesar de non marcar ningún gol durante os seus primeiros oito anos no club, na campaña 1947/48 marcou sete tantos, aos que sumou tres na seguinte e un na 1949/50. Ademais na tempada 1946/47 exerceu como xogador-adestrador durante as últimas semanas, substituíndo nas labores de técnico ao destituído Antonio Conde.

Deportivo da Coruña En agosto de 1950 fichou polo Deportivo da Coruña, da Primeira División, co que debutou nun amigable contra o Racing de Ferrol en Riazor (6-0). Titular na defensa xunto con Ponte en case tódolos partidos do Deportivo durante os seguintes dous anos, acumulou 60 encontros oficiais. Pola súa actitude e simpatía foi homenaxeado en maio de 1952, nun partido amigable en Riazor entre o Deportivo da Coruña e o Estoril.

Granada (2ª etapa) A continuación regresou ao Granada, ao igual que González, e militou no equipo durante as seguintes tres tempadas na Segunda División. Durante esta etapa elevou o seu número de partidos oficiais co Granada ata os 360. Deixou definitivamente o equipo en 1955, como o futbolista con máis partidos da historia do club, marca que se mantivo vixente durante 36 anos, ata que foi superada por Lina durante a tempada 1990/91.

Jaén Finalmente en 1955, xa con 35 anos, fichou polo Real Jaén, da Segunda División. No equipo xienense foi titular en 29 dos 30 partidos de liga e formou unha sólida defensa con Emilio Ruiz e Sabino Anchía, rematando a tempada como o conxunto menos goleado da categoría e como campións. Xa en Primeira División, comezou a tempada 1956/57 como xogador, pero tralas primeiras xornadas colgou as botas e substituíu a Tomás como adestrador. Colleu as rendas do equipo cando este ocupaba a derradeira posición da táboa, e conseguiu a permanencia grazas a tres vitorias nas tres últimas xornadas.

Selección española Foi internacional coa selección española nunha ocasión, o 11 de marzo de 1945. Convocado polo seleccionador Quincoces para un partido amigable contra Portugal no Estadio do Jamor de Oeiras, formou na defensa xunto con Aparicio, acabando o encontro con empate a dous goles e con Millán lesionado.

Como adestrador Durante a década de 1960 adestrou varios equipos da Segunda División, aínda que a 1961/62 co Jaén foi a única que completou de xeito íntegro. Tamén dirixiu na categoría de prata o Murcia, o Granada, o Eldense e o Hércules, e en Terceira o Ceuta, o Olímpic e o Real Granada.

Morreu o 10 de xuño de 2008 en Almuñécar aos 88 anos.

Palmarés Granada Segunda División (1): 1940/41.

Jaén Segunda División (1): 1955/56.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en soccerdatabase.eu . Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2015.

Categoría:Nados en Granada Categoría:Nados en 1920 Categoría:Finados en 2008 Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Jaén Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do Real Jaén Categoría:Adestradores do Real Murcia Categoría:Adestradores do CD Eldense Categoría:Adestradores do Hércules CF