Santiago Mariño Carige, nado en El Valle del Espíritu Santo o 25 de xullo de 1788 e finado en La Victoria o 4 de setembro de 1854, foi un militar e político venezolano, xeneral en xefe do exército venezolano e heroe da independencia de América Latina. Recibiu o título de Libertador de Oriente, por liderar a campaña que liberou o leste de Venezuela do imperio español en 1813. Tamén foi presidente de Venezuela en 1835.

Traxectoria

Orixe e primeiros anos Naceu na cidade de El Valle del Espíritu Santo, na Illa de Margarita. Pertencente á destacada familia galega dos Mariño de Lobeira, seu pai era Santiago Mariño de Lobeira Acuña, natural da provincia de Pontevedra e que fixera fortuna con varias facendas nas últimas décadas do século XVIII, ademais de ser capitán de milicias reguladas; mentres que súa nai era Atanasia Carige Fitzgerald, trinitaria de orixe irlandesa. Estudou na colonia británica de Trinidad, onde seus pais se instalaron cando Mariño aínda era un neno. Con 22 anos e a raíz dos sucesos do 19 de abril de 1810, dirixiuse a Trinidad para realizar unha misión que lle encomendaba o concello de Cumaná: buscar o apoio dos ingleses á causa patriota e protestar ante o gobernador desa colonia, Thomas Hyslop, polas actividades contrarrevolucionarias de Andrés Level de Goda, o que deu inicio a un enfrontamento verbal entre el e Mariño ante a presenza de funcionarios ingleses. Level de Goda foi suspendido das súas funcións e condenado a prisión na cidade de Porto de España. Dous anos máis tarde, formou parte da expedición que, ás ordes do coronel Manuel Villapol, saíu de Cumaná coa tarefa de dominar a insurrección xurdida na provincia de Güiana. Perdida a I República, emigrou a Trinidad en compañía de varios patriotas e desde alí, tendo en conta a situación reinante en Venezuela co goberno do xefe español Domingo de Monteverde, decidiu trasladarse ao illote de Chacachacare, onde se encontraba a facenda de súa irmá Concepción Mariño.

Vida política esquerda|miniatura| Retrato de Santiago Mariño. O 11 de xaneiro de 1813, xunto con 44 patriotas que emigraran con el á británica Trinidad, constituíu unha xunta na cal se discutiu e decidiu unha ofensiva para liberar o oriente de Venezuela do dominio español. A tal fin redactouse o documento coñecido como Acta de Chacachacare, asinada por Mariño na facenda da súa irmá Concepción e exercendo como secretarios Francisco Azcue, José Francisco Bermúdez, Manuel Piar e Juan Manuel Valdés. Ao día seguinte da firma da acta, Mariño, co grao de coronel, e os seus soldados, invadiron o oriente venezolano. Alí conduciu as operacións militares que no curso de seis meses deron como resultado a liberación das provincias de Barcelona e Cumaná. En febreiro de 1814 acudiu co seu exército en auxilio de Simón Bolívar, que operaba no centro e no occidente do país. O 5 de abril, despois de derrotar en Bocachica ao xefe realista José Tomás Boves, entrevistouse con Bolívar en La Victoria para discutir os plans que desenvolverían os exércitos de oriente e occidente respectivamente. Deste xeito, Mariño marchou con 2.300 homes cara a San Carlos contra o brigadier José Cevallos, que comandaba a 4.000 homes, sendo derrotado polo xefe realista. A súa seguinte acción foi a primeira batalla de Carabobo (28 de maio), na que Bolívar venceu ao mariscal de campo Juan Manuel Cajigal. De Carabobo, Mariño dirixiuse ao sitio de La Puerta onde xunto a Bolívar fixo fronte a José Tomás Boves con saldo desfavorable para os republicanos.

