Benito Loigorri ou Benito Loygorri Pimentel, nado en Biarritz, Francia, o 4 de setembro de 1885 e finado en Madrid, o 1 de febreiro de 1976, foi un enxeñeiro e pioneiro da aviación española. Era irmán do ilustrador José Loygorri.

Traxectoria Aos 18 anos viu voar aos Irmáns Wright en Pau e Le Mans. O 30 de agosto de 1910, con vinte e cinco anos, converteuse no primeiro español en conseguir o título de piloto da FAI (Federación Aeronáutica Internacional) a bordo dun biplano modelo Henri Farman con motor Gnome 50CV, na escola Voisin da localidade francesa de Mourmelon-le-Grand, preto de Reims. Tamén foi o primeiro que obtivo licenza do Real Aero Club de España.

Exhibicións Por esta época, formou unha sociedade como representante da casa Farman, e vendeu os 3 primeiros aparatos que comprou o Exército do Aire. Cando o exército creou o primeiro aeródromo militar, o de Cuatro Vientos, el realizou a primeira proba oficial o 13 de marzo de 1911, a bordo do seu Farman e acompañado de Emilio Herrera.

En xuño de 1911, contratado pola Liga de Amigos de Lugo, fixo unha exhibición en Lugo, no barrio de Montirón, que acabou en desfeita pois se estrellou co aparato a poucos de comezar o voo. En 1912, foi contratado para facer demostracións de voo na Feira de Llerena, provincia de Badaxoz.

A finais da década de 1910, sufriu un grave accidente en Bridgeport cando, ao probar un avión, se lle rompeu o mando de profundidade e se estrellou, sufrindo graves feridas que o levaron a abandona-la práctica catro anos despois.

Outros negocios Dende o accidente, centrouse na súa profesión de enxeñeiro e viaxou por varios países latinoamericanos como empregado da General Motors. Traballou en Cuba nunha fábrica de azucre até mediados de 1918. Desde alí, polo 1914, pasou a México e entrou na Escola de Aviación Civil Mexicana onde colaborou coas promocións que alí se formaban.

En 1921, regresou novamente a España para renovar os negocios de automóbiles pero a súa estancia foi curta. Volveu aos Estados Unidos e empezou a traballar no departamento de venda e exportacións da General Motors montando, neses anos a fábrica de Montevideo. Regresou a España e dirixiu a planta de Barcelona até a súa desaparición, ocorrida na década do trinta e, de 1932 a 1949, foi director xeral (Xerente) de General Motors Peninsular S.A., que se encargou da distribución da gama de produtos de GM para toda España e Portugal. En 1950, xubilouse.

Durante a Guerra Civil, non participou como aviador en ningún dos dous bandos mais vendeu uns 6.000 ou 7.000 camións ao goberno de Burgos.

Recoñecementos

1911, Cruz de Isabel la Católica

Notas

Categoría:Nados en Biarritz Categoría:Nados en 1885 Categoría:Finados en 1976 Categoría:Aviadores de España Categoría:Enxeñeiros de España