A Guerra Fría foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética. Nome A expresión "guerra fría", no sentido específico de sinalar tensións xeopolíticas entre a Unión Soviética e os Estados Unidos, foille atribuído ao financeiro e asesor presidencial estadounidense Bernard Baruch.Gaddis (2005), p. 54 Este, o 16 de abril de 1947, pronunciou un discurso no que dixo: "Non nos enganemos: estamos inmersos nunha guerra fría". Posteriormente, o termo foi popularizado polo xornalista Walter Lippmann quen, en 1947, o empregou nun libro titulado "The Cold War, a Study in U.S. Foreign Policy" para designar a disputa que enfrontou ós Estados Unidos e a Unión Soviética tras finalizar a segunda guerra mundial.
O concepto fai referencia á ausencia de enfrontamento militar directo entre ámbalas superpotencias, malia que o antagonismo entre elas deu lugar a intensas rivalidades militares, económicas e diplomáticas. Esta tensión manifestouse nunha carreira de armamentos con risco de desemboscar nun enfrontamento atómico entre ámbolos dous países.
A rivalidade exteriorizouse tamén na espionaxe, na propaganda hostil, na intimidación e no apoio a terceiros países en guerras locais ou rexionais, xeralmente no Terceiro Mundo.
Bandos OTAN (Organización do Tratado do Atlántico Norte): os Estados Unidos, Reino Unido, o Canadá, Francia, Alemaña do Oeste, o Xapón, Australia e outros, fundamentalmente países de economía capitalista e na órbita dos Estados Unidos. Pacto de Varsovia: Unión Soviética, Polonia, Bulgaria, Checoslovaquia, Cuba e outros. fundamentalmente países centroeuropeos e da Europa Oriental, así como repúblicas africanas e do sueste asiático. Países de economía centralizada e partido único.
Orixes miniatura|dereita|Harry S. Truman. Trala derrota do fascismo, Europa atopábase semidestruída e cunha forte presenza militar, no oeste, exércitos de democracias occidentais, e no leste o Exército Vermello da comunista Unión Soviética. Nestes últimos países, a URSS comezou a apoia-los partidos comunistas, que pronto acadaron o poder. Comezaban a nace-las democracias populares. Pola súa parte, o presidente Harry S. Truman pronunciaba un discurso no Congreso o 12 de marzo de 1947, a chamada doutrina Truman, defendendo que os Estados Unidos axudarían a calquera país que fixera fronte á "ameaza comunista". Baixo esta doutrina amparáronse numerosos réximes ditatoriais ó longo das seguintes décadas.
As democracias populares tiñan características comúns: partido único, colectivización de campos e fábricas, predominio da industria pesada de base, prohibición da liberdade de expresión,...
En xullo de 1947 a administración Truman crea a CIA, e impulsa o Plan Marshall de axuda ás democracias europeas.
En febreiro de 1948, na reconstituída democracia de Checoslovaquia, o líder comunista Gottwald, con beneplácito de Stalin convoca unha folga xeral e, apoiado por traballadores armados derroca ó goberno (Golpe de Praga), pronto constituiríase a República Democrática Popular de Checoslovaquia.
Iugoslavia, tamén comunista baixo a ditadura de Tito, rompeu relacións coa URSS en agosto de 1948, porén, non fixo un achegamento ó bloque occidental, pasaría a ser un dos países non aliñados.
Nos Acordos de Londres, en xuño de 1948, Francia, os Estados Unidos e o Reino Unido decidiron poñer en circulación o Deutschemark nas súas zonas. Stalin protestou e como represalia, prohibiu toda comunicación terrestre coa parte occidental de Berlín, é o chamado bloqueo de Berlín. Porén, a superior loxística americana conseguiu non illar a Berlín Occidental con voos de subministración cada poucos minutos. En 11 meses, a ponte aérea berlinesa foi testemuña de 275.000 voos. Stalin levantou o bloqueo o 12 de maio de 1949.
