Antón Escobar Tapias, nado en Nigrán o 16 de xuño de 1998, é un futbolista galego que xoga como dianteiro na Cultural Leonesa da Primeira División RFEF.

Traxectoria Formouse na canteira da ED Val Miñor, cunha paréntese de tres anos nos que militou no equipo xuvenil do Celta de Vigo. Co equipo xuvenil do Val Miñor competiu na División de Honra.

En agosto de 2017, despois de realizar a pretempada co Coruxo, fichou polo Choco, da Terceira División. Debutou o 20 de agosto de 2017, sendo titular no empate a un gol ante o Cultural Areas. Marcou os seus primeiros dous goles o 12 de outubro, no empate 2-2 contra o Negreira, e rematou a tempada con dez tantos.

En xullo de 2018 incorporouse ao Lugo, co que asinou un contrato de dous anos, sendo inicialmente destinado ao Polvorín de Terceira. Na súa primeira campaña no filial marcou 20 goles en 35 partidos, sendo o cuarto máximo goleador do Grupo I da categoría, só por detrás de Pablo Rey, Sylla e Aythami Perera. Debutou co primeiro equipo do Lugo na Segunda División o 29 de setembro de 2019, substituíndo a Christian Herrera nun partido ante o Tenerife.

O 30 de xaneiro de 2020 saíu cedido ao Coruxo FC, da Segunda División B, ata o final da tempada. A continuación regresou ao Polvorín, que compaxinou con algún partido co primeiro equipo.

En 2021 deixou Lugo e asinou como novo xogador do Bergantiños, da Segunda División RFEF. No equipo de Carballo, adestrado por José Luis Lemos, disputou 35 partidos e marcou 9 goles, quedando ás portas da promoción de ascenso. No verán de 2022 fichou polo Arenteiro, da mesma categoría. Anotou un total de 16 goles co equipo do Carballiño, sendo o máximo goleador do equipo nunha campaña histórica para o club, que se proclamou campión da Segunda RFEF, ascendendo á Primeira RFEF, e conquistou tamén a Copa Federación. Ademais, Escobar foi o autor do primeiro gol na histórica vitoria por 2-0 sobre o Almería na Copa do Rei, que serviu para eliminar da competición ao equipo de Primeira.

Para a tempada 2023/24 aceptou unha oferta do Real Unión, da Primeira RFEF, equipo adestrado polo galego Fran Justo e onde coincidiu co tamén galego Víctor Eimil. Disputou un total de 38 partidos e foi o máximo goleador do equipo xunto a Alberto Solís, con 12 goles cada un, conseguindo a permanencia na última xornada en Riazor. En xuño de 2024 anunciouse a súa fichaxe pola Cultural Leonesa, onde se reencontrou co seu excompañeiro no Arenteiro Pibe.

Palmarés Arenteiro Segunda División RFEF (1): 2022/23. Copa Federación (1): 2022.

Notas

Categoría:Nados en Nigrán Categoría:Nados en 1998 Categoría:Futbolistas de Nigrán Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Choco Categoría:Xogadores do CD Lugo B Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Coruxo FC Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do CD Arenteiro Categoría:Xogadores do Real Unión Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa