O accidente aéreo en Tver tivo lugar o 23 de agosto de 2023 cando un avión Embraer Legacy 600, supostamente en ruta dende Moscova a San Petersburgo, esnafrouse preto da localidade de Kuzhenkino, no óblast de Tver, matando aos seus 10 ocupantes. A Axencia Federal Rusa de Transporte Aéreo confirmou a través de Telegram que entre os sete pasaxeiros atopábanse o líder do Grupo Wagner Evgueni Prigozhin e Dmitry Utkin, un comandante e cofundador do grupo.
Os datos de Flightradar24 amosan que o avión experimentou variacións de altitude pouco normais antes de esnafrarse. As evidencias visuais suxiren un fallo estrutural no aparello. A intelixencia occidental dixo que unha explosión probablemente causou o accidente do avión.
Antecedentes En xuño de 2023 o Grupo Wagner, unha compañía privada rusa de mercenarios liderada por Evgueni Prigozhin, rebelouse brevemente contra o goberno ruso. Prigozhin desafiou abertamente o réxime do presidente Vladimir Putin a pesar do seu papel anterior como aliado destacado. A rebelión resolveuse a través de negociacións que permitiron a Prigozhin evitar un castigo, aínda que algúns analistas falaron posteriormente del como un "morto andante". O día do accidente, Prigozhin regresara supostamente dunha viaxe a África.
Notas
Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2023 Categoría:Accidentes aéreos en Rusia