Cervo é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Occidental. Segundo o IGE no 2014 tiña 4.369 habitantes (4.847 no 2006, 4.949 no 2005, 4.978 no 2004, 5.060 no 2003). O xentilicio é ou .Costas González (2016), p. 45
Xeografía Cervo está situado ao norte da provincia de Lugo, a media distancia entre Viveiro e Ribadeo. Forma parte da comarca da Mariña Occidental, nas Rías Altas.
Consta dunha extensión de 78 km², sendo os seus límites ao norte o Mar Cantábrico , ao leste Burela e Foz, ao sur O Valadouro e ao oeste Xove. A orografía do concello de Cervo é practicamente chá na zona costeira e bastante accidentado cara ao sur, onde chegan as partes baixas da serra de Buio.
Cultura Este concello dispón dunha ampla oferta cultural como música, museos, festas, exposicións, teatro...
En Cervo está o Museo do Mar máis antigo de Galicia.
As dúas poboacións máis importantes do concello contan con bibliotecas municipais, en San Cibrao que se encontra no segundo andar da Casa da Cultura e a de Cervo atópase no Centro Cultural e de Servizos a Cidadanía de Cervo (CCSCC) chegan a cultura a través das páxinas con máis de 11.000 libros a disposición dos lectores.
No concello hai múltiples edificios e salas capaces de albergar exposicións que pon a disposición dos artistas, como a sala de Exposición (Casa da Cultura), o Auditorio (Casa da Cultura), as Antigas Carpinterías de Ribeira, a Antiga Carboeira do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos ou o Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía de Cervo.
Patrimonio En Cervo hai un rico patrimonio natural, destacando a súa costa, ríos, bosques... e a biodiversidade que as caracteriza. Contan con especies de suma importancia, como algunhas das aves que se atopan no longo da costa, esa costa que forma parte da Costa da Mariña Occidental, declarada zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) e LIC (Lugar de Importancia Comunitaria). Tamén hai bens construídos como museos, pazos, monumentos, esculturas, igrexas, capelas... e non se debe esquecer o Conxunto Histórico-Artistico de Sargadelos que inclúe os restos do complexo industrial fundado a finais do século XVIII por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, ao levantar unha fundición de ferro e, a principios do XIX, as fábricas de louza e vidro.
A implantación da industria cerámica neste lugar non se debe ao azar, senón a riqueza natural en minas de caolín, materia prima fundamental para esta industria; á existencia de fragas, que facilitou o uso directo de madeira nos procesos industriais; e á proximidade do mar, que favoreceu o transporte.
Este conxunto está formado polos seguintes bens patrimoniais: A presa, restos das instalación siderúrxicas, Casa da Administración, Antiga Fábrica de Louza, Casa do Peso, Paseo dos Namorados, Pazo de Ibáñez, Camiño Real, Igrexa de Santiago de Sargadelos e cemiterio.
O Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, situado no Antigo Edificio das Cabalerizas, foi reformado e acondicionado polo concello de Cervo con fondos procedentes da Xunta de Galicia, para a creación dun centro de artesanía e de actividades singulares adaptadas á contorna.
No edificio están instalados o establecemento de fabricación e venda de táboas de surf artesanais “Serea Surfboards”, o obradoiro creativo con tenda e estudo de tatuaxes “Enigma”, o centro ecuestre “Cabaliño de Pao”, o café bar cultural “A Sacabeira”, o establecemento de alimentación ecolóxica “Marmeladas A Morena” e o centro terapéutico rehabilitador “Pasiños na Lúa”.
Historia No Antigo Réxime os territorios do concello pertencían á xurisdición de San Cibrao e ao couto redondo de Burela, pertencentes á súa vez á provincia de Mondoñedo. Coa primeira división de Galiza en concellos, Cervo pertencía ao partido de Viveiro. Entre 1835 e 1840 estivo dividido en dous: San Cibrao (parroquias de Castelo, Cervo, Lieiro, Rúa, Sargadelos e Vilaestrofe) e San Xulián de Nois (parroquia de Santa María de Burela). Esta división mantívose até 2002, cando se independizou o concello de Burela.
Un paseo ao longo dos ríos descobre parte da historia de Cervo. Seguindo o caudal do Río Cobo que, tras pasar pola Ponte Medieval do Bao, desemboca fronte o Porto de San Cibrao, un dos primeiros portos baleeiros do Cantábrico.
Nesta desembocadura encóntrase unha das antigas Fábricas de Salgadura que, xunto á coñecida como "Castelo Mariño" de Cubelas, tiveron unha grande actividade anos atrás. É aquí, onde a auga salgada e a auga doce toman contacto, o lugar onde asentaban as antigas carpinterías de ribeira; na actualidade só se conserva unha, a única da provincia e unha das poucas da comunidade. A escasos metros do Museo do Mar, o máis antigo dos galegos, que mostra os visitantes a través das súas salas a historias e vida mariñeira do municipio da costa lucense.
Dende San Cibrao, porto de especial importancia das Reais Fábricas de Sargadelos, pódese seguir pola primeira estrada de peaxe de España, que no século XVIII levaba ás Antigas Reais Fábricas de Fundición e Louza de Sargadelos onde se asentan os seus restos á beira do río Xunco. O bordear este río ata a súa desembocadura na praia de Rueta pódense encontrar con diversos muíños que recordan eses oficios tradicionais de antano.
