Guillermo "Guille" Bueno López, nado en Gondomar o 18 de setembro de 2002, é un futbolista galego que xoga como lateral esquerdo no Real Valladolid, da Segunda División. É irmán xemelgo do tamén futbolista Hugo Bueno, xogador do Wolverhampton Wanderers.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol xunto ao seu irmán xemelgo Hugo no Gondomar do seu concello natal. En idade cadete pasou xunto a Hugo á canteira do Areosa, no que xogaron nos seguintes anos coa excepción dun intervalo no ED Val Miñor. Durante a tempada 2018/19 compaxinaron o equipo xuvenil do Areosa, da Liga Nacional, co xuvenil do Comesaña, na Liga Galega.

En 2019 Hugo deixou Galicia e ingresou na canteira do Wolverhampton Wanderers inglés, separándose así por primeira vez as traxectorias dos dous irmáns. Guille continuou un ano máis no Areosa antes de fichar polo Deportivo da Coruña Xuvenil en 2020. Co equipo de Óscar Gilsanz proclamouse campión da División de Honra e da Copa de Campións, sendo titular na final contra o equipo xuvenil do FC Barcelona, onde formou liña defensiva xunto a Trilli, Fito e Dani Barcia.

Despois dunha tempada na Coruña, fichou no verán de 2021 polo Borussia Dortmund alemán, co que asinou un contrato de tres anos, uníndose inicialmente ao seu equipo filial, o Borussia Dortmund II. A súa fichaxe provocou malestar no Deportivo, que criticou que o xogador xa tiña acordada a súa renovación co club galego.

Debutou co filial do Borussia o 24 de outubro de 2021, nun partido da 3. Liga ante o Viktoria Köln no Stadion Rote Erde (0-1). Durante os seguintes tres anos acumulou 65 partidos co filial, co que marcou un gol ante o SC Verl. Na tempada 2024/25 saíu cedido ao Darmstadt 98, da 2. Bundesliga. Ás ordes de Florian Kohfeldt, disputou 22 partidos de liga e 2 na Copa de Alemaña.

En xullo de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Real Valladolid, da Segunda División. Afianzouse na titularidade dende a primeira xornada, na que debutou ante o Ceuta, e disputou 19 dos primeiros 20 partidos de liga, ata que en xaneiro sufriu ante o Racing de Santander unha grave lesión no seu xeonllo esquerdo. Con rotura completa do ligamento cruzado anterior, escordadura de ligamento colateral interno e lesión de menisco, tivo que pasar polo quirófano, quedando afastado dos terreos de xogo para o resto da tempada.

Notas

Ligazóns externas Véxase tamén

Datos do xogador en LaPreferente .

Categoría:Nados en 2002 Categoría:Nados en Gondomar Categoría:Futbolistas de Gondomar Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Borussia Dortmund II Categoría:Xogadores do SV Darmstadt 98 Categoría:Xogadores do Real Valladolid