Kevin Patrick Shields, nado o 21 de maio de 1963, é un músico, vocalista, compositor e produtor discográfico irlandés que acadou fama internacional como cantante e guitarrista da banda de rock alternativo My Bloody Valentine. Os seus álbums de estudio Isn't Anything (1988) e Loveless (1991) estableceron a Shields como unha figura pioneira no xénero shoegaze. O seu son de guitarra texturizado e a súa experimentación cos sistemas de trémolo das súas guitarras deron como resultado a creación da técnica "glide guitar", que se converteu nun aspecto recoñecible do son de My Bloody Valentine, xunto coas súas meticulosas técnicas de produción.

Tras a disolución de My Bloody Valentine a finais dos anos 90, Shields converteuse con frecuencia en músico invitado, produtor, enxeñeiro e remesturador con varias bandas e artistas, como Experimental Audio Research, Yo La Tengo, Dinosaur Jr, e Mogwai. En 1998 converteuse en membro de xira de Primal Scream. Shields contribuíu con varias composicións orixinais á banda sonora da película de 2003 de Sofia Coppola Lost in Translation, o que lle valeu nomeamentos para os premios da Academia Británica de Artes Cinematográficas e Televisivas (BAFTA) e da Academia Irlandesa de Cine e Televisión (IFTA). En 2008 Shields lanzou un álbum en directo colaborativo xunto con Patti Smith titulado The Coral Sea.

My Bloody Valentine reuniuse en 2007 e a banda publicou o seu terceiro álbum de estudio, m b v, en febreiro de 2013. Shields compuxo enteiramente o disco e levaba en produción dende finais dos 90, cando se rumoreaba que Shields sufría un bloqueo de escritor. Dende entón, Shields apareceu nas listas dos mellores guitarristas de varias publicacións, incluíndo a dos 100 mellores guitarristas de Rolling Stone e a dos 100 mellores guitarristas de todos os tempos de Spin. Varios músicos tamén o citaron como influencia, incluíndo Billy Corgan e J Mascis.

Notas

Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados en Queens Categoría:Guitarristas de Irlanda Categoría:Cantantes de Irlanda