Juan Gómez de Lecube, nado en Ribadeo o 12 de maio de 1902 e finado en Barcelona o 1 de maio de 1966, foi un futbolista, adestrador e espía galego-vasco. Xogaba como extremo dereito e militou entre outros no Celta de Vigo e no Atlético de Madrid, disputando con este último as dúas primeiras tempadas da Primeira División. Durante a Segunda Guerra Mundial traballou como espía para a Alemaña nazi, motivo polo que foi encerrado varios anos polo bando aliado en campos de concentración.
Traxectoria Naceu en Ribadeo, onde traballaba seu pai, e criouse en Bilbao. Era curmán do futuro lendakari José Antonio Aguirre, co que viviu varios anos despois da morte da súa nai en 1906. Comezou a súa carreira como futbolista na canteira do Arenas de Getxo, antes de instalarse en Torrelavega, onde casou e formou unha familia.
Na vila cántabra xogou nas filas da Gimnástica de Torrelavega, onde pasou de ocupar a posición de interior dereito á de extremo dereito. Axiña comezou a destacar, sendo o futbolista máis veloz do país, e na tempada 1927/28 xogou no Celta de Vigo, co que realizou unha xira pola Arxentina e o Uruguai. A continuación fichou polo Atlético de Madrid, co que disputou as dúas primeiras tempadas da Primeira División, e foi o autor da primeira asistencia da historia da liga, ao dar o pase de gol ao seu compañeiro Palacios.
Deixou o fútbol antes de cumprir os 30, e nos seguintes anos traballou como funcionario de Facenda, ademais de participar na organización de carreiras de galgos e de iniciar a súa carreira como adestrador no Gimnàstic de Tarragona. O estalido da guerra civil sorprendeuno en Zaragoza e durante o conflito moveuse polo territorio controlado polo bando franquista, separado da súa familia, que vivía en Tarragona. Foi centurión das milicias falanxistas nas Palmas de Gran Canaria e seleccionador canario durante a guerra.
No outono de 1941 foi recrutado polo servizo de intelixencia alemán en Barcelona. Baixo o nome en clave de Espina, foille encomendada a misión de espiar na zona da Canle de Panamá, un dos puntos xeográficos máis estratéxicos da Segunda Guerra Mundial. Grazas á interceptación de mensaxes alemás con Enigma, os británicos conseguiron detelo en Trinidad e Tobago en xuño de 1942, cando facía a viaxe de Europa a América.miniatura| O campo 020 estaba situado na mansión de Latchmere House de Londres. Por orde de Herbert Morrison, secretario do Interior do goberno de Churchill, Lecube foi trasladado ao Reino Unido para ser interrogado polo MI5 no campo 020 de Londres. Nos seguintes anos pasou por outros catro campos de concentración: o campo 001 en Londres, o campo 020R en Henley-on-Thames, a prisión de Dartmoor e o campo de Peveril, na Illa de Man.
A pesar dos interrogatorios, ameazas de morte, torturas e chantaxes aos que foi sometido polos británicos, Lecube sempre negou os seus vínculos coa Alemaña nazi e acabou sendo posto en liberdade sen confesar, unha vez rematada a guerra e despois de que o goberno franquista esixise a súa liberación.
En 1951 recuperou a súa carreira como adestrador, fichando polo Lleida, que viña de descender á Segunda División. Nesta mesma categoría dirixiu tamén o Sant Andreu e o Condal, e o seu último club foi o L'Hospitalet.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Lecube, futbolista y espía nazi, programa sobre a vida de Juan Gömez de Lecube no podcast Brazalete Negro .
Categoría:Nados en Ribadeo Categoría:Nados en 1902 Categoría:Futbolistas de Ribadeo Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da Gimnástica de Torrelavega Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Adestradores do UE Lleida Categoría:Adestradores do UE Sant Andreu Categoría:Adestradores do CE L'Hospitalet Categoría:Falanxistas Categoría:Espías da segunda guerra mundial Categoría:Prisioneiros de guerra Categoría:Finados en 1966