O 8 de maio de 1949, as tres zonas occidentais de Alemaña constitúense nunha democracia liberal, a RFA. O bloque soviético pasa a ser unha democracia popular, a RDA. Un pano de aceiro dividira Europa, e máis tarde ó mundo.
Dous bloques Para manter a súa influencia en Europa Occidental, os Estados Unidos promoven unha maior interdependencia económica e militar coa creación do Fondo Monetario Internacional (FMI), a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), e, no 1949, a creación da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), que garante a protección mutua dos seus membros.
En 1950 créase a Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro (CECA), este proceso de unión culminaría co Tratado de Roma en 1957 e a creación da Comunidade Económica Europea (CEE).
En 1948 créase en Río de Xaneiro a Organización dos Estados Americanos (OEA). En 1951, no marco da guerra de Corea, fírmase o pacto ANZUS, unha alianza militar entre Australia, Nova Zelandia e os EUA. En 1954, fúndase a SEATO, Organización do Tratado do Sueste Asiático. Así, nos anos 50 o bloque occidental esténdese ó mundo. Pero o bloque comunista non se quedaría de mans cruzadas.
En 1947, a URSS organiza o Movemento pola Paz, protesta de intelectuais marxistas contra as armas nucleares americanas. De 1948 a 1952, é un período de purgas nas democracias populares, moitos militantes de esquerdas son acusados de desviacionistas ou trotskistas e duramente represariados. En 1949 nace o Consello de Axuda Mutua Económica (COMECON), o seu obxectivo era a planificación dos intercambios comerciais nos países do bloque comunista.
En 1955 nace o Pacto de Varsovia, tratado de cooperación e axuda militar entre os países da esfera soviética.
Coexistencia pacífica Stalin morre o 5 de marzo de 1953. Sucédeo Nikita Khrushchev, que lanza a prerrogativa da coexistencia pacífica, recoñecendo que o conflito co capitalismo xa non era inevitable, e renunciando á saída militar para o dominio comunista mundial. Pero a URSS non deixará por iso de competir cos capitalistas, así, comeza unha carreira científica, técnica, artística entre os dous bloques e máis concretamente entre as dúas superpotencias, os EUA e a URSS.
Mentres tanto, nos EUA, esténdese a fobia anticomunista, institucións gobernamentais como o Comité de Actividades Antiamericanas ou a propia CIA, investigan a altos cargos do goberno, directores de cine, escritores,... O 'perigo comunista' aparece como a temática principal das novelas e películas. Dende Estados Unidos, vese que o enfrontamento co bloque soviético é inevitable. En 1953 gaña as eleccións Dwight D. Eisenhower, a nova administración republicana adopta a doutrina das represalias masivas, dándolle un pulo definitivo á proliferación das armas estratéxicas.
A década dos 50 ve o fin da guerra de Corea e da guerra de Indochina, as tropas soviéticas abandonan Austria (1955) e a URSS recupera as relacións diplomáticas coa Iugoslavia de Tito.
No XX Congreso do PCUS, Kruschev denuncia os excesos da época stalinista e rexeita o culto á personalidade.
O 24 de outubro de 1956, unha insurrección popular en Hungría eleva ó poder ó sector máis moderado do Partido Comunista. O dirixente Imre Nagy, declara o dereito á libre asociación e o abandono do Pacto de Varsovia. Inmediatamente, forzas do Pacto entraron en Hungría e puxeron fin á insurrección.
En Berlín, o 13 de agosto de 1961, obreiros do leste mandados por militares comezan a levantar un muro ó redor da cidade para frea-lo éxodo da poboación oriental, ou, segundo as autoridades da RDA, evita-la invasión das forzas capitalistas e protexe-la poboación. O muro de Berlín sería a materialización do pano de aceiro.
En 1959 Kruschev entrevístase con Eiesnhower, entrevista que repetiría con Kennedy en 1961. Pero é no 1960 cando os soviéticos derriban un avión espía U2 sobre o seu territorio, Kruschev protesta ante as Nacións Unidas das actividades de espionaxe que poderían desencadear fortes represalias. Pero non foi ata 1962 coa crise dos mísiles de Cuba que o mundo estivo máis preto dunha III guerra mundial.