Porto de San Cibrao O porto viviu unha importante actividade a finais do século XVIII como vía de comercialización da industria de Sargadelos, primeiro como altos fornos e posteriormente como fábrica de cerámica. No libro Cerámica de Sargadelos, de Felipe Bello Piñeiro, pódese ler:
É tan estreita a relación entre a fábrica e o porto que mesmo poderiamos falar dunha certa simbiose entre eles. Paralelamente a esta actividade fabril, o porto de San Ciprián non abandonou a actividade pesqueira. Este porto situábase na zona dos Campos e na zona de Figueiras, de aí que na actualidade sexa coñecida esta parte continental como "Porto de Abaixo", mentres que a illa se coñece como "Porto de Arriba"; hoxe ambas conforman o que se coñece como San Ciprián (Península da Paz).
Símbolos Escudo de Cervo: O aprobouse a modificación do escudo heráldico do concello de Cervo. O deseño do escudo quedou como:
Demografía
Censo Total 4.369 (2014) Menores de 15 anos 389 (8.9%) Entre 15 e 64 anos 2.943 (67.36%) Maiores de 65 anos 1.037 (23.73%)
Economía Malia que boa parte da economía local depende do sector industrial tamén existe o sector primario (agricultura, gandería e pesca) e o turismo.
O valor industrial da zona naceu por mor da existencia de terreos arxilosos e de caolín na zona. Isto permitiu a creación de factorías de ladrillos, tellas e louza, destacando a cerámica de Sargadelos a finais do século XVIII.
Todos estes factores combinados coa tradicional dedicación á pesca e á construción de pequenos navíos, así como a incipiente actividade turística permite aos seus habitantes gozar dunha elevada calidade de vida que se pon ao servizo do visitante.
Industria Cervo está asociado a un dos proxectos empresariais máis antigos e de máis renome en Galicia: Grupo Sargadelos. Dende a súa época máis antiga, en 1794, na que funcionaba como fundición e fábrica de municiónsNadal (2012), p. 101 para o Estado ata chegar a ser un dos maiores produtores de cerámica de España. Despois de anos de abandono, o pulo de Isaac Díaz Pardo reviviu o seu prestixio grazas á produción de calidade decorativa, inspirada en motivos artísticos e naturais da propia terra.
En época máis recente, a industrialización deste territorio cobrou un novo pulo coa instalación dun dos máis grandes centros de fabricación de aluminio de Europa, o complexo de Alcoa en San Cibrao, do cal se sustenta a maior parte da comarca da Mariña Lucense.
No polígono industrial localízase a multinacional Alcoa, empresa estadounidense que se dedica a produción de aluminio. A súa contribución á economía é enorme para a economía non só local, senón lucense, dando emprego a máis de 1.000 persoas de maneira directa, e outras 400 de forma indirecta (auxiliares, etc.). Así, A Mariña Occidental, especializou o seu sector na metalurxia e produtos metálicos, conscientes da importancia de Alcoa, mentres que as outras dúas zonas da Mariña (Central e Oriental), seguen especializadas no sector primario.
Turismo En canto ao sector turístico, o número de turistas que elixiron Cervo aumentou considerablemente ao longo destes anos, focalizándose maioritariamente en San Cibrao. Orientado cara a un turismo sostible e de calidade, Cervo converteuse nun dos puntos turísticos máis importante da Mariña Lucense, se ben aínda carece de excesiva temporalidade.
Festas Amais das festas parroquiais, existen no concello varias festas gastronómicas, como a festa do ourizo (en marzo) e a festa do mexillón (abril) en San Cibrao. Esta aldea acolle tamén a festa da Maruxaina, celebrada o segundo sábado de agosto desde 1985, e declarada de interese turístico en 2002. Os veciños reúnense pola mañá vestidos de época (os homes de mariñeiros, con pantalón azul, camisa branca e boina, e as mulleres de loito, con saia longa, mandil, camisa e pano na cabeza). Percorren a aldea co son das gaitas e os cornos, hai xantar popular na praia e celebración de xogos populares. Coa chegada da noite, a Maruxaina chega en chalanas desde Os Farallóns, e é levada á praza onde ten lugar un xuízo para decidir se é queimada ou indultada. Tralo indulto, comézase unha gran queimada.
O sábado seguinte ao 16 de agosto ten lugar en Cervo a queimada popular, declarada en 2001 festa galega de interese turístico. Logo dunha representación teatral da loita entre o ben e o mal, faise o conxuro da queimada e repártese a augardente.
Lugares de Cervo Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cervo vexa: Lugares de Cervo.
O termo municipal de Cervo está situado nas denominadas Rías Altas, ao norte da provincia de Lugo. O municipio, conformado por seis parroquias, está bañado polo Mar Cantábrico. Por iso é necesario destacar a localidade de San Cibrao (chamada Península da Paz), rodeada de tranquilos areais de fina area e augas cristalinas, como as praias do Torno, Cubelas ou A Caosa. É digno de salientar o seu porto pesqueiro, onde nos séculos XIV e XV se construían carabelas e permanecía activa unha fábrica de salgadura, da cal aínda podemos contemplar os seus restos (coñecidos como Castelo Mariño).
A parte superior da zona recreativa desta localidade, a Atalaia, está presidida polo Faro, que vixía no horizonte as míticas Illas dos Farallóns, berce da lenda da Maruxaina (a súa historia é representada anualmente nunha festa tipicamente popular e de Interese Turístico Galego). Os paseos empedrados bordean os seus espectaculares areais, dándolle á vila un aire tradicional, mesturado ao mesmo tempo coa modernidade. Cómpre, tamén, subliñar o areal de Rueta (Praia das Areas Gordas) situado na parroquia de Cervo.
Cervo, capitalidade do municipio, está presidido pola Casa do Concello, construción recente aínda que realizada mantendo a liña estética das construcións da zona, entre as que destaca o Casco Antigo. Entre os múltiples actos que se realizan na restaurada Praza do Souto destacan o Mercado Tradicional e a xa consolidada Queimada Popular, tamén de Interese Turístico Galego e que congrega a milleiros de persoas. miniatura|Parroquias de Cervo