Javier Augustine "Jarvey" Ocampo Gayoso, nado en Las Piñas o 11 de febreiro de 1997, é un futbolista filipino que xoga como lateral esquerdo no Phnom Penh Crown da Liga Premier de Camboxa. É internacional coa selección de Filipinas.

Traxectoria

Comezos Naceu no seo dunha familia moi vencellada ao deporte, sendo fillo do antigo xogador profesional de baloncesto Jayvee Gayoso e da xogadora de voleibol Jinggay Antonio-Gayoso, neto do xogador de baloncesto Poch Gayoso e do futbolista e xogador de baloncesto Edgardo Ocampo e sobriño do tamén futbolista Alvin Ocampo.

Xogou ao baloncesto na súa mocidade, pero finalmente decidiu centrarse no fútbol, deporte que comezou a practicar aos 4 anos. Mentres estudaba no instituto Ateneo de Manila xogaba ao fútbol e practicaba atletismo, chegando a lograr medallas de ouro nas probas de 200 metros, 400 metros, salto de altura e salto de lonxitude.

Xa na Asociación Atlética Universitaria de Filipinas (UAAP), xogou no equipo senior de fútbol da Universidade Ateneo de Manila, debutando en 2016. O Ateneo quedou terceiro na eliminatoria e despois perdeu na final ante a Universidade de Filipinas. Gayoso foi recoñecido como o máximo goleador da tempada con 11 goles xunto con Paolo Salenga da Universidade Nacional.

Na seguinte campaña, contribuíu ao título de liga do Ateneo, marcando o único gol do partido. Finalmente foi nomeado mellor dianteiro e MVP da tempada. Na tempada 2018 volveu ser galardoado como mellor dianteiro da UAAP, repetindo outra vez na 2019.

ADT Para a tempada 2020 deixou o deporte universitario e fichou polo Azkals Development Team (ADT) da Liga de Fútbol de Fililpinas (PFL), máxima categoría do país. A pesar de que ata entón xogara como dianteiro, no ADT o adestrador Scott Cooper colocouno na defensa. Debutou co primeiro equipo na PFL o 28 de outubro, nunha derrota por 1-0 ante o United City.

Axiña comezou a destacar e en novembro de 2020 viaxou a Tailandia para fichar polo Muangthong United da Thai League 1, pero a operación non chegou a completarse.

Cesión ao Kaya–Iloilo En xuño de 2021 foi cedido ao Kaya–Iloilo. Debutou o 26 de xuño, no primeiro partido da fase de grupos da Liga de Campións da AFC, unha derrota por 4-1 ante o BG Pathum United.

Copa Paulino Alcántara 2021 De regreso no ADT, disputou a fase de grupos da Copa Paulino Alcántara de 2021, marcando cinco goles na goleada por 9-0 sobre Mendiola, converténdose no futbolista con máis goles nun mesmo partido na historia da competición. Tamén marcou nas semifinais contra Stallion Laguna, pero sufriu unha lesión nun tendón, o que lle fixo perder a final, na que o seu equipo caeu ante o Kaya. Con todo, os seus seis goles valéronlle o premio da Bota de Ouro do torneo.

Kaya–Iloilo O 8 de febreiro de 2022, o Kaya–Iloilo anunciou a fichaxe de Gayoso. Co club de Visayas Occidental gañou dous títulos de liga (2023-24 e 2024), sendo o máximo goleador na segunda das tempadas, con 23 goles. Conquistou tamén a Copa Paulino Alcántara de 2023, tras derrotar na final ao Davao Aguilas.

Phnom Penh Crown En xullo de 2024 fichou polo Phnom Penh Crown de Camboxa.

Selección nacional Tras ser internacional nas categorías inferiores, debutou coa selección filipina absoluta en novembro de 2017, no Torneo Internacional CTFA en Taiwán, ante Laos.

Notas

Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Filipinas Categoría:Futbolistas de Filipinas Categoría:Dianteiros de fútbol