Francisca Alejandra Lara Lara, coñecida como Pancha Lara, nada en San Fernando o 29 de xullo de 1990, é unha futbolista chilena que xoga como centrocampista no Deportivo da Coruña, da Primeira División. É internacional coa selección chilena, da que é a máxima goleadora histórica, con 27 goles.
Traxectoria Comezou a súa carreira no Ferroviarios do seu país natal, club que pouco despois foi rebautizado como Coquimbo Unido. En outubro de 2010 chegou a marcar nove goles nun mesmo partido, na vitoria por 12-1 sobre o Melipilla. Posteriormente pasou polo Cobreloa, antes de recalar en 2012 no Colo-Colo, co que gañou un total de doce títulos nacionais, entre eles nove ligas, así como a Copa Libertadores de 2012. Na final daquel torneo anotou o seu lanzamento na quenda de penaltis da que o seu equipo saíu triunfante ante o Foz Cataratas brasileiro.
En 2017 instalouse en Europa, onde vestiu primeiramente as camisetas do Sporting de Huelva e Sevilla, da Primeira División. En xullo de 2020 fichou polo Le Havre francés. Tras unha mala campaña co club normando, que descendeu de categoría ao sumar só 8 puntos, foi fichada polo Villarreal. En xullo de 2024 asinou como nova xogadora do Deportivo da Coruña, que viña de ascender a Primeira.
Selección nacional Foi unha das 20 xogadoras seleccionadas para representar a Chile no Campionato Suramericano de 2010 en Ecuador. Marcou dous goles na Copa América Feminina de 2018, onde Chile se clasificou para unha Copa Mundial Feminina da FIFA por primeira vez na súa historia. Tamén formou parte da selección chilena que gañou a medalla de prata nos Xogos Suramericanos de 2014. Disputou os Xogos Olímpicos de 2020 en Tokyo, onde o seu equipo non conseguiu pasar da fase de grupos.
Notas
Categoría:Nados na rexión de O'Higgins Categoría:Nados en 1990 Categoría:Futbolistas de Chile Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Futbolistas olímpicos de Chile Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2020