As ficolinas son receptores de recoñecemento de padrón que se unen a grupos acetilo presentes nos carbohidratos da superficie das bacterias e funcionan como mediadores da activación da vía da lectina da fervenza do complemento.

Estrutura As ficolinas son un grupo de lectinas oligoméricas cun dominio N-terminal similar ao coláxeno e un dominio C-terminal similar ao fibrinóxeno. A estrutura primaria das ficolinas comprende 288 aminoácidos. A combinación de dominios similares ao coláxeno e ao fibrinóxeno permite que estas proteínas formen unha subunidade básica que contén unha cola de tripla hélice e un trío de cabezas globulares.

As ficolinas prodúcense nos hepatocitos do fígado e nas células alveolares de tipo II dos pulmóns, así como en neutrófilos e monocitos.

Papel na inmunidade innata Os mecanismos de recoñecemento da inmunidade innata son sofisticados e neles interveñen as ficolinas. As secrecións exócrinas proporcionan diversos factores solubles que teñen a capacidade de protexer o corpo de posibles patóxenos.

Xunto coas pentraxinas, colectinas e moléculas C1q, as ficolinas constitúen as moléculas de recoñecemento de padrón (PRMs) solubles que exercen un importante papel na inmunidade humoral e na innata. As ficolinas recoñecen as estruturas dos carbohidratos da superficie dos patóxenos como o seu padrón molecular asociado a patóxenos (PAMP) e activan a vía da lectina do sistema do complemento. Concretamente, as ficolinas únense a grupos acetilo presentes en certas moléculas bacterianas, como a N-acetilglicosamina, un compoñente do peptidoglicano da parede celular bacteriana. Cando as ficolinas e unen aos seus ligandos PAMP polo seu dominio C-terminal similar ao fibrinóxeno, inician a fervenza proteolítica do complemento, facilitada polas serina proteases asociadas á proteína que se une á manosa (MASPs) ás cales as ficolinas están asociadas e coas cales cocirculan. Despois, as serina proteases cortan varias proteínas do complemento solubles causando a activación do complemento, a opsonización, a xeración de mediadores proinflamatorios e a lise das células.

As colectinas e ficolinas tamén se chaman lectinas colaxenosas. A familia das colectinas consta de proteínas dependentes do calcio. En contraste, a familia das ficolinas non se une a PAMPs de maneira dependente do calcio.

Tipos de ficolinas En humanos identificáronse tres ficolinas:

M-ficolina (FCN1), ficolina do monocito, ficolina-1. L-ficolin (FCN2), ficolina do fígado (liver), ficolina-2. H-ficolin (FCN3), antíxeno hakata, ficolina-3. A ficolina-1 e ficolina-2 están codificadas por un xene localizado no cromosoma 9 (9q34) e comparten aproximadamente un 80 % de identidade na secuencia de aminoácidos. A ficolina-3 está codificada no cromosoma 1 e ten só un 50 % de identidade coas outras dúas ficolinas. Observouse unha reactividade cruzada das ficolinas no soro sanguíneo humano.

Referencias clínicas A concentración de ficolinas no soro de persoas sas está entre 3 e 5 μg/mL.

Como a ficolinas-2 e -3 se expresan nos hepatocitos, os seus niveis diminúen en casos de doenzas hepáticas avanzadas como a cirrose. Niveis baixos de ficolinas contribúen á disfunción inmune asociada á cirrose.

A inmunólogoa Jeak L. Ding e o seu equipo atoparon que as IgG naturais (nIgG; unha inmunoglobulina non específica da inmunidade adaptativa) non son quiescentes, senón que teñen unha función crucial na defensa inmunitaria innata ao colaboraren coa ficolina (unha proteína inmunitaria innata).

Notas

Categoría:Ficolinas Categoría:Proteínas sanguíneas Categoría:Proteínas humanas Categoría:Lectinas