Tras a caída da segunda república, produciuse o exilio de Simón Bolívar e Santiago Mariño en Cartaxena de Indias, Xamaica e Haití. Participou na primeira expedición de Los Cayos e ao chegar a Venezuela foi nomeado segundo do Libertador. Inspirou o Congreso de Cariaco con José Cortés de Madariaga, no que se reavivou o federalismo en Venezuela, o que provocou un enfrontamento con Bolívar que desautorizou o Congreso. Como deputado, Mariño representou á provincia de Cumaná no segundo Congreso de Venezuela, reunido en Angostura o 15 de febreiro de 1819, no que obtivo a licenza para regresar ao exército. Ese mesmo ano triunfou sobre o coronel Eugenio Arana na batalla de Cantaura e mentres Bolívar operaba en Nova Granada participou no movemento que desprazou a Francisco Antonio Zea da vicepresidencia da República. No seu lugar nomeouse o xeneral Juan Bautista Arismendi, e Mariño quedou como comandante en xefe do Exército de Oriente. Unha vez que Bolívar chegou á cidade de Angostura, Mariño foi destacado no Estado Maior. Posteriormente, o 30 de maio de 1821, foi nomeado xefe do Estado Maior do Exército Libertador, e con ese cargo loitou na batalla de Carabobo (24 de xuño). En 1824 foi nomeado presidente do Consello de Guerra de Oficiais Xerais en Caracas, que debía xulgar a conduta do xeneral de brigada Lino de Clemente na perda de Maracaibo en 1823. En 1826 o Congreso de Colombia designouno para o importante cargo de Ministro Xuíz do Tribunal Superior de Xustiza, función que non puido exercer ao estalar en Venezuela o movemento separatista de La Cosiata, do que foi un dos principais dirixentes xunto con José Antonio Páez.

O 30 de abril de 1826 estalou en Valencia dito movemento separatista, chamado tamén "revolución dos morrocoyes", que levou ao xeneral Páez ao poder, descoñecendo a constitución e rexeitando a Nova Granada e o goberno de Santander. Como Intendente e Comandante Xeral de Maturín destacou na separación de Venezuela e foi o seu representante ante os granadinos dirixidos polo Mariscal Sucre na reunión de Cúcuta de 1830. Durante o primeiro goberno de José Antonio Páez, sendo ministro de Guerra e Mariña, uniuse á Revolución Integradora de 1831. miniatura| Caracas segundo Joseph Thomas en 1839. Derrotado polo doutor José María Vargas nas eleccións presidenciais de 1835, o 8 de xullo de 1835 dirixiu a Revolución das Reformas , que tiña como obxectivos establecer o foro militar, a relixión do Estado, reivindicar o nome do Libertador Simón Bolívar e reconstruír a Gran Colombia. O 9 de xullo de 1835 o presidente Vargas e o vicepresidente Andrés Narvarte exiliáronse na illa de San Tomé.

Aínda que os membros da Xunta Revolucionaria recoñecerían ao xeneral Santiago Mariño como Xefe Supremo mentres non se promulgara a nova Constitución, os revolucionarios, no intento de manter o poder, tamén proclamaron a José Antonio Páez como Xefe Superior, e o mesmo fixo o presidente expulsado José María Vargas, cando o nomeou Xefe de Operacións, constituído en árbitro. Trala derrota da Revolución a mans de Páez. Mariño deixou o poder e foi expulsado ás Antillas. O doutor Vargas foi restituído na primeira maxistratura o 20 de agosto de 1835 e continuou como presidente da República ata abril de 1836, data na que renunciou ao cargo.

Mariño regresou en 1848 e o presidente da República, José Tadeo Monagas, encomendoulle a dirección do exército para facer fronte á sublevación do xeneral Páez, tras os acontecementos do 24 de xaneiro de 1848, que provocaron o asalto ao Congreso de Monagas. Anos máis tarde, en 1853, foi enviado a prisión pola súa participación na chamada Revolución de Maio, que estalou a noite do 24 ao 25 de maio dese ano. Os últimos días da súa existencia transcorreron en La Victoria, retirado das actividades públicas e políticas. Os seus restos repousan no Panteón Nacional de Venezuela desde o 29 de xaneiro de 1877.

Algúns historiadores consideran que parte da fama e prestixio histórico que ostenta Simón Bolívar débese ao fiel traballo de Mariño, sendo este quen propiciou diversas vitorias e xestas da independencia. O propio Bolívar recoñeceu en máis dunha ocasión a relevancia de Mariño para Venezuela. Como moitas personaxes da historia de Venezuela, estivo vinculado á masonaría, sendo membro desta orde no grao 33.

Vida familiar miniatura| Estatua de Santiago Mariño no Panteón Nacional de Venezuela . Santiago Mariño casou dúas veces, a primeira con Ana Teresa Malpica Hidalgo e a segunda con Rafaela Linero y Campo, natural da cidade de Tunja. TIvo dous fillos coa primeira delas (Santiago e Eusebio Mariño Malpica) e tres coa segunda (Leonídas, Pablo e Luisa Mariño Linero).

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Congreso de Angostura

Categoría:Nados en Venezuela Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1788 Categoría:Finados en 1854 Categoría:Venezolanos de ascendencia galega Categoría:Militares de Venezuela Categoría:Políticos de Venezuela