O presidente exipcio Gamal Abdel Nasser, únese ó Movemento de Países Non Aliñados (1954), Estados Unidos como represalia retira as subvencións á construción da presa de Assuan. Como resposta o exipcio nacionaliza o canal de Suez. Esta nacionalización provoca o desembarco de tropas franco-británicas e a invasión do Sinaí por parte de Israel, a Unión Soviética ameaza con usa-lo seu arsenal nuclear contra Londres e París se as tropas invasoras non se arredan, finalmente, Estados Unidos convence ós seus aliados de retirarse. A Unión Soviética pasa a se-la construtora da presa de Asuán. Este conflito decanta a posición do mundo árabe cara ao bloque comunista e reflicte a dependencia das pequenas potencias europeas dos ditados americanos.
Co derrocamento do ditador Batista en Cuba, os revolucionarios de Castro chegan ó poder. Os Estados Unidos apoiaron entón un intento de invasión por Baía Cochinos, que é frustrado. Isto fai que o novo ditador cubano Fidel Castro pida axuda á URSS e converte o que era un movemento patriótico nunha 'revolución comunista'. A cooperación cos soviéticos supón o despregue de mísiles nucleares na illa. Os U2 americanos detectan as lanzadeiras e Kennedy decreta o embargo á illa. Un convoi soviético para no Atlántico en espera de ordes de Moscova. Se continúan cara a Cuba, os americanos dispararían contra eles e entón os soviéticos atacarían dende Cuba ós Estados Unidos con armas atómicas, finalmente, Kruschev accede a retira-las plataformas de lanzamento e Kennedy levanta parcialmente o bloqueo e retira os seus mísiles de Turquía.
Período de cooperación A finais dos 60, o chanceler alemán Willy Brandt lanza a Ostpolitik, un intento de achegamento de posicións co leste. Esta política materialízase coa firma de tratados bilaterais con Polonia, URSS e Checoslovaquia. En 1972 a RFA e a RDA establecen relacións diplomáticas. tamén a comezos dos 70, a Unión Soviética debe pedir axuda ós Estados Unidos e o Canadá en forma de trigo debido á pobre maquinaria agrícola soviética que non é capaz de producir comida dabondo. Dáse o caso do pragmatismo soviético na utilización de motores de carros de combate para usar de tractores.
Hungría comeza unha serie de reformas económicas á marxe da ortodoxia comunista. Os países de Europa Oriental ven como os seus veciños europeos prosperan coa CEE e tratan de impulsar distintas reformas para acadar un maior benestar da poboación.
O dirixente checoslovaco Alexander Dubcek, propón o denominado socialismo de rostro humano, que supón unha apertura ó exterior e reformas económicas liberais este pequeno período de liberdade é coñecido como Primavera de Praga. No verán de 1968, tropas do Pacto de Varsovia entran na capital checa. A doutrina Breznev de supremacía soviética quedaba patente.
Coa derrota na guerra de Vietnam, os americanos deciden non involucrarse directamente en ningún conflito armado. En 1972, Nixon entrevístase con Mao, e o xigante comunista obtén un asento no Consello de Seguridade da ONU. Nos anos 70 os EUA para evitar calquera tipo de revolución, non dubida en apoiar ditadores en América do Sur. O caso máis destacable é o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 en Chile.
Carreira armamentística A inicial vantaxe americana no terreo das armas atómicas, é suposta por todo o mundo ata que en 1957 co lanzamento do Sputnik (do ruso, "satélite"), os soviéticos declaran a súa capacidade estratéxica. Durante os anos 50, Eisenhower deu un importante apoio á fabricación de armas atómicas. En 1958 o Explorer 1 da mariña americana pon o primeiro satélite artificial americano en órbita. No ano 1963 os americanos xa tiñan cinco mísiles nucleares por cada un dos soviéticos.