Francisco "Fran" Justo Rodríguez, nado en Ourense o 24 de agosto de 1989, é un adestrador de fútbol galego.
Traxectoria Nacido en Ourense, xogou ao fútbol nas categorías inferiores do Pabellón Ourense, do CD Velle e do Ponte Ourense. Debutou co primeiro equipo deste último en 2009, pero en 2013, con só 23 anos, retirouse para iniciar unha carreira de adestrador, tarefa na que xa se iniciara na canteira do propio Ponte Ourense.
En xuño de 2013 colleu as rendas da SD Nogueira de Ramuín, da Primeira Autonómica, e logrou o ascenso á Preferente Galicia no ano seguinte. En 2015, tras descender de novo a Primeira, abandonou o club e regresou aos xuvenís do Ponte Ourense, renomeado xa como Ourense CF.
O 28 de xuño de 2016 foi elixido para poñerse á fronte do primeiro equipo do Ourense CF, en Preferente. Na súa primeira campaña logrou o ascenso a Tercera División, tras rematar segundo no Grupo Sur, só por detrás do Cultural Areas. Dirixiu o equipo ourensán durante os seguintes tres anos en Terceira, logrando bos resultados, e na última tempada acabou segundo só por detrás do Compostela de Yago Iglesias, ao que non conseguiu superar na fase de ascenso.
En agosto de 2020 fichou polo Arenteiro, da mesma categoría, co que conseguiu ascender á Segunda División RFEF na súa primeira tempada. Dirixiu o equipo do Carballiño tamén durante a primeira parte da histórica campaña 2022/23, que culminaría co ascenso á Primeira División RFEF. Con todo, non chegou ao final da competición, pois en novembro, co equipo líder da liga e despois de eliminar na Copa do Rei o Almería (equipo da Primeira División) e de acadar a Copa Federación, o adestrador recibiu unha oferta para adestrar o Lugo, na Segunda División.
Chegou ao equipo lucense para substituír a Hernán Pérez, cesado despois de 16 xornadas, co equipo en postos de descenso. Debutou na categoría cun empate a un gol ante o Levante, e obtivo dúas vitorias e seis derrotas nas seguintes oito xornadas, antes de ser destituído en xaneiro. Trala súa marcha, pasaron polo banco lugués Joan Carrillo e Íñigo Vélez, pero ningún deles conseguiu cambiar o rumbo do equipo, que acabou último.
Iniciou a tempada 2023/24 á fronte do Real Unión, na Primeira División RFEF. Comezou con bos resultados e con catro vitorias nas cinco primeiras xornadas, pero foi destituído o 26 de decembro do 2023, despois de seis partidos sen gañar, sendo substituído por Iñigo Idiakez. Con todo, o técnico donostiarra non conseguiu endereitar o rumbo do equipo e só puido conseguir dúas vitorias en 13 xornadas, polo que en abril de 2024 os dirixentes do club, encabezados polos irmáns Unai e Igor Emery, decidiron ofrecerlle de novo o posto a Fran Justo, que contaba co apoio dos xogadores.
Deste xeito o galego regresou ao banco do conxunto irundarra, que se atopaba empatado a puntos cos postos de descenso a falta de oito xornadas. Logrou tres vitorias ante o Cornellà, o Unionistas e o Fuenlabrada, e un empate contra a Cultural Leonesa, resultados que foron suficientes para salvar a categoría na derradeira xornada en Riazor, a pesar de perder dito encontro ante o Deportivo da Coruña. A pesar do éxito final, o Real Unión comunicou unhas semanas despois que o técnico non seguiría á fronte do equipo.
En xuño de 2024 firmou polo Algeciras CF, do grupo 2 da Primeira Federación. Dirixiu o equipo durante toda a campaña, acabando a liga na novena posición. Para a tempada 2025/26 foi contratado como novo técnico do Mirandés, equipo revelación na campaña anterior da Segunda División. Con todo, só puido sumar dúas vitorias nas primeiras 12 xornadas, e foi destituído o 2 de novembro, co equipo na penúltima posición da táboa.
Palmarés Nogueira de Ramuín Primeira Galicia (1): 2013/14.
Arenteiro Terceira División RFEF (1): 2020/21. Segunda División RFEF (1): 2021/22. Copa RFEF (1): 2022.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1989 Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Xogadores do Ourense CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do CD Arenteiro Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores do Real Unión Categoría:Adestradores do Algeciras CF Categoría:Adestradores do CD Mirandés Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Adestradores do Ourense CF