1 cóndor "1 Cóndor". Numista.com150x150px150x150pxA/: Busto de Simón Bolívar. Lenda: REPUBLICA DEL ECUADOR.R/: Escudo nacional de Ecuador. Marca de ceca. Lendas: G.8·35925 UN CONDOR LEY 0·900 País: Ecuador. Valor: 25 sucres. Data: 1928 Ceca: Casa da Moeda de Birmingham. Tiraxe: 20.000 exemplares. Metal: ouro (900 milésimas). Diámetro: 22,00 mm. Espesor: 1,60 mm. Peso: 8,359 g.
A moeda dun cóndor é unha moeda ecuatoriana de ouro con ese valor facial, equivalente a 25 sucres, cuñada en 1928 e de circulación efémera.
Historia Logo do ascenso á presidencia da República de Ecuador de Isidro Ayora en 1926, este contratou unha comisión de expertos estranxeiros para a creación dun banco central e a reordenación do sistema monetario. Esta comisión estaba encabezada polo financeiro Edwin Walter Kemmerer, da Universidade de Princeton e presidente da Asociación Económica Americana. Froito destes traballos, o 10 de agosto de 1927 instituíuse en Quito o Banco Central de Ecuador."Sistema monetario de la misión Kemmerer". En Reyes, R. (2013). Páxinas 162-163."1 cóndor 1928". Museo Numismático do BCE (Numismatico.bce.fin.ec).
Para a reordenación do sistema, a coñecida como Misión Kemmerer avogou por retomar o padrón ouro para a moeda máis forte do cono monetario, entanto que se utilizaría a prata para dotar de valor intrínseco os múltiplos inferiores e para a fracción maior, e metais comúns para o resto das fraccións. Esta recomendación foi asumida polo Goberno de Ayora, que o 4 de marzo de 1927 promulgaba a nova lei da moeda, conservando o sucre como moeda nacional, cun valor fixado en 5 sucres = 1 dólar.
Esta foi a base legal para o nacemento da moeda dun cóndor en 1928, a primeira emitida polo Banco Central do Ecuador, que mantería o diámetro, a lei e o tipo xeral das antigas moedas de 10 sucres cuñadas en 1899 e en 1900,"10 Sucres". Numista.com aínda que co novo valor facial de 25 sucres. A métrica da nova moeda coincidía ademais case exactamente coa da moeda de 5 dólares dos EEUU circulante naquel momento."5 Dollars Indian Head". Numista.com
O propio 1928, encargouse a cuñaxe na Birmingham Mint, en Inglaterra, de 20.000 moedas dun cóndor, cun peso de 8,359 gramos e en ouro de 900 milésimas, polo que cada moeda contería 7,5231 gramos de ouro puro. A mesma lei pola que se creou o cóndor dispuña que se emitise tamén unha moeda de 2 cóndores, equivalente a 50 sucres, aínda que esta disposición non chegou a aplicarse.
A moeda dun cóndor foi a derradeira moeda de ouro ecuatoriana emitida para a circulación ordinaria. Da tiraxe de 20.000 pezas calcúlase que se puxeron en circulación arredor de 5.000, e a maioría consérvanse aínda nas reservas de ouro do Banco Central do Ecuador. A súa vida foi efémera, xa que a gran depresión económica a nivel mundial nos primeiros anos da década de 1930 acabou coa vixencia do padrón ouro como base monetaria.
No Museo Numismático do Banco Central do Ecuador exhíbese un exemplar do cóndor de 1928.
O prezo desta moeda no mercado do coleccinismo numismático é de arredor de 700 euros en condición de conservación "sen circular"."Ecuador Condor KM# 74". World Coin Price Guide. Numismatic Guaranty Company.
Deseño O anverso da moeda dun cóndor está presidido por unha representación da cabeza de Simón Bolívar ollando cara á esquerda, rodeado pola lenda REPUBLICA DEL ECUADOR e coa data 1928 no exergo.
Pola súa banda, no reverso reprodúcese o escudo de armas de Ecuador, rodeado pola indicación do peso da moeda, o seu valor facial e a lei do ouro: G.8·35925 UN CONDOR LEY 0·900. No exergo e en letras de inferior tamaño, aparece como marca de ceca a cidade onde se cuñou: BIRMINGHAM.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Hoyos, M. (1998). La Moneda Ecuatoriana a través de los tiempos. Ed. El Conejo. ISBN 9789978871812 Ortiz Crespo, A. (ed.) Numismática ecuatoriana. Instituto Metropolitano de Patrimonio, Quito. ISBN 978-9978-366-67-7 Reyes, R. (2013). Numismática Ecuatoriana. Evolución y coleccionismo de nuestra moneda. Instituto Metropolitano de Patrimonio, Quito. ISBN 978-9978-366-67-7
Outros artigos
Economía de Ecuador
Categoría:Moedas de Ecuador Categoría:Moedas de ouro Categoría:Moedas fóra de curso